14/02/2012 - El Progreso (Lugo / Madrid)
O actor Frank Braña, un histórico do cine de acción con raíces 
familiares na Fonsagrada, onde pasou a súa infancia, faleceu onte en 
Madrid, aos 77 anos de idade, vítima dunha insuficiencia pulmonar. 
Rostro habitual das producións do oeste coñecidas como ‘spaghetti 
western', Braña chegou a participar en máis de 170 películas.
Na súa carreira actoral, na que o seu papel máis habitual foi o
 de pistoleiro que, durante a metraxe, caía abatido polas balas dos seus
 inimigos, inclúense papeis nalgúns dos ‘spaghetti westerns' máis 
famosos da historia do cine.
Así, chegou a compartir elenco con Clint Eastwood nas 
producións ‘A morte tiña un prezo' e ‘Por un puñado de dólares', rodadas
 a mediados dos anos 60 polo máis reputado director do xénero, o 
italiano Sergio Leone.
Por esta traxectoria profesional, Frank Braña chegou a recibir 
en Lugo unha homenaxe no marco da edición de 2007 da Semana 
Internacional de Cine de Autor.
|  | 
| O intérprete e especialista de cine Frank Braña, nunha imaxe tomada en 2006 na Fonsagrada (Foto: AEP) | 
Inicios difíciles
Braña naceu en 1934 na localidade asturiana de Pola de Allande,
 onde o seu pai traballaba de barbeiro, aínda que as penurias da época 
fixeron que os seus proxenitores decidisen envialo de neno a casa da súa
 familia materna, na parroquia fonsagradina da Allonca. Alí pasou a súa 
infancia traballando como pastor, ao cargo das ovellas que criaban os 
seus avós na casa familiar, no lugar da Trousa, ata que, con 12 anos, 
deixou A Fonsagrada para traballar de mineiro.
Tras un intento errado -por problemas respiratorios derivados 
do seu paso pola mina - de ingresar na Garda Civil, corpo no que 
traballou o seu pai tras deixar a barbería, na zona de Negueira de 
Muñiz, Frank Braña mudouse a Madrid.
Aínda que se foi para traballar de chofer, á súa chegada 
decatouse dunhas probas para especialista no cine, probou sorte e deulle
 un xiro á súa vida profesional.
Extensa Filmografía
Braña estreouse cun pequeno papel en 'Café de Chinitas', de 
Gonzalo Delgrás, con 26 anos de idade, e pronto comezou a formar parte 
de forma habitual das cintas do oeste da época.
Ademais de aparecer na gran pantalla xunto a Clint Eastwood, 
tamén participou en películas con outras estrelas do celuloide como 
Charlton Heston ou William Holden. En 'Rey de Reyes', unha 
superproducción de 1961 sobre a vida de Xesucristo, desenvolveu o seu 
primeiro papel como especialista para escenas de acción.
A finais dos anos sesenta e durante a década seguinte rodou 
varias películas de Rafael Romeu Marchent, como ‘Garringo', ‘Mans 
torpes', ‘Un dólar de recompensa' ou ‘O lobo negro', entre outros 
títulos.
A silicose, herdanza dos seus anos na mina, impediulle 
desenvolver o seu traballo con normalidade e afastouse definitivamente 
das longametraxes en 2004, logo de participar en 'Carrusel c.1950', de 
José Luís Garci.
Profeta na súa terra
Aínda que recibiu varias homenaxes pola súa carreira como 
actor, o último o pasado mes de decembro no Festival de Western de 
Almería, para el foi especialmente emotivo ser profeta na súa terra ao 
converterse no protagonista da edición de 2007 da Semana Internacional 
de Cine de Autor en Lugo, na que se repasou a súa filmografía.
Segundo recordaba onte a alma máter do certame, Manuel Curiel, 
Braña presentou por entón en Lugo a súa autobiografía ‘Morrer con 
dignidade no cine', titulada así en alusión ás moitas veces que tivo que
 facerse o morto na gran pantalla, un rol que lle valeu o recoñecemento 
dos seus colegas do gremio actoral.
Esa non foi a única vez que foi profeta na súa terra xa que un 
ano antes, en 2006, foi elixido para pronunciar na Fonsagrada o pregón 
da feira do butelo. Aínda que Braña residía na localidade madrileña de 
Collado Villalba, ata hai dous anos, cando empeorou a súa saúde, foron 
frecuentes as súas visitas ao concello no que pasou a súa infancia.
 

 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario