lunes, 8 de noviembre de 2010

A Feira do Porco Celta celebrada na Fonsagrada esgotou as existencias





As tres empresas que se dedican na provincia de Lugo á elaboración de produtos derivados da carne de porco celta practicamente esgotaron onte as existencias na Segunda Feira do Porco Celta, celebrada na Fonsagrada. A pesar de que a organización non cuantificou as vendas, segundo algunhas estimacións roldaron os 1.500 quilos.
A organización considera que a celebración resultou un éxito, tanto polas vendas como polo numeroso público que participou e pola ocupación dos establecementos de hostalería, que case todos rexistraron un cheo total. Ao éxito da xornada tamén colaborou o tempo, cunhas excelentes condicións climáticas, a diferenza do ano pasado, que se celebrou no medio dun gran chuvieiro.
O recinto feiral, instalado na zona da praza do Museo Comarcal, representaba un poboado celta con sete casetas en forma de palloza, pertencentes á asociación de criadores desta raza, Asoporcel. Dúas estiveron ocupadas pola propia agrupación e as tres restantes polas empresas comercializadoras de produtos, dous da Fonsagrada e unha de Sarria. Unha das institucionais estaba dedicada á difusión das actividades de Asoporcel, con abundante material gráfico, en tanto que na outra se mostraban exemplares desta raza e estivo moi concorrida durante a feira.
A xornada comezou ás dez da mañá coa apertura do recinto. Con todo, a o tramo horario forte comezou ás once e prolongouse durante máis de tres horas, ata as dúas e media da tarde. Ademais de visitantes de toda a comarca fonsagradina, acudiu moita xente de Asturias, da capital da provincia e aos organizadores chamoulles a atención a presenza de bastantes composteláns, probablemente escapando dos problemas derivados da visita papal.
No acto de inauguración fixeron uso da palabra o alcalde, Argelio Fernández; o presidente de Asoporcel e o director xeral de Produción Agropecuaria, da Consellería de Medio Rural, o fonsagradino José Robledo. Durante as máis de tres horas de maior afluencia de visitantes, os postos de venda despacharon as existencias e a partir das dúas e media pechou o recinto e a animación concentrouse en bares e restaurantes.
Sete establecementos da vila ofreceron o menú celta, que incluía caldo, cocido e sobremesas de castañas. A particularidade foi que no primeiro prato as patacas e fabas foron substituídas por castañas e navizas, debido a que na época dos celtas aínda non se coñecían en Europa ningún deses dous alimentos. Con todo, o caldo tivo unha excelente acollida nos establecementos, que tamén achegaron particularidades de creación propia e algúns tiveron dúas quendas de comidas para atender á clientela

No hay comentarios:

Publicar un comentario