viernes, 5 de agosto de 2011

A reserva do Eo promoverá un plan de aforro enerxético

A asociación de municipios que integran a reserva da biosfera Eo-Oscos-Terras de Burón investirá 100.000 euros nun plan de aforro enerxético para reducir o gasto público en electricidade. Así o acordaron os representantes municipais nunha reunión mantida onte en Baleira.
Esta iniciativa beneficiará aos concellos lucenses de Baleira, Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Trabada e Ribadeo e a outros sete asturianos que se inclúen na citada reserva da biosfera.
O plan contempla a substitución dos farois convencionais por lámpadas de baixo consumo.
Banda ancha
Na asemblea tamén se acordou continuar coa segunda fase do plan de expansión de banda ancha iniciado o pasado ano, no que se pretende que todos os núcleos rurais de máis de 20 habitantes teñan cobertura de internet con este tipo de tecnoloxía e telefonía.
Acordouse tamén elaborar folletos turísticos que repartirán os comerciantes entre os seus clientes para dar a coñecer a zona.
Os representantes dos municipios da reserva do Eo acordaron por unanimidade manter a actual xunta directiva, a proposta dos alcaldes de Baleira e A Pontenova. Así, o presidente seguirá sendo o rexedor de Castropol, José Ángel Pérez, quen explicou que foi necesario modificar os estatutos de organización da asociación, que establecían que a dirección debe cambiarse cada tres anos.
A reunión serviu tamén para elaborar un manifesto dirixido aos gobernos autonómicos de Galicia e Asturias para reclamar que se regularice a reserva da biosfera Eo-Oscos-Terras de Burón. Esta distinción require para ser oficial a creación dun órgano xestor e un plan de acción. O prazo para polos en funcionamento termina no ano 2013 e os alcaldes instan os gobernos autonómicos a axilizar os trámites.

No hay comentarios:

Publicar un comentario