lunes, 14 de marzo de 2011

A calidade sitúa ao vacún galego na cabeza do sector cárnico estatal


Secadero de xamón na Fonsagrada (Foto. X. Ponte)

Debate moderado polo subdirector de El Progreso Tito Diéguez. (Foto. X. Ponte)


Parte do público asistente ao foro celebrado onte na Fonsagrada. (Foto. Xesús Ponte)


Visita de Juárez ás instalacións de Medio Rural na Fonsagrada (Foto. Xesús Ponte)


Os gandeiros galegos están nunha boa posición para liderar a produción de vacún de carne en España e o seu reto a curto prazo será mellorar o rendemento das explotacións para obter unha renda digna a pesar dos elevados custos de produción. Estas son as principais conclusións dun grupo de expertos que participou onte nun foro que El Progreso organizou na Fonsagrada para analizar os retos do sector vacún de carne.
O encontro foi inaugurado polo alcalde fonsagradino, Argelio Fernández Queipo, e clausurado polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez. Contou coa participación dun gran número de gandeiros, que se mostraron especialmente preocupados por como influirá a reforma da Política Agraria Común (PAC) nas axudas ás explotacións.
O conselleiro de Medio Rural intentou tranquilizar aos presentes ao afirmar que é previsible que tras a reforma da PAC, prevista para 2014, continúen as axudas á produción. Advertiu, no entanto, que cambiarán os criterios para primar aos gandeiros activos. «As axudas estarán orientadas cara ós que realmente traballan non campo. Producir alimentos de calidade terá importancia á hora de repartir os fondos».
Samuel Juárez apostou por aproveitar o plus de calidade que distingue á carne galega para impulsar a súa expansión nos mercados. Considera necesario mellorar a coordinación entre produtores, matadoiros, industrias e comercializadores para optimizar os recursos e obter maior rendibilidade. Ofreceu o apoio da Administración galega para «axudar a poñer as partes en contacto».
Crecemento
Neste aspecto incidiu tamén o presidente de Tenreira Galega, Jesús González, quen subliñou o especial potencial da montaña lucense para producir carne de calidade e a oportunidade de crecemento económico e asentamento de poboación que esta actividade ofrece á zona.
Explicou que a montaña oriental concentra o 20% da produción da IXP Tenreira Galega e un 34% da Tenreira Galega Suprema. Constatou que, a pesar da crise do sector, nos últimos dez anos creceu un 13% o número de explotacións vinculadas a este distintivo de calidade e un 31% o número de tenreiros.
O xefe de produción de vacún de Coren, Jaime Llena, incidiu en que a distinción de calidade é a única garantía de supervivencia do sector, que non pode competir en prezos coas explotacións extensivas do resto de España.
A elección da raza, a alimentación e a programación dos partos para manter o mercado abastecido todo o ano son, na súa opinión, claves para dar estabilidade ao negocio.
Manuel Castro-Gil, subdirector de Gandeiría, recoñeceu que producir carne sen axudas da Administración é practicamente inviable. Instou os gandeiros a completar os seus ingresos con outras actividades e a aproveitar ao máximo os recursos, apostando polo cultivo de forraxes e a eliminación de intermediarios no proceso de comercialización.
Reparcelamento
Os gandeiros manifestaron tamén o problema que lles ocasiona o minifundismo e pediron aos representantes da Administración medidas para facilitar a concentración de terras. Resúltalles difícil manter grandes cabanas de gando en leiras pequenas, que obrigan a dipersar as reses e movelas continuamente.
O presidente de Acruga, Cesar Dourado, indicou que os procesos de concentración parcelaria resultan longos e custosos. Por esta razón, recomendou aos gandeiros «cambiar a mentalidade de propiedade» e buscar acordos de intercambio de terras cos seus veciños para optimizar o uso do terreo e axilizar a dispoñibilidade de pastos.
Considera que a Administración debería facilitar estes trámites con medidas como a exención do pago de dereitos de escritura ou incluso de impostos.


Juárez supervisou as instalacións de Medio Rural na Fonsagrada e inaugurou un secadero de xamón
  • O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, visitou onte as instalacións do seu departamento na Fonsagrada, que agrupan os servizos de incendios, veterinarios, extensión agraria e a área de Conservación da Natureza. Este edificio construíuse sobre un terreo de máis de 1.300 metros cadrados cedido polo Concello e requiriu un investimento de máis de 490.000 euros. Juárez inaugurou tamén onte un secadero natural de xamón da empresa Porco Celta Fonsagrada, con capacidade para 18.000 pezas. Estas instalacións permitirán á firma comercializar xamóns de longa curación, de máis de dous anos, e realizar un proxecto de I+D sobre os fungos e fermentos responsables do aroma e o sabor do xamón.

    AXUDAS

As primas por vacas nutrices pagaranse o vindeiro venres

Os anticipos das primas da campaña de 2010 polas vacas nutrices de Galicia serán transferidos aos gandeiros o vindeiro venres. Así o anunciou o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, no transcurso do foro organizado por El Progreso.
Este adianto das axudas que ofrece a Unión Europea supón un total de 11,7 millóns de euros, dos que 525.740 correspóndenlle a 334 gandeiros da Fonsagrada.
Os pagos definitivos están pendentes de que o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño fixe o importe exacto a aplicar en función dos animais de toda España e a dispoñibilidade orzamentaria.
Apoios
O subdirector xeral do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), José Luís Díez, destacou a importancia destas axudas para o mantemento da gandería na montaña.
No ano 2010, a comarca da Fonsagrada recibiu da Consellería de Medio Rural subvenciones próximas aos seis millóns de euros, dos cales 4,15 investíronse en territorio fonsagradino, 1,62 en Baleira e 0,12 en Negueira de Muñiz.
Análise e retos
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, indicou que o apoio á gandería é fundamental para o desenvolvemento da comarca. Valorou a iniciativa de El Progreso ao organizar este encontro e a posibilidade que ofrece aos gandeiros de informarse sobre o futuro do sector, os retos e as estratexias máis adecuadas para superalos.
O alcalde destacou a preocupación dos produtores de carne da Fonsagrada por mellorar a cabana a pesar das dificultades do sector, por iso é polo que insistise na procedencia do acto para analizar as oportunidades de mellorar a competitividade e o rendemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario