O pavillón polideportivo da Fonsagrada contará con pistas homologadas para competicións oficiais de equipos federados. As obras de acondicionamento e adaptación ás normas estándar xa están en marcha e terminarán, previsiblemente, a finais deste mes.
O tenente de alcalde, José Ángel Fernández Carrín, explicou que as obras de mellora do polideportivo comezaron o pasado luns e espera que en setembro as instalacións estean operativas.
A actuación principal consiste na renovación da cuberta, os baños, duchas e elementos sanitarios. Esta obra está subvencionada integramente pola Deputación Provincial de Lugo con 150.000 euros.
A mellora do tellado fora demandada insistentemente polos usuarios do pavillón, que incluso chegaron a recoller centos de firmas para solicitar formalmente ao Concello o arranxo das pingueiras que sufría o edificio.
Finalmente a Deputación concedeu a finais do pasado mandato unha subvención dun millón de euros, dos cales 850.000 destinaranse á construción dunha casa consistorial e os 150.000 restantes á reparación do pavillón.
O Concello da Fonsagrada decidiu complementar esta actuación, que afecta unicamente á cuberta e as instalacións sanitarias, coa homologación das pistas.
O tenente de alcalde explicou que o obxectivo é que se poidan disputar competicións oficiais de equipos federados de fútbol sala e baloncesto.
Para iso é necesario acondicionar as pistas e retirar 140 centímetros os valos que as rodean, para que cumpran as medidas regulamentarias e as esixencias de seguridade para os xogadores. Esta actuación custará 18.000 euros, que sufragará o Concello fonsagradino.
José Ángel Fernández indica que as instalacións estarán inutilizadas durante este mes, mentres se realizan as obras. Explica que os usuarios habituais poden dispor das pistas do colexio, cuxo uso está permitido mentres duren os traballos no pavillón.
Colexio
O Concello tamén está a realizar obras de mellora no colexio. Concretamente, está a instalar unha cuberta para as escaleiras. Nesta actuación, que tamén está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo, investiranse 17.000 euros.
O tenente de alcalde confía en que estes traballos tamén poidan estar terminados este mes. «Esperamos que o 31 de agosto quede listo tanto o polideportivo como o colexio», indicou.
CASA CONSISTORIAL
Unha partida orzamentaria pendente. A partida orzamentaria de 150.000 euros para arranxar a cuberta do polideportivo da Fonsagrada formaba parte dunha máis ampla dun millón outorgada pola Deputación Provincial de Lugo para construír tamén un novo consistorio. Esta obra está aínda pendente.
Localización. O proxecto de nova casa consistorial está pensado para a praza do Museo. Esta localización suscitou críticas de diversos sectores, que consideran que ocuparía un enclave básico para a actividade social da localidade, pois nese espazo celébranse as festas e feiras gastronómicas ou de gando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario