viernes, 28 de mayo de 2010

O SALGUEIRO (SAUCE)































O salgueiro é unha das árbores máis comúns na paisaxe galega, distribuíndose dende a costa ata os 1500 m. de altura. O seu nome xenérico, Salix, que provén do celta sal = próximo e lis = auga, é moi indicativo dos lugares onde podemos atopalo: beiras de ríos e regatos, bordos de prados, brañas, turbeiras, gabias e en todos aqueles sitios onde os solos manteñan auga durante todo o ano. Normalmente aparecen seguindo unha distribución lineal, paralela ós cursos de auga, pero podemos atopar salgueirais de maior extensión en zonas onde o nivel freático permanece elevado durante todo o ano. Exemplos deste tipo aparecen en lagoas interiores como nas Gándaras de Budiño (Porriño, Pontevedra) ou no complexo de lagoas da Terra Chá (Lugo). Esta afinidade pola auga e a súa facilidade de enraizamento é aproveitada, xa dende a época romana, para asentar beiras de ríos e regatos, sendo unha especie indispensable en calquera traballo de restauración de ríos.Coñécense fósiles de Salix dende o Terciario, e en concreto do salgueiro, dende fai un millón de anos. Esta continuidade no tempo, deu lugar a que ó seu carón coevolucionaran multitude de insectos (máis de 200) que precisan da súa presencia para existir,sendo, despois do carballo e xunto co bidueiro, a árbore coa maior cantidade de especies dependentes, entre elas, algunhas tan fermosas e pouco abondosas como a bolboreta

Caracteres diagnósticos

En Galicia aparecen unhas 8 especies de Salix, dos cales o salgueiro é a máis común e tamén a que menos dúbidas ten á hora da súa identificación. É unha árbore pequena que raramente acada os cinco metros de altura con tronco erecto e robusto. As polas son dereitas e alongadas con cortiza de cor gris ferruxe, de aí o seu nome en inglés.As follas, que aparecen pouco despois de saír as flores, son alternas e con forma trasovada, é dicir, dúas ou tres veces máis longas que anchas, coa máxima anchura cerca do cumio. O resto das especies do xénero teñen as follas moito máis alongadas (5 a 8 veces máis longas que anchas). Son verdes e lisas por arriba e con nervios marcados e grisáceas polo envés, debido á presencia de peliños, moito máis patentes nas follas novas. Da base do peciolo xorden dúas estípulas con forma de orella de rato que soen caer cando a folla está na súa madurez. As follas das ponlas novas, ou as resultantes do desmoucado do tronco posúen aurículas máis grandes e mantéñense na árbore ata o remate do verán.O salgueiro é unha especie dioica, polo que hai salgueiros macho e salgueiros femia. As flores aparecen agrupadas en amentos que xorden cando a árbore aínda está núa alá polo mes de febreiro-marzo. Esta floración temperá fai do salgueiro, e en concreto dos salgueiros machos, unha árbore importante para os apicultores.

Os amentos femia son globulares, erectos e de cor verdosogrisácea. Cada flor ten un ovario alongado e un corto estilo dividido en 2.Os amentos masculinos son tamén globulares pero facilmente distinguibles, incluso desde lonxe, polas cores amarelas das anteras dos estames. Tanto machos como femias presentan na base de cada flor unha escama moi peluda que lle da ós amentos dos salgueiros ese aspecto brillante cando se ven dende lonxe. A forma dos amentos nesta especie é un bo carácter diagnóstico, pois nos outros salgueiros non son globosos, se non máis alongados, e normalmente curvados cando están totalmente desenvolvidos.

Etnoloxía

Ó salgueiro e a outras especies do xénero Salix atribuíronselle en Centroeuropa moitas virtudes máxicas e feiticeiras. Proba disto é que a palabra inglesa witch = bruxa, meiga, deriva do nome inglés que designa xenericamente ós salgueiros (willow). En moitas partes de Europa era debaixo do salgueiro onde as meigas, fadas e demais personaxes escuras levaban a cabo os seus feitizos. En Asturias utilizábanse polas de salgueiro para romper feitizos e quitar do corpo diferentes males e doenzas. Pola contra, no noso País, non atopamos no salgueiro ningunha propiedade máxica agás a virtude, compartida por outras árbores, de servir ós poceiros para a búsqueda da auga subterránea. O método consistía en coller unha ponliña fina, dobrala sobre si mesma e suxeitala con ámbalas dúas mans. No momento en que houbera auga debaixo da terra, a rama e as mans movíanse involuntariamente. Parece ser que o sinal do "tirón" da auga é moito máis nítido cando se emprega unha variña de cobre, polo que xa non se empregan as polas de salgueiro.

Mentres que outras especies do xénero empréganse habitualmente en cestería, o salgueiro ten unha madeira moi nodosa e dificil de traballar, relegándose o seu uso para atar feixes.

Un punto e aparte son as propiedades medicinais do salgueiro, xa descubertas por Hipócrates (século IV a.C.) para tratar as febres e as dores de cabeza, e que fixo que un dos primeiros traballos científicos sobre as propiedades medicinais dunha árbore, fora realizado en 1763 sobre a cortiza do salgueiro.

O salgueiro, e fundamentalmente outras especies do xénero, como S. pentandra e S. praecox , posúen na cortiza salicina, unha substancia complexa que unha vez dixerida se transforma no intestino en distintas substancias, entre elas o ácido acetilsalicílico. Este subproducto, descuberto por F. Hoffman en 1897, é a base do fármaco máis famoso e vendido no mundo, a Aspirina, comercializada por Bayer desde 1899. Aínda que nos seus comenzos foi receitada para procesos febrís e dores de cabeza, co paso do tempo descubríronse novas propiedades. Entre estas últimas destaca a propiedade de impedir a formación de trombos, facéndoa unha ferramenta de primeira orde para previr infartos e isquemias, unha das principais causas de morte nos países civilizados. Todas estas virtudes, e por suposto un bo marketing, fai que a aspirina apareza na lista dos 100 inventos máis importantes do século XX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario