jueves, 12 de abril de 2012

A percepción do tempo na cultura espiritual galega




PUBLICADO EN GALICIA ESPALLADA





Os tempos son cualitativamente diferentes para os galegos, polos seus traballos, polos seus alimentos, polas corentenas rituais e polas corentenas ecolóxicas. O galego ten unha vivencia especial do tempo, do tempo campesiño marcado polo ciclo anual da serpe, un ciclo anual que posibilita a continuidade da natureza, que une o tempo e a eternidade e conforma un "continuo feito de descontinuo", marcado, polo tempo "cualitativo" : o tempo das patacas, o do millo ou o da matanza do porco.
 

DIVISIÓN DO CICLO ANUAL

   1) O TEMPO E A MEDIACIÓN DA SERPE
   2) O TEMPO DOBRE
TEMPOS FORTE
TEMPOS FORTES DO PRIMEIRO PERÍODO
TEMPOS FORTES DO SEGUNDO PERÍODO
  3) AS CORENTENAS
  O TEMPO CUALITATIVO

División do ciclo anual

O ciclo anual está dividido en dúas metades: a que vai de outubro a finais de abril e a que se estende de maio a setembro.

CastañasA primeira metade está dominada polas referencias ó mundo non visible: ó porco, animal oculto na casa e coidado polas mulleres, encerradas na casa. Os froitos están ocultos, medran baixo terra. Son fitos nesta metade: o magosto ou festa das castañas (1/11 de novembro), o San Antón Abade (17 de xaneiro) e o Entroido. A serpe tamén hiberna, está oculta neste período.

A segunda etapa do ciclo fai referencia ó mundo visible, é tempo de colleitas; homes e mulleres van ó campo. Tempos fortes desta metade son: o San Pedro Mártir (29 de abril), San Xoán (24 de xuño) e San Miguel (29 de setembro). A serpe sae á superficie e pode ser perigosa.

O tempo está marcado por traballos significativos relacionados coas colleitas e por festividades do calendario relixioso. Unhas e outras teñen antecedentes antiquísimos. Os traballos do campo e os cambios estacionais seguen marcando no mundo rural os tempos cualitativos. E os antigos cultos pagáns foron orientados polo cristianismo cara a outros deuses/santos en vez de seren combatidos directamente; así evitaban os rectores cristiáns enfrontarse ó ancestral sentimento relixioso fortemente arraigado nas xentes.

O final das colleitas asóciase co outono e coa festa de San Miguel e o solsticio de inverno co ciclo de Nadal. A explosión da primavera relaciónase coa resurrección de Cristo, precedida da Semana Santa e da Coresma; a festividade de San Xoán coincide co comezo do verán.


1) O tempo e a mediación da serpe



A serpe vive dúas fases ben diferentes no seu ciclo anual. Está escondida de outubro a abril, preto dos pozos e das fontes salvaxes; está inmóbil, come terra e non é perigosa. A partir de maio déixase ver, aliméntase de animais e non Imaxe 
dunha serpe no Castro de Troña, Ponteareas ofrece perigo.
As serpes que voaban ó Xordán non estaban suxeitas ó tempo, como non o estaban as mulleres enfeitizadas, que tomaban ás veces a figura de serpe. A serpe é a intermediaria entre este mundo e o outro, entre o mundo oculto e o visible. Ás veces as almas transfórmanse en serpes para peregrinar a algún santuario.

A serpe garda os límites entre o mundo enfeitizado e o non enfeitizado. Vincula ó mundo antigo ou pagán co moderno ou cristián, o mundo animal co humano. Podía toma-la forma de persoa ou de animal, de lobo ou de loba. Representa o tempo e a eternidade; neste mundo está suxeita ó tempo, pero é eterna no outro se non morre violentamente.

A serpe pasa do espacio húmido —primeira metade do ciclo— ó seco —segunda metade—, do espacio salvaxe ou non habitado ó espacio habitado. Vive nas minas e na superficie, no alto da montaña e no val. Por estas razóns , a serpe é a manifestación do dobre aspecto da natureza, é a continuidade da mesma natureza.


O tempo dobre


Seguindo o ciclo da serpe, o ano tamén está dividido para as persoas en dous períodos: o primeiro, marcado polo porco e a sementeira, vai de setembro a finais de abril; o segundo abrangue desde principios de maio a finais de setembro e está marcado polo centeo e as segas.

O porco :  O porco vive oculto sen saír ó exterior e a muller encárgase de coidalo. É fundamental na alimentación. O porco come tres veces ó día, como as persoas.
Próxima a matanza, dáselle máis comida para que engorde, pois matar A
 matanza do porco un porco ben cebado honra a casa. A matanza comezaba polo San Martiño (11 de novembro) e terminaba en San Antón (17 de xaneiro) ou no Entroido , variable no calendario. 
Mátase no curral, cun coitelo que lle crava o matachín. Unha muller remexe o sangue para as morcillas. 
Chamúscano os homes con palla de centeo ou con fentos secos. 
Cando se abre o porco e se extraen as tripas, comeza o traballo das mulleres. O cerimonial destes traballos foi cambiando, por efecto da transformación social e económica.

A sementeira : En outubro seméntase o centeo, dentro do primeiro ciclo anual. As patacas plántanse en marzo e o millo a finais de abril ou en maio. As patacas, as cebolas, os allos e todo o que crece baixo terra hai que plantalo en cuarto minguante para que dea moito froito e pouca rama. O que crece sobre a terra seméntase con lúa nova para que dea moito gran e pouca palla.

Tempos fortes 


Tres festas importantes representan tempos fortes do primeiro ciclo anual:

San Martiño: Mozos e mozas reuníanse o 11 de novembro para face-lo magosto nun monte próximo, lugar non habitado. Os homes levaban o viño e as mulleres as castañas. Asadas as castañas, chamaban ós rapaces. Comían, bebían e volvían á aldea coa cara tisnada con carbóns da fogueira. A mocidade estaba obrigada a participar, baixo pena de quedar marxinada da comunidade. Nalgunhas zonas os magostos comezan o 1 de novembro, festa de Tódolos Santos.

San Antón: San Antón Abade, protector dos animais e especialmente do porco, celébrase o 17 de xaneiro. En moitas parroquias a confraría de ánimas acostumaba comprar un porco pequeno no mes de setembro e alimentábao cada día un veciño. O día da festa poxábase e os cartos empregábanse en misas polas ánimas dos defuntos da aldea.
Esta festa perdeuse na maioría das parroquias.

Entroido: É unha celebración de moita tradición. O domingo de septuaxésima ou domingo fareleiro a xente bota fariña ou farelo ós que encontra polos camiños. En sitios tamén se lanza auga cunha especie de xiringa e outros procuran Antroido de Vilariño, Ourense tisnar con carbón de leña a cara dos veciños. 
O xoves seguinte é o de compadres , porque estes se convidan a comer. O domingo de sesaxésima ou corredoiro celébrase a carreira do galo, desenvolvida en Galicia con fórmulas diferentes. O xoves que segue ou de comadres , estas convídanse a comer.

O día forte é o domingo de quincuaxésima ou de Entroido , que abre paso á semana grande. Os disfraces adaptan formas moi vistosas e características de determinadas localidades ou comarcas.
Os disfraces, individualmente ou en comparsa, saen tamén o luns e o martes de Entroido . Faceta importantísima da celebración son as comidas típicas, a base de carne de porco, e as sobremesas. Entre as comidas destaca o cocido e o lacón con grelos; os reis das sobremesas son as filloas, as orellas, as follas de limón e as flores.  
O mércores seguinte séguese celebrando co enterro simbólico dalgún animal: sardiña, loro, cabra, galo…, para despedi-la etapa de festa e facer crítica festiva. Aínda que no calendario litúrxico católico o mércores é xa o primeiro día de coresma, en moitos sitios séguense prolongando as celebracións festivas ata o domingo seguinte ou de piñata.

Significado dos tempos fortes do primeiro período



A conexión entre o aspecto oculto do mundo e o aspecto visible, e a relación entre os diferentes grupos humanos, diferenciados por idade e sexo, explican o significado dos tempos fortes do primeiro período. 

O Entroido viría ser como “un proceso de regulación social”. O disfrazado procede da outra metade oculta, “parece do outro mundo”. Este intercambio ou circulación prodúcese tamén nos demais tempos fortes do período. No magosto xúntanse mozos e mozas e van ó espacio deshabitado, oculto, e comen castañas, que son alimento de mortos.Por San Antón a comunicación co outro mundo realízase a través da misa de ánimas , cos cartos da venda do porco de ánimas . Tamén se comía porco, que é un animal procedente do mundo oculto. No Entroido o porco é a base da alimentación e cómense filloas como na matanza do porco.

A circulación tamén se produce entre os distintos grupos deste mundo. Hai intercambio entre homes e mulleres no magosto, intensifícanse as relacións no Entroido : as mulleres poden disfrazarse de homes e estes de mulleres. Os compadres e comadres convídanse a comer. As comparsas favorecen o intercambio entre localidades. No Entroido hai tamén proceso de inversión social, de compensación e de transgresión, hai inversión social cando un home se disfraza de muller ou viceversa; hai compensación porque a mocidade impón o seu ritmo de vida ó colectivo; e prodúcese transgresión cando se vai a outro lugar e se entra na casa do veciño sen permiso. É, pois, unha festa de “licencia e transgresión da orde social”. O día de San Antón convidábase a comer ós familiares e amigos, o que facilitaba tamén a relación.

As colleitas

O segundo período, de maio a setembro, é o tempo das colleitas. Homes e mulleres traballan xuntos no campo. Tempos fortes son San Pedro Mártir e San Xoán. A primeira colleita é a de herba para secar e mante-lo gando nos días crus de inverno. O liño arrincábase pola tarde e era labor de mulleres. Seguen as patacas, recollidas en setembro. 

As 
patacasO centeo era a base da alimentación humana e os traballos relacionados con el son significativos no segundo período. As segas comezan a mediados de xullo. Despois de cortado, átase en monllos, que se agrupan en medouchos con forma de cono. Ó cabo dunha semana aproximada transportan os monllos ós campos de centeo, onde se amorean en medas grandes para protexelas da chuvia posible, á espera da malla ou operación de separa-lo gran da palla; tríllase a mediados de agosto ou antes. 

O día da malla comíase año, alimento representativo deste segundo período. A operación de limpeza do gran realizábase tamén colectivamente entre os veciños máis próximos e interviñan homes, mulleres, nenos e nenas. O gran limpo métese en sacos e lévase a grandes huchas, onde se introducen follas de figueira, quizais para pedi-la protección dos antepasados. 


Tempos fortes do segundo período



Teñen especial significado neste período o Primeiro de Maio e o San Xoán.

O Primeiro de Maio empezaba a celebrarse na noite do 29 de abril, á que chamaban véspera do mes de maio; ó día seguinte celebrábase o San Pedro Mártir, ou festa dos endemoñados. Prendíase unha fogueira na aldea e cada familia percorría o perímetro de cada unha das súas leiras cun fachico de palla acesa. Todos xuntos visitaban despois as terras cultivadas e botaban cinzas sobre os cultivos, quizais para protexer dos vermes o trigo da colleita.

O maioO 1 de maio os mozos plantaban unha árbore en medio da aldea e pola mañá cedo colocaban pólas nas ventás das mozas fermosas e unhas poliñas nas das feas. O 30 de abril tamén se colocan flores de xesta nas portas, nas ventás das casas, nos coches e nas cortes do gando para protexer do maio ou mal misterioso que podía aparva-las persoas. Nalgunhas vilas e cidades constrúese o maio, unha armazón cónica de madeira cuberta con plantas, flores, ovos e laranxas. Cos Maios exhíbense tamén as coroas ou figuras de flores montadas sobre arame, que representan motivos tradicionais.

O día de Corpus é moi celebrado en Galicia e nel están representados os gremios, as virtudes, os anxos e a serpe. O percorrido da procesión cóbrese con flores, ramas, follas e espadanas. En certas cidades ou vilas son de gran tradición as alfombras florais no percorrido da procesión, tal é o caso de Ponteareas, na provincia de Pontevedra.

Do 1 de maio ata o San Miguel, 29 de setembro, hai contacto entre os dos mundos, os habitantes do outro amósanse sen máscara. O mundo oculto sae á superficie: o demo e os espíritos, por San Pedro Mártir e Primeiro de Maio; gremios, anxos, virtudes e a serpe, en Corpus; o mundo oculto resucita pola Santa Cruz.

A festa de San Xoán está moi arraigada en Galicia, saíase a mañá do 24 para toma-lo orballo, bo para a saúde e para asegura-la boa sorte. A noite do 23 ó 24 deixábanse flores e plantas aromáticas nun recipiente con auga para lava-la cara pola mañá. Tampouco falta a fogueira na véspera da festa (cacharela) , para saltar sobre ela e conseguir saúde e sorte. A circulación de espíritos tamén se activa nesta noite máxica, propicia para desencanta-las mulleres enfeitizadas, que saen do seu espacio oculto a peitearse con peite de ouro. É festa de casamento e de intercambio mulleres/homes. Estes tempos fortes, pois, vinculan este mundo co outro, xa que non se opoñen entre si, senón que son independentes e con existencia propia.


3) As corentenas



O tempo percíbese en Galicia a través de corentenas, polo menos no primeiro período. Aprécianse diferencias entre as corentenas rituais e as ecolóxicas.

Corentenas rituais

Comezan despois dun acontecemento importante para o individuo ou para o grupo da aldea.

A muller parida. Durante os corenta días despois do parto, a muller levaba unha vida recluída na casa, non podía saír, nin traballar nin asistir á igrexa. Non podía comer carne de porco, senón de galiña, que adoitaban regalar veciños e familiares.

O loito. A familia que perdera un membro gardaba loito rigoroso durante corenta días nos que se facía difícil a comunicación, pois non se cursaban nin aceptaban invitacións, os mozos e as mozas da casa non podían visitar nin recibir visita dos seus noivos ou noivas. 

Voda. Os tres domingos anteriores á voda o cura le as amoestacións e neste tempo os noivos non poden ir á misa do domingo á parroquia onde se anuncia a voda. Posiblemente sexa tal práctica vestixio dunha corentena que seguía antigamente a un contrato, pois desde a primeira amoestación se consideraban como casados.

Coresma. A coresma vén dada polo calendario católico e era unha verdadeira corentena: non se comía carne, suprimíase a música e o ruído e evitábanse as relacións sexuais matrimoniais.

As corentenas rituais participaban de trazos comúns, pois en todas elas se reducen ou prohiben as relacións interpersoais, exclúese a carne de porco, péchase sobre si mesma a casa en corentena, non se poden organizar nin aceptar invitacións, a parida permanece na casa e os amoestados non van á misa do domingo.

Estas prácticas veñen significa-la desaparición da circulación entre os grupos do mundo visible, terreal, e tamén o corte da comunicación cos seres do máis alá, do mundo descoñecido.


Corentenas ecolóxicas

O primeiro período do ciclo anual está dividido en corentenas.

San Miguel-Tódolos Santos: Este tempo, que vai do 29 de setembro ó 1 de novembro, está marcado pola sementeira do centeo, polo uso de viño novo e polo consumo de noces e de castañas.

Santos-Nadal: Corentena subliñada polos defuntos (2 de novembro) e pola recollida de castañas.

Nadal-Candeloria ou San Brais: Este período, que chega ó 2 ou 3 de febreiro, está animado pola matanza do porco e polo ciclo de Nadal, pois a noite do ano vello os mozos facían canalladas ós veciños e a véspera de Reis (5 de xaneiro) visitaban lugares próximos; rompían, pois, os límites espaciais e intensificaban a circulación entre grupos.

Candeloria-San Xosé: De febreiro ó 19 de marzo destacan a celebración do Entroido e o consumo de carne porcina.

4) O tempo cualitativo


Celebración total

O ciclo anual percíbese no seu conxunto, como un todo global. Para Mandianes o futuro é algo natural, porque “a celebración total dálle ó grupo un medio de converter ó presente tódalas dimensións do tempo”. En consecuencia, as celebracións e festas dun período están relacionadas coas do outro, o que permite interpreta-lo ciclo anual como unha forma de totalidade organizada.
 


Mónica B. Suárez Groba
Fontes  bibliográficas : "Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega" , M. Mandianes Castro;  "Galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario