miércoles, 13 de octubre de 2010

DA NOSA ACORDANZA: LAREIRAS E BILBAINAS


Na familia labrega, a muller era a primeira en erguerse, no mencer, en tempo de verán. Acendía un candil, quizais botaba un pouco mulime no cortello das vacas e tiña que pensar en alimentar a familia e a facenda. Axudada por algunha filla prendía o lume na cociña de ferro, que tarda uns 30 minutos en caldearse e quentar un cazo de leite, e na lareira preparar a encaldada dos animais. Sobre as 6.30 almorzaba a familia sen pararse moito. O almorzo non tiña un carácter moi formalizado. A nai ía almorzando ela e dáballes ós cativos unha cunca de leite, papas de millo ou de caldo. Estes estaban sentados arredor da mesa, ou algún mesmo arrimado á lareira coa súa cunca. O pai e os fillos maiores eran servidos pola nai pero tamén podían servirse eles mesmos. En realidade, moitos homes limitábanse a tomar unha parva de caña acompañada cunha codia de millo. A nai organizaba coas fillas as faenas domésticas e encargaba pequenas compras para realizarlles ós cativos na taberna-tenda. Cando remataban, as mulleres da casa recollían as cuncas e cubertos do almorzo. Algunha delas ocupábase de recoller a cinza das dúas cociñas e botala como na horta, a xeito de fertilizante.
Todos traballaban logo, e sobre as nove tomaban un novo almorzo, de media mañá, que no inverno se denomina "tomar as once", ben na casa ou ben no campo, se estaban a traballar fóra. Podía ser un anaco de touciño con boroa. Axiña, a nai tiña que pensar en prender de novo a bilbaína para poñer, sobre as 9.30, o pote con auga no lume para empezar a facer o caldo, que tarda unhas dúas horas e media en facerse a lume manso. Quizais necesitaran saír por máis auga coa sella e renovar a provisión de leña. O pote non debía deixar de ferver, nin tampouco podía burbullar con tanta forza que saíse a auga por fóra. Había que procurar un lume inicialmente forte para conseguir que comezara a ferver a auga no pote. Pero despois conviña diminuír a carga de leña para que fervese de vagar e non se derramara a auga por fóra, apagando o lume.
Tamén podía suceder, pola contra, que o lume fora tan baixiño que non quentara dabondo o pote. Ademais, o caldo preparábase non dunha vez, senón dun xeito sucesivo: primeiro botábanse o unto e as fabas e un óso, logo as patacas, máis tarde a verdura. Todo isto significa que alguén tiña que ter conta do pote: había que estar máis ou menos pendente do lume e do compango durante todo ese lapso de tempo. A nai botáballe un ollo de cando en cando, namentres facía limpeza na casa ou traballaba na horta. E encargáballe a algunha filla -dende que tiña seis ou sete anos-, que gobernara o asunto, remexendo o pote e engadindo leña con tento cando fora necesario. Arredor das 11.30, ou se cadra un pouco antes, a nai debía dedicarse en exclusiva a cociñar. Ó mediodía era obrigada unha parada para rezar o Ángelus. Despois das doce xantaba toda a familia, ben na casa ou ben no campo, se a súa xente andaba a traballar nos eidos. A nai servía a comida, logo de persignarse e bendicila: "Bendice, Señor, estos alimentos que vamos a tomar. En el nombre del Padre, del Hijo, del Espíritu Santo, amén". Despois tiña que recoller a mesa e limpar por riba a cociña bilbaína, as potas, pratos e cubertos. Ás 6 da tarde tomaban todos unha merenda, onde estiveran, e sobre as dez, ceaban. Isto xa non representaba un traballo grande para a muller, xa que polo regular quentábase o caldo, ou tomábanse as sobras do xantar.
Para atender as necesidades alimenticias da familia, as mulleres foron pouco a pouco dispoñendo de cociñas de ferro, máis eficaces que as tradicionais lareiras. As vantaxes da bilbaína eran varias: dispúñase de auga quente sempre, porque algúns modelos destas cociñas levaban un depósito para a auga. Deste xeito, cando se tiña acendida a cociña sempre se quentaba ó mesmo tempo unha certa cantidade de auga que logo se mantiña tépeda durante bastante tempo. Ademais, as cociñas de ferro non provocaban a fumareda das lareiras, pois tiñan saída de fumes por cheminea, cousa moi infrecuente nas lareiras. Tamén semella que se acendían con máis presteza, pois co tiro de que dispuñan axiña penetraba o osíxeno necesario para avivecer a combustión do lume. Ademais, nas cociñas de ferro era posible facer doces ou empanadas, no forno que tiñan. Isto nas lareiras non era posible: había que utilizar o forno de cocer o pan e daba moito máis traballo. Aínda máis: coa bilbaína facíase a comida e os doces de repostería á vez, coa mesma cantidade de combustible e sen ter que dedicarlle ó labor máis tempo.
Pero as lareiras non se deixaron de utilizar. Eran necesarias para facer a encaldada dos animais. Ademais, na lareira existía a posibilidade de cociñar coas brasas. En efecto, sobre delas facíase o bolo da lareira, ou púñase a tixola ben untada de touciño para facer as filloas. A lareira era ademais un lugar simbólico. ¡E para acender os homes un pito non había coma ela!

No hay comentarios:

Publicar un comentario