14/10/2011 - F.G. / El Progreso (Lugo)
A Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, acaba de aprobar a introdución doutros once exemplares da provincia de Lugo no ‘Catálogo de árbores senlleiras'.
Trátase de árbores que pertencen aos municipios do Saviñao, Foz, Xermade, Castro de Rei, Cervantes, Quiroga, A Fonsagrada, Baleira e Carballedo.
No Saviñao, inclúese un exemplar de nogueira, situado en Licín; en Cangas de Foz, unha moreira negra; en Xermade, un carballo en Freán; en Castro de Rei, o carballo de Luxís, en Pacios, e un teixo, en Balmonte; en Cervantes, dous carballos, en Cabanavella; en Quiroga, un teixo, en Cereixido; na Fonsagrada, outro, en Carballido, e en Baleira, outro máis, en Fontaneira. Ademais, o novo catálogo da Consellería de Medio Rural cualifica como árbores singulares unha devesa, situada no lugar de Cartelos, no municipio de Carballedo.
En total, en toda Galicia, son catalogados máis de medio centenar de árbores senlleiras.
Lexislación
A lexislación galega contempla desde o ano 2007 esta catalogación de árbores que, pola súa singularidade ou antigüidade, poden ser consideradas especies especiais e establece unha serie de medidas de protección para poder protexelos de calquera tipo de actuación que lles resulte prexudicial.
Para introducir unha árbore nesta catalogación pode ser a propia Consellería de Medio Rural a que tome a iniciativa, aínda que a lexislación tamén contempla a posibilidade de que os trámites se inicien por proposta dun particular.
é a Dirección Xeral de Conservación dá Natureza a que decide se os exemplares en cuestión reúnen as condicións para ser rexistrados no catálogo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario