martes, 3 de agosto de 2010

O duro de ser pensionista


Os xubilados lucenses ingresan ao ano 1.386 euros menos que a media española e 994 que a galega


Os 120.662 pensionistas que conforman a nómina da Seguridade Social en Lugo terán que arranxarllas con 994 euros ao ano menos que a media dos galegos e con 1.386 menos que a media dos españois, se se comparan os datos do pasado mes de xuño.
Os lucenses seguen sendo os pensionistas que menos ingresan de todo o Estado, unicamente superados polos ourensáns, que se atopan no primeiro posto da lista.
Esta posición correspondeulle á provincia de Lugo durante moitos anos, ata que foi desbancada.
O importe da pensión media na provincia ascende a 580,23 euros, nove máis ao mes que o que percibe un ourensán e 99 menos que a media española.
Os pensionistas que cobran máis na provincia lucense de media son os 9.245 que obtiveron unha incapacidade permanente, que son 9.245 e que ingresan 719,29 euros cada mes.
A maioría son os que perciben a de xubilación, un total de 78.044, que ingresan de media 640,24 euros ao mes.
A última cifra contrasta cos ingresos dun xubilado asturiano, que percibe mensualmente 1.092,87 euros de media. Os habitantes da comunidade autónoma veciña, xunto cos vascos son os que teñen recoñecidas as pensións máis elevadas de toda España.
Viúvas pobres
As pensións de viuvez da provincia de Lugo son as máis baixas de España, ata inferiores ás ourensás, que son 14 euros de media máis elevadas. As viúvas lucenses perciben 407,46 euros cada mes.
As denuncias sobre a situación das pensións na provincia, que se repiten ano tras ano, non serviron para que mellore a situación. O seu importe está intimamente vinculado ás cotizacións do traballador durante a súa vida laboral e estas son en función do seu salario.
Os de Lugo tamén son dos máis baixos de toda España.

No hay comentarios:

Publicar un comentario