martes, 3 de abril de 2012

276.795 desempregados en Galicia



O paro aumentou en Galicia en marzo en 2.120 persoas, un 0,77 % máis que o mes anterior, o que supón cinco centésimas menos que o rexistrado no conxunto de España (0,82 %), segundo datos divulgados hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Un total de 276.795 persoas figuraban a finais de marzo como rexistrados no paro en Galicia, segundo o informe, que sinala que no conxunto de España había un total de 4.750.867.

Respecto de marzo do ano pasado, en Galicia houbo un aumento de 11,05 % do desemprego, 27.549 persoas máis, case un punto e medio por encima da media do conxunto de España que tivo un incremento de 9,63 %.

A maior porcentaxe de aumento do desemprego en marzo pasado rexistrouse na provincia de Ourense (1,51 %), seguida da de Pontevedra (0,90 %), da de Lugo (0,56 %) e da da Coruña (0,49 %).

O desemprego afecta a máis mulleres que homes no conxunto de Galicia, excepto na provincia de Lugo, segundo os datos.

Por sectores, do total de 276.795 parados en Galicia, 7.410 corresponden ao sector da agricultura, 42.075 ao da industria, 47.201 ao da construción e 151.006 ao de servizos, segundo o Ministerio.
A afiliación á Seguridade Social descendeu en Galicia un 0,05 % en marzo
O número de afiliados á Seguridade Social descendeu en Galicia o pasado mes de marzo en 510 persoas, un 0,05 % menos respecto ao mes anterior, segundo os datos difundidos hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

O descenso en termos interanuais situouse nun 3,93 %, ao rexistrar marzo 38.793 afiliados menos que o mesmo mes do ano anterior, o que deixa a cifra total de afiliados en 945.760 persoas.

No conxunto de España, o número de afiliados á Seguridade Social subiu en marzo en 5.419 persoas respecto de febreiro (0,03 %), o que supón romper unha serie de sete meses á baixa e sitúa o total de adscritos en 16.902.530.

Respecto de marzo de 2011, a Seguridade Social perdeu 490.224 afiliados (2,82 %).

En Galicia, hai 691.251 afiliados ao réxime xeral, 215.891 son autónomos, 23.425 están inscritos no réxime do mar, 2 no carbón e 15.190 no fogar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario