jueves, 26 de julio de 2012

O pleno fonsagradino oponse á desaparición do xulgado

A corporación aprobou por unanimidade que a Igrexa pague impostos

A corporación da Fonsagrada aprobou rexeitar a reforma da planta xudicial elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. A decisión, adoptada a tenor dunha proposta presentada polo goberno municipal, baséase na repercusión que terá na comarca fonsagradina, dado que se se aplica desaparecerá o xulgado da localidade. O alcalde, o socialista Argelio Fernández, recordou que o xulgado ocupa un edificio que foi remodelado e acondicionado fai uns sete anos. Tamén aludiu aos prexuízos que causará na comarca en todos os aspectos, sobre todo tendo en conta que máis do 40% da poboación supera os 65 anos.
Por unanimidade, o pleno tamén aprobou unha moción dos nacionalistas propondo ás administracións central e autonómica a revisión do acordo de exención do pagamento do Imposto de Bens Inmobles por parte da Igrexa católica, ou a compensación en tanto non se produce a revisión. Segundo o manifestado no pleno celebrado a última hora da tarde de antonte, os edís fonsagradinos céntranse na situación no municipio. Na zona hai varias reitorais en estado semirruinoso que puideron ter sido vendidas e facilitar a conservación de edificios interesantes, pero chocan coa negativa do obispado porque non ten que pagar nada por elas.
Un exemplo é a reitoral de Veiga de Logares, inmoble de pedra para o que houbo algunha oferta de compra e que actualmente xa ten unha parte da cuberta derrubada. A moción aprobada exclúe do pagamento do IBI aos edificios dedicados ao culto.
Noutros apartados da orde do día, o mandatario deu conta de varios decretos, que incluíron un cambio de 14.000 euros na subvención de 33.000 concedida polo Inega para aforro enerxético. Tamén foron aprobados asuntos relacionados co suplementos de crédito e recoñecementos extraxudiciais, nun caso para cumprir o establecido no decreto de pagamento de facturas. Igualmente, foron incorporados ás correspondentes partidas orzamentarias os 364.000 euros solicitados á Administración como crédito para o pagamento das facturas pendentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario