miércoles, 28 de octubre de 2009

«En Galicia rogábase para que deixase de chover»







A monfortina María Luisa Losada Sanmartín, investigadora en historia das ciencias, é coautora do libro Historia da meteoroloxía e da climatoloxía en Galicia , editado recentemente polo Consello da Cultura Galega. Losada ocupouse das seccións nas que se estuda a historia das primeiras estacións meteorolóxicas galegas e a documentación histórica existente sobre o clima.
-¿É difícil rastrear a evolución do clima galego en documentos históricos?
-O máis difícil, loxicamente, é encontrar datos sobre os tempos anteriores ás primeiras observacións meteorolóxicas feitas con instrumental científico, que só comezaron a facerse habituais a mediados do século XIX. Por unha parte, utilicei os datos reunidos por historiadores como Camilo Fernández Cortizo, que recompilou as referencias ás rogativas que se facían en moitas parroquias para pedir que mellorase o tempo. En Galicia, o máis común non era rogar para que acabasen as secas, senón para que deixase de chover. Tamén recollín datos sobre o tempo en fontes moi diversas, como crónicas históricas, relatos de viaxeiros ou documentos sobre as vendimas que se conservaron nos arquivos dos mosteiros.
-¿Encontrou referencias sobre a Ribeira Sacra ou a comarca de Lemos?
-Seguramente hai documentos sobre as vendimas na Ribeira Sacra, pero eu estudei sobre todo a zona do Ribeiro. De todos os xeitos, o territorio de Galicia é reducido, polo que non hai diferenzas apreciables entre unhas zonas e outras no que respecta á meteoroloxía e o clima nunha época determinada. No traballo incluín unha referencia ás inundacións provocadas en Monforte polo desbordamento do Cabe a finais da década de 1830. Os danos causados polas enchentes provocaron nesa época o abandono das hortas que había na marxe dereita do río.
-¿Hai moitas pegadas documentais dos cambios climáticos do pasado?
-É posible achar datos que reflicten os efectos da Pequena Idade do Xeo, que causou o arrefriamento do clima de Europa entre os séculos XVI e XIX. É curioso comprobar a importancia que tiñan os neveiros, os pozos onde se recollía neve para producir xeo, que entón existían en zonas onde hoxe non neva case nunca, como os montes de Pontevedra. O cabido de Santiago tiña o seu propio neveiro na zona de Meixonfrío.
-¿Destes datos pódense sacar leccións útiles para a actualidade?
-A lección máis lóxica é simplemente que temos que coidar máis o planeta. Os clima está cambiando constantemente en todas partes e iso é algo que tivo efectos moi importantes nas condicións de vida de xente, tanto en Galicia como no resto do mundo, pero hoxe en día estamos acentuando artificialmente eses procesos naturais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario