jueves, 11 de noviembre de 2010

A permuta de vías debaterase no pleno fonsagradino


A corporación municipal da Fonsagrada celebrará o xoves, a partir das 19.00 horas, un pleno, no que se analizará a proposta de permuta de estradas entre o Concello e a Deputación. Esta iniciativa permite racionalizar o mapa viario da provincia, de modo que as estradas de ámbito intermunicipal dependan da institución provincial e outras provinciais de percorrido municipal poidan pasar a depender da administración local.
O pleno analizará tamén o expediente de desafectación das plantas segunda, terceira e cuarta da escola fogar, a proposta de cesión dun terreo municipal para a ampliación do Museo Etnográfico Comarcal, así como un acordo de explotación do servizo de internet rural.
O grupo de goberno someterá a aprobación un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito e un decreto de ampliación da partida destinada a servizos para dependentes.
O BNG, pola súa banda, presentou unha moción sobre a construción dun albergue na Casa Pasarín, outra sobre a escola infantil, outra sobre a Lei de Augas e unha cuarta para reclamar á Xunta que manteña o investimento sanitario e mellore os servizos. Neste punto, o BNG incidirá en reclamar un servizo de radioloxía para o centro médico da Fonsagrada e un servizo de atención para mulleres embarazadas, que na actualidade teñen que desprazarse a Becerreá para realizar os controis.
O PP, pola súa banda, presentou dúas mocións para este pleno. Nunha interésase polo arranxo da estrada que une A Fonsagrada e Navia e na outra se centra na parada do autobús no novo hospital de Lugo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario