Montse e Conchita (ao fondo), con varios residentes da casa comunitaria As Rodas, da Fonsagrada, TANIS |
08/04/2012 - C. Uz / El Progreso (Lugo)
As oportunidades laborais que ofrece a montaña lucense non son
moitas, pero se hai unha que destaca por encima das demais esa é o
coidado de maiores. O envellecemento e o despoboamento fan que cada vez
sexan máis as persoas que necesitan axuda e Montse López e Conchita
López apostaron hai uns anos por esa delicada e esixente empresa. En
2009 abriron unha vivenda comunitaria para anciáns na Fonsagrada, As
Rodas; o ano pasado fixéronse coa concesión dunha residencia similar en
Santa Eulalia de Oscos e este ano, con outra en Vilanova de Oscos.A vivenda da Fonsagrada é totalmente privada, mentres que as residencias asturianas foron construídas polos respectivos concellos e forman parte do Era, o organismo xestor dos Establecementos Residenciais para Anciáns de Asturias. A súa xestión saíu a concurso e a oferta seleccionada foi a das empresarias fonsagradinas. «Penso que non tivemos moita competencia. Ás grandes empresas que xestionan xeriátricos non creo que lles saia moi a conta unha residencia deste tipo, porque son moi pequenas e terían que ter xente que as dirixise aquí. Nós temos a vantaxe de que somos socias traballadoras. E tampouco é que saquemos moita ganancia, pero polo menos é unha garantía de traballo», explica Montse.
A residencia de Santa Eulalia abriu o 1 de abril do ano pasado con dez prazas e a de Vilanova, o pasado 15 de febreiro, con doce prazas. «Ao ser residencias públicas, sempre están cheas», explica Montse. O contrato de xestión é por catro anos e entre as dúas suman once traballadores: limpadoras, cociñeiras e auxiliares de enfermería.
Montse desprázase dunhas a outras, mentres que Conchita está na vivenda da Fonsagrada de forma permanente. A casa está no centro urbano, ten doce prazas e está ao completo. Nalgunha época chegou a ter lista de espera, pero duns anos a esta parte, o escenario cambiou. «De momento sempre nos foi ben, pero notamos que a xente cada vez tira máis para atrás á hora de decidirse a meter os seus familiares nunha residencia. Non sei se é porque, ao haber máis paro, moita xente pode coidalos na súa casa ou se é por tema económico, pero antes non o miraban tanto», explica a empresaria. «De feito, chegamos a ter casos de persoas ás que estando aquí lles foron concedidas prazas en residencias públicas e rexeitáronas porque se atopaban a gusto e non querían cambiar. Hoxe non sei se se daría esa situación», afirma.
O prezo da estancia nas Rodas varía en función de se a habitación é dobre ou individual, pero en ningún dos casos supera os mil euros ao mes, sinala a empresaria. Nese prezo inclúese aloxamento, manutención, lavandería e acompañamento ao centro de saúde ou a facer calquera xestión na vila. Se a viaxe é a Lugo, factúrase aparte.
O servizo está destinado a maiores totalmente válidos ou cun grao de dependencia moi baixo, xa que a normativa que regula este tipo de residencias non permite acoller a persoas con máis invalidez. «Realmente poderíamos dar os mesmos coidados que se dan nun xeriátrico (cambios posturais, coidado de úlceras...), e cando un residente empeora seguémolo atendendo mentres non atopa praza noutra residencia. Cando fai falta, vén a enfermeira do centro de saúde», afirma Montse. Ela mesma é auxiliar.
De coidadoras a empresarias para regresar á súa terra
Montse López e Conchita López naceron na Fonsagrada e tras formarse e traballar durante anos no coidado de maiores decidiron converterse en empresarias para poder asentarse na súa terra. «Conchita xa traballaba por aquí, en axuda a domicilio, pero eu estaba en Lugo e quería volver», explica Montse.
Investimento
O investimento realizado para pór en marcha a vivenda comunitaria As Rodas foi importante e a axuda pública, escasa, sinala a empresaria. «Investimos uns 100.000 euros. Tivemos sorte porque atopamos unha casa axeitada, que alugamos, aínda que tivemos que reformala bastante para cumprir todas as normativas», explica.
Máis traballo
As empresarias están contentas do paso dado, aínda que o traballo multiplicouse e, como a case todo o mundo, o futuro preocúpalles. «Traballamos moitísimo, pero gústanos esta forma de coidar os maiores e non ter xefes», resume.
No hay comentarios:
Publicar un comentario