viernes, 30 de julio de 2010

Inesperado premio por comprar piso


José María Mera, diante do edificio que promove



A Fonsagrada ten só dous edificios en construción, pero o promotor dunha obra non descarta agasallar de novo aos seus clientes cun fin de semana gratis na costa

Hai meses un promotor de vivendas na Fonsagrada tivo unha curiosa iniciativa para mostrar o seu agradecemento aos clientes que lle compraron vivendas. Invitounos a pasar un fin de semana na costa de Lugo, con todo pago. Lonxe de ser unha estancia en plan cutre, aloxáronse nun bo hotel e con pensión completa do mesmo nivel.
Nas promocións de vivendas eran frecuentes as ofertas de todo tipo de agasallos, como os apartamentos na costa de Lugo que daban inmobiliarias madrileñas pola compra de pisos de lijo na capital española, ou os mobles de cociña gratis. Con todo, a iniciativa de José María Mera foi distinta porque non se trataba dun reclamo publicitario, co custo calculado xa no prezo, senón dun auténtico premio que anunciou a posteriori. Parte dos clientes xa levaban dous anos residindo nun dos edificios.
Asegura que foi unha experiencia moi satisfactoria tanto para el como para os clientes, polo que non descarta repetila no futuro, cando acabe outro inmoble, se as vendas van razoablemente ben. De todos os xeitos, asegura que de momento o sector segue completamente parado, polo menos na Fonsagrada.
Mera conseguira vender as nove vivendas nun edificio da Avenida de Galicia e cinco das oito que construíu na segunda fase, pegada ao primeiro inmoble. Os primeiros levaban máis de dous anos residindo alí e aos segundos aínda non lles entregou os pisos. Un día ocorréuselle reservar habitacións con todo pagado nun hotel da zona do Naseiro, en Viveiro, fretar un microbús e levalos a pasar o fin de semana xunto ao mar. Apuntáronse oito matrimonios, incluído o do propio empresario, porque algúns clientes non puideron ir e outros son emigrantes que non residen no municipio fonsagradino.
Chegaron ás catro da tarde e pola noite foron agasallados cunha boa cea nun comedor privado que, por suposto, incluíu marisco. A diversión continuou na discoteca que ten o hotel para os clientes. Ao día seguinte tamén houbo un copioso almorzo e unha comida na mesma liña, regresando á Fonsagrada a media tarde.
José María Mera gastou uns 3.000 euros e considera que o premio foi un bo investimento porque a satisfacción resultou total polas dúas partes, segundo di. Agora está a facer a terceira fase, que terá 20 vivendas, polo que o novo premio aínda está bastante verde tendo en conta a situación do sector. «Hai que ter valor para poñerse a facer nestes tempos un edificio de 20 vivendas na Fonsagrada», sinala o promotor, confirmando a continuación que no que vai de ano aínda non vendeu ningún piso e antes comprábanlle algún sobre plano.

O comezo nunhas condicións atípicas

Mera dedicou a maior parte da súa actividade profesional ao sector da maquinaria agrícola, negocio que agora leva máis directamente o seu fillo. Como tiña varios terreos distribuídos pola cabeceira municipal comezou hai anos a facer pequenos inmobles e sen grandes présas. Di que ata agora xogou coa vantaxe de non ter que depender moito dos bancos, polo que tamén leva mellor a crise económica.
Asegura que lle concede gran importancia á calidade e á boa relación cos seus clientes, que tampouco lle fallaron e que saben que poden acudir ao cando teñen algún problema nos pisos. Nunca tivo que facer fronte a unha denuncia e espera non verse nesa situación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario