domingo, 28 de noviembre de 2010

A Deputación mellorará con 130.000 euros doce rutas de sendeirismo na provincia


A Deputación fará melloras en doce rutas de sendeirismo de seis concellos lucenses. No marco desta actuación acometeranse traballos de roza, sinalización e balizamento en 82 quilómetros de carreiros. Así o anunciou o portavoz provincial do PSOE, Antonio Gato, quen deu conta da adxudicación provisional na xunta de goberno dos venres, por 130.000 euros, dos traballos, que se iniciarán en decembro.
Sobre as zonas de actuación, Gato detallou que se recuperarán 32 quilómetros de pistas en Lugo, en concreto no paseo do río Rato, na ruta ao Piago e na da Fervenza. As melloras restantes faranse na ruta das Insuas do Miño (Outeiro de Rei), A Seimeira (A Pontenova), A Retorta e Penedo da Forca (Navia), a ruta do castelo á igrexa de Donís e de Castelo a Moreiras (Cervantes) e as de Queixoiro, Vilardíaz-San Andrés e Puintores (A Fonsagrada).
Gato sinalou que estas melloras se financiarán a través de LugO2, un programa que conta cun orzamento de cinco millóns do que xa se comprometeu un 98% dos fondos, segundo destacou.
Por outra banda, Antonio Gato informou da aprobación de novos investimentos nos concellos da Fonsagrada, Guntín e Lourenzá por un importe global de 360.000 euros.
Na Fonsagrada rexenerarase o firme no acceso da Porteliña-Cereixido e no ramal ao Taboeiro. Polo que se refire a Guntín, a xunta de goberno adxudicou de forma provisional a substitución das tubaxes e o abastecemento no centro urbano. Ademais, aprobouse a mellora da drenaxe e a seguridade viaria dun tramo de dous quilómetros da estrada provincial 2802, entre San Xurxo e Arroxo, en Lourenzá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario