lunes, 18 de octubre de 2010

O 46% dos fogares galegos ten dificultades para chegar a fin de mes


O peto das familias galegas reséntese nun contexto de crise económica e de aumento do desemprego. Ante unha complicada situación que mingua o seu nivel de ingresos, o 46% dos fogares recoñece que chega a fin de mes con "dificultade" e un de cada dez incluso con "moita dificultade", segundo revela a 'Enquisa conxuntural a fogares' publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que recolle os datos relativos ao terceiro trimestre do ano.A pesar diso, coa esperanza posta en que esta tesitura evolucione de forma positiva e á espera de que o mercado de traballo se reactive, nese período reduciuse en máis de doce puntos (12,4%) o número de familias que acaban o mes asfixiadas, fronte ao 58,4% que o pasaba mal no segundo trimestre de 2010.Á marxe deste descenso, as economías domésticas continúan respondendo cunha contención do gasto e o 36,6% optaron por evitar desembolsos extra de diñeiro entre xullo e setembro. Pese ao verán e a época de vacacións, os cidadáns galegos decidiron recortar en viaxes, en saír a cear, en ir ao cine, mediron os seus gastos en roupa e calzado e incluso eliminaron produtos extra de alimentación da cesta da compra. Con todo, a porcentaxe de familias que rexeitou caprichos deste tipo descendeu en case catro puntos con respecto ao período comprendido entre abril e xuño.No outro lado da balanza, case a metade dos enquisados(44,9%) asegurou afrontar con "facilidade" ou "moita facilidade" os gastos mensuais, un 3,3% máis que os que recoñeceron ter unha situación cómoda neste aspecto no segundo trimestre.E é que depende dos ingresos de cada fogar. O camiño faise máis costa arriba para o 79,78% de familias que sobreviven con menos de 1.000 euros ao mes. A dificultade redúcese ao 57,05% para as rendas entre 1.000 e 1.500 euros e ata o 10% para quen gañan máis de 2.000 euros entre todos os membros.

Máis dificultades no rural

Os problemas para facer fronte aos gastos dun fogar acentúanse naqueles con menos de 10.000 habitantes -tamaño que non alcanzan os municipios do rural galego-. Así, o 63,18% dos entrevistados afirmou ter "dificultade" ou "moita dificultade" para chegar a final de mes, mentres que nos concellos con 50.000 ou máis personas censadas a cifra redúcese ao 46,21%.Afrontar con éxito os gastos de todo un mes tamén resulta máis complicado para o 65,14% dos fogares monoparentais, unha porcentaxe que pouco baixa naqueles onde vive unha única persoa (62,60%). Curiosamente, a enquisa do IGE revela que as parellas sen fillos pásano peor que aquelas con nenos ao seu cargo. Mentres o 54,77% recoñeceu atopar serias dificultades para chegar a fin de mes no terceiro trimestre do ano, nesta situación atopouse o 47,68% das parellas con fillos.A xestión do diñeiro complícase ademais naqueles casos nos que os fogares teñen que facer fronte ao pago dunha hipoteca ou unha letra. Segundo extráese da enquisa do IGE, o 19,6% dos fogares galegos están a pagar na actualidade a súa vivenda, o 9,8% abona os préstamos co que adquiriron o seu coche e o 4,5% ten pendente a hipoteca dunha segunda vivenda.

Como aforrar

Para rabuñar euros aos seus gastos, seguen sendo moitas as familias que compran marcas brancas ou buscan os produtos en oferta. Mentres o 35,6% dos fogares botan man desta estratexia de aforro, un 20,1% optaron por gastar menos en roupa, calzado ou no transporte. Ante unha situación económica extrema, o 6,3% recorreron á axuda de familiares ou amizades, mentres que no 4,7% dos fogares algún dos seus membros tivo que porse a traballar ou incrementar a súa xornada laboral.Ademais, un 4,7% viuse obrigado a renegociar as condicións dos seus créditos ou hipotecas, pedir préstamos para afrontar gastos correntes ou chegar a aprazar pagos.Á marxe de limitacións, durante os próximos tres meses preto da metade de familias (47,3%) ten pensado saír a cear, acudir a cafeterías ou ir ao cine e ao teatro. Segundo a estatística do IGE, un 13% prevé permitirse unhas vacacións, algunha viaxe ou estancias de lecer. Na outra cara da moeda, máis dunha cuarta parte dos enquisados (25,7%) pensa en aforrar diñeiro ata finais de ano.Coa crise económica en escena, a confiaza do consumidor segue en valores negativos por terceiro trimestre consecutivo (-20,9%), aínda que subiu un 3,7% con respecto ao anterior. Detrás deste repunte escóndese a esperanza dos cidadáns en que mellore o emprego e evolucione de forma positiva a súa situación financeira persoal, a súa capacidade de aforro ou, de forma xeral, a situación económica de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario