martes, 16 de noviembre de 2010

A lingua propia da Coruña é o ‘Koruño’, chorbo!





Galicia, ano 2010. A poboación de todo o país exprésase habitualmente en galego ou castelán. Toda? Non. Moita da poboación dunha cidade situada no noroeste do territorio fala unha lingua da que os filólogos descoñecen as súas orixes. Probablemente ninguén en Vigo escoitará nunca a palabra chukel. Poucos rapaces en Compostela falarán do moito que queren a súa ja. E o máis seguro é que un lugués pense que o puril é unha especie de residuo orgánico. Porén, moitos coruñeses saben que se está a falar dun can, da moza e dun señor maior.
Expresións como as anteriores son propias do koruño, unha lingua que só se fala na Coruña e que non responde a ningún tipo de estrutura gramatical e morfolóxica coñecida. Agora, unha curta saca á luz pública os segredos desa lingua, que resulta ignota para máis de dous millóns e medio de galegos.
Koruño: O legado de Hércules é unha curtametraxe que naceu no marco do curso Social Cine, organizado polos servizos sociais do Concello da Coruña. Os profesores propuxeron aos alumnos votar que tipo de traballo de fin de curso querían facer e o gañador resultou ser o proxecto Koruño: O legado de Hércules.
O que comezou como unha ­práctica de fin de curso converteuse nun boom nas redes sociais. Máis de 2.300 seguidores en Facebook en menos de dez días testemúñano. Foi entón cando Daniel López e Erica Esmorís tomaron conciencia da repercusión do que tiñan entre mans, e se decidiron a levar adiante un proxecto no que participaron “dous profesores, 30 alumnos, moitos colaboradores e cero euros”, apunta Erica Esmorís.
Labañou, un barrio popular da cidade herculina, acolleu na noite de onte a presentación do froito do seu traballo, unha curtametraxe de 40 minutos. O centro cívico do barrio estaba a rebordar. Entre os asistentes, multitude de veciños, varios medios de comunicación, os directamente implicados na elaboración da película e a concelleira de Servizos Sociais da Coruña, Silvia Longueira.
A gala, que como as grandes superproducións de Hollywood, contou con photocall e alfombra vermella, foi conducida por Antón Lezcano e Txury Ferrer. Nun exercicio de normalización lingüística sen precedentes, despois das intervencións de Lezcano ou dos diferentes convidados que foron pasando polo escenario –realizadas indistintamente en galego ou castelán– Ferrer encargábase da tradución simultánea ao koruño.
Levada a cabo como gala de entrega de premios, polo escenario foron desfilando persoeiros como a concelleira Silvia Longueira –que se animou a pronunciar unhas palabras en koruño, agradecendo o seu traballo aos responsables “de toda esta movida”–, ou o humorista Pedro Brandariz, que protagonizou un dos momentos estelares da noite, ao por a todo o auditorio a corear expresións tan koruñas como “buah neno!” e “que movida!”.
Agora, como se dixo na gala, só queda “converter o koruño en obxecto de especial protección, como a Torre”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario