martes, 4 de mayo de 2010

Dous de cada tres traballadores lucenses non chegan a 1.100 euros





O concepto de mileurista acuñouse en principio para retratar aos universitarios que cando se incorporaban ao mercado laboral vían como a nómina non se axustaba á súa cualificación. Pero o estrato social ao que se lle pode colgar esa etiqueta é moito máis amplo. Na provincia de Lugo 99.822 persoas, entre traballadores por conta allea, autónomos e parados, teñen uns ingresos brutos mensuais inferiores a 1.100 euros, segundo un informe do corpo especial de xestión da Facenda pública (Gestha).

Esa cifra, que os técnicos tributarios obteñen a partir dos últimos datos dispoñibles de IRPF e da enquisa de poboación activa, supón aproximadamente o 63,1% dos habitantes da provincia de Lugo en idade de traballar.

Pero canto máis se detallan as estatísticas, máis preocupantes son os datos. O 25,9% dos asalariados lucenses, 33.514, cobra menos de 624 euros; outro 15,9%, 20.654, móvense entre esa cantidade e 936 euros, segundo a Axencia Tributaria.

O secretario comarcal da CIG en Lugo, Xosé Ferreiro, precisa que xa non só se trata de traballadores a título individual que non alcanzan este soldo, senón que «hai que falar de familias mileuristas». É dicir, sumando os ingresos dos dous membros da parella non chegan a esa cantidade porque, segundo advirte este sindicalista, debido á crise están ambos no paro ou incluso a algún dos dous acabóuselle esta prestación.

Pero, historicamente, o punto de partida xa nunca foi próspero. «Os mileuristas a nivel individual en Lugo non son unha característica da crise, xa que nos mellores tempos de bonanza económica a maioría dos asalariados xa non chegaban a esta cantidade», afirma Xosé Ferreiro.

O seu homólogo de CC.OO., Xesús Castro, fai unha apreciación: «Hai moito mileurista camuflado nesta provincia». Explica que unha cousa son as táboas salariais aprobadas por convenio e outra o soldo real dos traballadores, porque considera que os hai que «cobran en diñeiro negro, en sobre pechado». Engade que «hai moito traballo sumerxido e moito pluriemprego».

Pensións
A eses 99.822 asalariados, autónomos e parados, que no mellor dos casos son mileuristas, poderíanselles sumar os pensionistas. A 1 de marzo pasado, segundo a Seguridade Social, había na provincia de Lugo 120.618. A pensión media dos lucenses, segundo este organismo do ministerio de Traballo, é de 577,75 euros, 198 euros menos que a media nacional.

Lugo é, tras Ourense, a segunda provincia, non só de Galicia senón de todo o Estado, que ten as prestacións deste tipo máis baixas. De feito, son as únicas que están por baixo da barreira dos 600 euros. A terceira no ranking é Almería, con 629 euros.

Pero si os salarios son baixos, non se pode esperar que as pensións sexan todo o contrario. Para fixar o seu importe o que ten en conta a administración é a base de
cotización do perceptor. Por este motivo, o secretario comarcal de CC.OO. considera que os traballadores por conta allea «se teñen que dar conta de que deben declarar ou que cobran porque senón vailles afectar ó paro ou a futuras pensións».

«É un problema maior en época de crise porque, con tanto despedimento, ou parado non cobra polo que recibía realmente senón polo que tinga en nómina», aclara Castro.

Este sindicalista cre que unha das solucións para combater a crise «non é o despedimento, senón unha política fiscal que controle o fraude», porque hai estudos que indican que «os traballadores declaran de media uns 6.000 euros máis cos empresarios».

As previsións non son prometedoras. A maioría dos salarios seguirán sendo insuficientes. «Todos os indicadores van non camiño de que esta situación se agrave»,
augura Xosé Ferreiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario