martes, 23 de noviembre de 2010

Un enorme buraco trágase de súpeto un prado na serra do Courel


Preto da aldea de Romeor, no Courel, rexístrase un impresionante fenómeno. Un pozo de máis de vinte metros de diámetro e uns trinta de profundidade abriuse de golpe no chan dun prado, nunha ladeira empinada, a moi pouca distancia da estrada que une os pobos de Mostaz e Milleiros. O suceso produciuse a finais do verán, pero ata agora só era coñecido polos veciños da zona.
O director do instituto xeolóxico da Universidade da Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, cre que probablemente se debe ao afundimento do teito dunha cova calcaria, un fenómeno habitual nos relevos de tipo cárstico. Trataríase do que se coñece como o colapso dunha dolina. A roca que forma as paredes do pozo é lousa, pero por baixo pode haber formacións calcáreas. Gran parte do terreo da serra é calizo e nesta zona áchanse algunhas das covas máis profundas de Galicia.
O geólogo opina que, tras o derrubamento da bóveda da suposta cova, a masa de lousa situada sobre ela -debilitada polas infiltracións de auga nun longo proceso de erosión- acabou por afundirse e caer dentro desa cavidade. Ao seu xuízo, a causa do derrube pode estar na acción erosiva dun río subterráneo.
Vidal pensa que existe o risco de que o fenómeno se repita e aconsella tomar medidas preventivas, sobre todo tendo en conta que unha estrada pasa cerca do pozo. «Recomendaría facer un exame da zona con georradar para determinar as dimensións da cova que pode existir aí debaixo e ver se hai que tomar medidas adicionais de protección, como delimitar unha zona de perigo máis ampla», apunta.
O prado pertence a unha familia de Milleiros que o usaba para apacentar as súas ovellas e que, ademais de ver inutilizada gran parte da súa leira, teme as posibles consecuencias do derrubamento. «Terían que facer algo ou Concello ou a Xunta, porque nós nin sabemos ben ou que pasou nin \ medios para facer nada», din.

No hay comentarios:

Publicar un comentario