jueves, 29 de octubre de 2009

«É necesario que suceda algo dramático para que se tome conciencia das necesidades da Xustiza»




Namentres moitos dos xuíces urbanos afrontan problemas de saturación nas súas oficinas, resulta que Luis Villares Naveira leva perfectamente ao día un dos xulgados máis rurais de Galicia: o de A Fonsagrada. O problema para esta oficina pode vir no futuro se prosperasen algúns proxectos de pechar xulgados unipersoais ou que funcionan en lugares con pouca poboación. De momento, Villares aclara que non hai nada ao respecto, aínda que na vila, ao mesmo que sucedeu en Becerreá, onde teñen outra sede xudicial en similares circunstancias, xa se mobilizaron para non perder este servizo.
Villares é o coordinador en Galicia de Jueces para la Democracia, segundo colectivo profesional con máis afiliados na comunidade autónoma.
-Vostede non é dos xuíces saturados, o cal, tal e como está a Xustiza, parece un privilexio...
-Non hai saturación no meu xulgado porque, aínda que tramitamos asuntos penais e civís, unha poboación de uns 10.000 habitantes lévase ben.
-Sen embargo, parece que o xulgado podería verse ameazado polo peche se hai futuras reestruturacións. ¿Que me di?
-No mes de agosto saíron noticias sobre iso e chegáronse a xuntar os veciños, pero non hai nada. Cando se fala de reformas, A Fonsagrada está sempre no punto de mira. Falábase de suprimir xulgados unipersoais en nome do progreso, pero eu coido que é pouco serio, sobre de todo cando se aplica ese criterio. O da poboación é importante, pero tamén o é o da proximidade ao cidadán. Prestamos servizos en comarcas deprimidas e un desabastecemento de servizos contribúe á desertización e iso non é bo. O Estado considera que non lle compensa en termos económicos; non obstante, é máis a riqueza que xeramos que o gasto. En torno ao xulgado funcionan avogados, procuradores, a xente que ven á vila fai a súas compras... Hai que facer unha avaliación de xeito transversal. Quítanse servizos e logo danse subvencións para que a xente viva no campo.
-¿Como está a Xustiza en Lugo?
-Estamos por riba da media en dous indicadores fundamentais: a taxa de litixiosidade, que é o número de pleitos por cada cen mil habitantes, e na taxa de pendencia, que é a diferenza de asuntos que entran e os que se resolven. Entran máis dos que saen. Faltan medios. Cos mesmos que había hai anos, os xulgados de primeira instancia afrontan unha subida do cento por cento dos asuntos, xa que a litixiosidade nalgúns aspectos disparouse. A provincia de Lugo precisa dous maxistrados máis para a Sección Civil da Audiencia Provincial; é urxentísimo crear un xulgado de violencia con carácter exclusivo e tamén sería necesaria a especialización dun dos civís en cuestións de familia. Logo Sarria precisa un segundo xulgado. Tamén sería necesaria a dotación dun fiscal para o partido xudicial de Monforte.
-Algún dos servizos foi reclamado e prometido dende hai moito tempo, pero non chega.
-É necesario que suceda algo dramático, como por exemplo o Prestige , para que se tome conciencia das necesidades que ten a Xustiza.
-A nivel informático tamén sofren a cotiá algúns problemas, ¿non si?
-En vez de ter unha aplicación unificada temos varias e iso acaba xerando problemas. Por exemplo, non hai unha interconexión. Cando eu recibo a unha persoa acusada dalgún delito, non podo saber se noutro xulgado se tramitan outras causas dela. Hai outro caso que é que a aplicación que compra e paga a Xunta de Galicia non permite os procesos en galego. Só un 20% deles está traducido e resulta que hai modelos moi obsoletos xa que os artigos aos que fan referencia son de antes da reforma do 2001.

No hay comentarios:

Publicar un comentario