viernes, 13 de abril de 2012

Un brindis polo son da serra

08/07/2011 - María L. Viñas / El Progreso (Lugo)
Os irmáns Álvaro e José Valcárcel VCeloso, os últimos brindeiros de Forgas, na Pobra do Brollón. EPL
Cando as vodas aínda se celebraban nas casas particulares, a festa que viña na noite pouco tiña que ver coas que se fan hoxendía, aínda que a diversión estaba asegurada. Disto encargábanse, entre outros, os brindeiros, que coas súas rimas improvisadas protagonizaban toda unha loita poética-lírico-musical, como define o musicólogo Xosé Lois Foxo, autor do libro ‘Os últimos brindeiros de Forgas’, presentado onte na galería Sargadelos de Lugo, e que recolle cada detalle deste «feito cultural diferencial» da montaña lucense e leonesa nas figuras dos irmáns Álvaro e José Veloso Valcárcel.
O brindo é un canto improvisad, sen acompañamento instrumental, sen tiranía métrica e cunha estrutura musical moi básica. Pero ante todo, e para Foxo, trátase dun «canto inmenso, potente e filosófico», que na práctica tiña fins mai profanos como pedir o tabaco ou a rosca da voda.
‘Os últimos brindeiros de Forgas’ é o resultado dun traballo de investigación dun lustro que persegue deixar testemuña dunha tradición perdida, amén do progreso, do abandono de pobos como Forgas ou costumes da vida moderna como os carísimos banquetes en restaurantes.
Con todo, o de bota-la casa pola ventá nestes días de celebración xa se remonta ao principio dos tempos, aínda que as primeiras referencias históricas datan do século XV. Cando a noite invadía o día, mozos e non mozos —podían xuntarse ata 200 persoas— acudían á porta da noiva, o lugar habitual de celebración.
Foto de familia dunha voda na montaña lucense. EPL
Era, como escribe Foxo, «un intre de suspense e silencio», no que un brindador avezado, con voz potente, «rompía a paz para dar paso á contenda».
Hai que diferenciar entre dous tipos de brindadores. Un era o chamando brindador de dentro, unha persoa experimentada nesta arte e contratada para defender os recén casados dun xeito lúdico.
Logo estaba o brindador de fóra, que se enfrotaba ao primeiro e que podía ser calquera membro do auditorio, é dicir, dos invitados á voda, e que o facía con máis ou menos xeito.
Un exemplo desta contenda é a peza ‘Brindos da Rexoá’. Nela o brindador dende dentro dicía: «Nosotros a la mesita/con las piernas bien calientes/vosotros estades fuera/triqui-traque, con los dientes». O de fóra contestaba: «Válgame Dios de los cielos/estou sentado nun taburete/a ver se fa-lo favor Vicente/de mandar pra eiquí un paquete».
Ademais de divertidos, estes cantos acostumaban a ter a súa parte pícara ou erótica. Por este motivo foron prohibidos no seu momento pola Santa Inquisición, sempre ocupada neste tipo de actividades, e en xeral durante sempre houbo que ter moito coidado coa Igrexa.
Outro feito que Foxo suliña é que non eran rimas cantadas exclusivamente en galego. «Hai certa manía con que todo o galego ten que ser no idioma, cando a realidade é que a nosa cultura tamén se transmitiu en castelán, como nos chamandos cantares de gesta».
Os protagonistas
Testemuña daquelas vodas e esta tradición é José Veloso que aos seus 82 anos xa ten varias gravacións e segue amosando a súa arte en ocasións especiais como o Filandón do Courel, que este ano se celebrará o próximo 7 de agosto.
Comparte protagonismo no libro co seu irmán Álvaro, que finou en decembro do pasado ano.
Patrimonio da Humanidade
A eles, como a moitos veciños da montaña lucense, debe Xosé Lois Foxo o seu traballo, unha obra que xa foi presentada o mes pasado na Pobra do Brollón, e que será enviada á Unesco, entre outras institucións, coa fin de que o brindo sexa declarado Patrimonio da Humanidade.
De momento, para José Veloso xa é todo un orgullo aparecer nun libro, ou as homenaxes que xa lle teñen feito, como a do Concello da Pobra do Brollón. «Estou moi contento», comentaba onte por teléfono. «Por aquí todos me felicitan e o homenaxe que me fixeron estivo moi ben, co alcalde e todo...».
‘Os últimos brindeiros de Forgas’ reúne máis de oitenta composicións coas súas transcripcións musicais, así como varias imaxes aportadas polos veciños que dan conta de diversas celebracións, non só das vodas. O libro acompáñase dun CD e un DVD nos que o escoitar e desfrutar da arte dos brindeiros.
Veloso non ten máis que palabras de agradecemento para Xosé Lois Foxo, para «José Luis», como lle chama, «que foi o que moveu todo isto».
Máis aló de investigacións musicais, antropolóxicas ou culturais, José entende o feito de ser brindeiro como algo absolutamente natural, unha cousa que se estilaba nos seus tempos, aínda que «co dos restaurantes acabouse». Non obstante, matiza que «á xente nova aínda lle gustan os brindos». «Son cancións de antes, moi ben compostas, moi antigas... pero agora parece que volve levarse o antiguo», comenta rindo.
Xeografía
O Courel é o corazón xeográfico dos brindos, aínda que foron significativos dende o pobo leonés de Oencia, ata outros lugares lucenses como O Cebreiro, Lóuzara, O Incio ou boa parte do concello da Pobra do Brollón.
Cada comarca tiña o seu brindador estrela. Por exemplo, na Rexoá, como apunta Foxo, era famoso Sixto Fernández Parada ou en Loúzara tiña moita sona Bautista Campo Celeiro de Bustofrío.
Un dos máis populares da montaña lucense, aínda vivo, é Antonio Río Montero, ‘O Ribeira de Louzarela’ (Pedrafita), e que xunto a José Veloso estará no próximo Filandón do Courel. 
 «Un espectáculo desta índole marca»
A xeito de prólogo, Xosé Lois Foxo lembra que na súa infancia asistiu a un «incomparable fragor de brindeiros». Según el, a vida dun neno labrego tiña poucos intres especiais. «As datas máis esperadas eran a festa, a matanza dos cochos, a pisa das castañas e pouco máis. O presenciar un espectáculo desta índole marca», asegura.
Outros cantares
As diferentes celebracións e os temas músicas propios de cada unha delas, como os cantares de seitura, os de aninovo e reis, as rondas ou os parrafeos —coas súas respectivas partituras musicais e textos— complementan os brindos recollidos na obra de Foxo.
Filandón
O Filandón do Courel é un festival de música que toma o seu nome daquelas reunións que antigamente facían as fiandeiras e que eran un auténtico reflexo da vida cultural de cada poboación.
O encontro recupera esa esencia e reúne cada ano, nas inmediacións da ferrería de Seoane do Courel, a músicos, poetas e cantores chegados desde todos os puntos da serra.
Pero o Filandón é só a punta do iceberg, o escaparate dunha cultura propia e unha interpretación da música e do canto que só latexa nas montañas courelesas. Hai anos o músico Xosé Lois Foxo armouse dunha gravadora e púxose a percorrer todas as esquinas da montaña lucense para recuperar eses cantares típicos, que estaban a piques de desaparecer, e recompilar a música dos últimos artistas da montaña.

O legado que gardan as gravacións de Foxo é incalculable e aos poucos sae á luz a través da publicación de libros, discos e material diverso.
Nesas expedicións Foxo tamén descubriu a moitos veciños anónimos que foron e son cultura vive cuxas voces resoan na serra.
O autor
Xosé Lois Foxo naceu no 1950 en Fologoso do Courel. Estudiou Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario de Lugo.
No Seminario formou parte da Schola Cantorum como gaiteiro e clarinete solista.
En 1975, rematados os seus estudios en Lugo, trasládase a Barcelona, onde se licencia en Filoloxía Angloxermánica, así como en Tradución en Interpretación.
15.000 gaiteiros
Posteriormente múdase a Ourense, onde funda a Escola Provincial de Gaitas da Diputación de Ourense, cuns 15.000 alumnos, e a Real Banda.
Ademais das moitas publicacións, Foxo pode presumir de destacadas condecoracións. Entre elas destacan a medalla de ouro do Vaticano, a de prata do Goberno galego ou a chave de ouro da cidade de Newark, no estado de New York (EE.UU.).

No hay comentarios:

Publicar un comentario