martes, 18 de mayo de 2010

Animais nas crenzas galegas (II): A Serpe


Antecedente remoto do pobo galego son os "saefes" ou raza de serpes, identificada por algúns historiadores como o pobo celta, que chegou a ocupa-la zona que abarcaría o noroeste de España, chamada Ophiusa (nome que procede do grego "saefes" : serpe ) entre os anos 590 e 550 antes de Cristo.En toda Galicia rendeuse culto á serpe, que foi símbolo da terra, como noutras rexións do mundo. Numerosos restos arqueolóxicos e obxectos da época castrexa confirman a presencia significativa da serpe na cultura do noroeste peninsular. Moitos monumentos cristiáns foron levantados sobre pedras cunha serpe gravada. Quizais para simbolizar que o pecado —serpe— era vencido pola fe cristiá. Segundo a Xénese, a serpe —demo— introduciu o pecado no mundo. En ocasións convive o paganismo co cristianismo en cruceiros coa serpe esculpida. Para algúns historiadores, a serpe é un animal que evolucionou, outros pensan que é un xenio protector da casa e dos seus habitantes, máis todos confirman a existencia dun culto antigo á serpe, se ben non é exclusivo da etnografía galega.

A mítica serpe está unida ó folclore galego pois a moura (ser feminino misterioso de orixe descoñecida) aparécese en forma de serpe cunha flor na boca; a moura-serpe, representa o espírito dos mortos; encarna ó antepasado fundador da casa; a serpe é xenio protector das fontes de vida e de santidade.

Críase que as serpes non morrían de morte natural, senón que voaban, de vellas, ó río Xordán e despois ó mar. Neste voo podían bota-la sombra ás persoas e eran especialmente perigosas para os nenos. As moi grandes facían ruído cando se movían. Outras marchaban de pé asubiando e tombando o pan. A mordedura de serpe era moi velenosa —críase— e curábase aplicándolle o cu dun polo ou chegando antes á fonte máis próxima, a onde aquela adoitaba ir despois de morder.
Hai que desconfiar das serpes, a pesar de que purifican a natureza cando comen sapos ou insectos; tamén atraen os paxaros co alento e os matan.

Con carne de serpe facíanse remedios para a tose e outros problemas respiratorios.
Ó ver unha serpe había que matala, porque cando voaban ó Xordán dicían: “Maldito o que me viu e non me matou”. Para matar unha serpe había que facela sangrar. O lume ou a música defendían tamén da serpe A serpe era fecundante como a lúa, como as augas; por tal razón podería relacionarse co ciclo muller-lúa-augas. Son moi frecuentes na literatura popular galega as lendas sobre serpes.

O TEMPO E A MEDIACIÓN DA SERPE
A serpe vive dúas fases ben diferentes no seu ciclo anual. Está escondida de outubro a abril, preto dos pozos e das fontes salvaxes; está inmóbil, come terra e non é perigosa. A partir de maio déixase ver, aliméntase de animais e non ofrece perigo.
As serpes que voaban ó Xordán non estaban suxeitas ó tempo, como non o estaban as mulleres enfeitizadas, que tomaban ás veces a figura de serpe.
A serpe é a intermediaria entre este mundo e o outro, entre o mundo oculto e o visible. Ás veces as almas transfórmanse en serpes para peregrinar a algún santuario. A serpe garda os límites entre o mundo enfeitizado e o non enfeitizado.Vincula ó mundo antigo ou pagán co moderno ou cristián, o mundo animal co humano. Podía toma-la forma de persoa ou de animal, dun lobo ou dunha loba. Representa o tempo e a eternidade; neste mundo está suxeita ó tempo, pero é eterna no outro se non morre violentamente.
A serpe pasa do espacio húmido —primeira metade do ciclo— ó seco —segunda metade—, do espacio salvaxe ou non habitado ó espacio habitado. Vive nas minas e na superficie, no alto da montaña e no val. A serpe é a manifestación do dobre aspecto da natureza, é a continuidade da mesma natureza.

Fonte e leer máis:


No hay comentarios:

Publicar un comentario