viernes, 5 de noviembre de 2010

As louras galegas imponse ás asturianas na Fonsagrada

A raza loura asturiana dos vales está a deixar de ser hexemónica no municipio lucense da Fonsagrada, limítrofe con Asturias, en beneficio da loura galega. O principal motivo deste cambio que se está producindo de forma paulatina é que os tenreiros de ambas as razas de vacún teñen un peso e un tamaño similar ao nacer, pero a autóctona de Galicia desenvólvese máis pronto e cun nivel similar de adaptación ao terreo montañoso.
Este proceso foi explicado onte polo presidente da asociación de criadores Acruga, César Dourado, xunto con outros directivos, e polo alcalde fonsagradino, Argelio Fernández, na presentación da trixésima quinta edición das Feiras de Setembro, que se celebran este fin de semana, nas que haberá por primeira vez unha poxa de exemplares da raza galega, ademais da exposición.
Acruga ten rexistradas actualmente no seu libro genealógico 800 vacas reprodutoras no municipio, aínda que o alcalde dixo que, segundo datos de Extensión Agraria, o número de exemplares nais pode aproximarse aos dous milleiros. Tamén asegurou que hai máis de 800 explotacións, que antes eran mixtas e agora están case todas dedicadas á produción de carne de loura suprema, cun censo de preto de 8.000 cabezas.
Por motivos de proximidade e tradición, ata hai pouco máis dunha década a maioría das explotacións tiñan todas as súas reses da raza asturiana, que agora xa é minoritaria con respecto á galega. Fernández e Dourado destacaron que se trata dun cambio paulatino debido ao arraigamento dos gandeiros e ao custo que ten a substitución das reses.
Pola súa banda, o presidente dos criadores sinalou que o incremento que se está producindo na Fonsagrada é xeneralizado, de modo que dos 12.500 nacementos de media anuais que se producían hai catro anos, pasaron a 17.000, e no que vai de ano o número de socios aumentou de 2.400 a 2.765. César Dourado e Argelio Fernández tamén coincidiron en destacar as vantaxes do convenio de recría que ten Acruga coa Deputación, que permite incrementar o número de novillas que poden pór a disposición dos socios, xa que a demanda é maior que a oferta. Antes, parte das tenreiras eran vendidas para carne e agora Acruga llas compra aos seus gandeiros e tenas ata que se converten en novillas e ponas en venda ou as poxa, como ocorrerá mañá no recinto feiral da Fonsagrada. En concreto, poxará cinco novillas e exporá 13 reses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario