martes, 12 de abril de 2011

O BNG fonsagradino acusa o Concello de facer obras privadas


O BNG da Fonsagrada asegura que unha máquina escavadora do Concello conducida por un operario municipal traballou durante esta semana nunha leira particular para arranxar un camiño privado. Os nacionalistas critican a utilización de medios públicos para fins privados e consideran que se trata dunha actuación «electoralista». A obra en cuestión consiste na apertura dun camiño no lugar da Trousa, na parroquia de Allonca. O BNG, a través dun comunicado, asegura que nela están a traballar un condutor e un operario pertencentes á brigada de obras do Concello da Fonsagrada, que utilizaron durante os últimos días unha pa de propiedade municipal. Os nacionalistas critican que se destinen medios públicos a estas tarefas cando «A Fonsagrada ten ducias de quilómetros de pistas e camiños rurais en moi mal estado de conservación sen que por parte do goberno municipal se faga un estudo das necesidades e se estableza un plan de conservación». O BNG cre que estas prácticas «atentan contra a legalidade vixente e supoñen un uso caciquil dos recursos públicos do Concello». Os nacionalistas avanzan que demandarán ao alcalde unha explicación sobre os motivos que levaron a autorizar esta obra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario