jueves, 11 de noviembre de 2010

O IES Fontem Albei gaña o premio Ponte nas Ondas



Un grupo de 30 alumnos do IES Fontem Albei, da Fonsagrada, gañou o primeiro premio do certame Ponte nas ondas, no que participan centros educativos de Galicia e Portugal. Unha representación dos estudantes acudiu a pasada semana á localidade lusa de Maia para recoller o galardón.
O premio que convoca a asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas distingue traballos de recollida centrados na tradición oral galego-portuguesa. A proposta dos estudantes fonsagradinos foi un vídeo no que se recollían lendas da zona e mostrábase o traballo de elaboración dun birimbao.
Para realizalo, os alumnos contaron coa axuda de persoas maiores do municipio, de quen recolleron lendas de transmisión oral. Algunha delas tamén participou na elaboración do vídeo.
A parte dedicada a estas narracións desenvólvese ao pé do lume, onde un grupo de mozos escoita contos populares de boca dunha anciá e un adolescente. A pesar de pertencer a xeracións diferentes, ambos comparten unha cualidade: o hábil manexo da arte de contar.
Da man destas dúas personaxes, os oíntes vanse introducindo en diversas lendas ata completar unha das habituais veladas de outrora.
A outra parte do vídeo aborda o aspecto musical da tradición oral. Os estudantes fonsagradinos decidiron dar a coñecer o birimbao, un instrumento que se conserva grazas á pervivencia na montaña lucense.
O documental mostra o proceso de elaboración dun destes instrumentos. Para iso, os mozos contaron coa colaboración dun ferreiro, mestre artesán especializado no forxado de birimbaos.
A música deste instrumento tamén ten cabida no traballo. Os mozos introdúcena a través dun concerto ofrecido por un tocador local no instituto.
O vídeo dos estudantes fonsagradinos foi o máis valorado pola organización, que promove a presentación da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués ante a Unesco, para a súa declaración como patrimonio da humanidade.

Compensación: Mil euros para seguir traballando
O premio do certame que organiza Ponte nas ondas ten unha dotación de 1.000 euros, que os alumnos recibiron a pasada semana na localidade portuguesa de Maia. Ao acto de entrega do premio acudiron unha ducia de estudantes, acompañados por varios profesores.
Cursos
Neste traballo participaron alumnos de 2º e 4º curso de ESO, que no momento de realizar o documental, ao longo do curso pasado, estudaban 1º e 3º.

No hay comentarios:

Publicar un comentario