martes, 24 de enero de 2012

O oso mediático da reserva Eo-Oscos-Burón

24 de enero de 2012 

Ao comezo do verán do 2011, os medios fixéronse eco das andanzas dun oso viaxeiro cuxo percorrido coñecido estivo ao redor da comarca da Fonsagrada. O primeiro avistamento foi nas saias da Vacariza e, como testemuña, un sorprendido condutor. A segunda aparición foi a un asustado pescador, na conca baixa do Rodil, preto dos Baos, e finalmente nas ladeiras de Silvachá atopáronse os recados do seu doce banquete. O raro non é que teña ese comportamento, a novidade está en que fai máis dun século que o oso non estaba entre moradores nin visitantes deste territorio.
Xa circulan as lendas rurais sobre a súa presenza, case todas asentadas na súa introdución e solta controlada nesa «reserva» do bosque de Carballido e Oscos-Eo-Burón. Xa postos en imaxinacións, ocórreseme outra mais poética. Nun das miñas viaxes á Fonsagrada, alá polo mes de febreiro, chegando a Vilaframil, a miña esposa e eu detivémonos na Campa para ver un miradoiro construído recentemente naquel balcón natural da conca alta do río Rodil, o Castañeiral de Gayol (incluído no bosque de Carballido), a Coroa de Castro, etcétera. Ese miradoiro, construído porque Fonsagrada forma parte da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Burón, ten un cartel que describe os animais e plantas máis sobresalientes. E si, entre eles figura o oso pardo. Ao lelo, sorprendémosnos/sorprendémonos sobre a alta capacidade dos técnicos para imaxinar. O que non podiamos supor é que tivesen a facultade de adiviñar. E aquí empeza a lenda, que estamos ante un oso lector e bonachón, e ao coñecer que un letreiro anuncia a súa presenza quixo ser benévolo co seu mentor e decidiu dar un paseo pola zona para contradicir a incrédulos como eu, que vimos no letreiro información e promoción, cando en realidade era información e predición.
Deixando ao carón as lendas, a presenza deste oso é froito dos brutais cambios de hábitat nos últimos anos e tamén da biodiversidade. Este último é un valor que a sociedade moderna puxo como unha das súas referencias, con consecuencias positivas, pero con custos que ha de asumir. Para que sexa unha potencialidade presente e sobre todo futura que reverta nos cidadáns, a sociedade non debe deixar todas estas cargas sobre a xente do rural. Podemos pedir a quen viven na Fonsagrada comprensións, paciencia e altura de miras con vistas ao oso, pero non é xusto que carguen eles sos coa súa alimentación, andanzas e desfeitas.
Os patrocinadores de fondos europeos para o espléndido miradoiro e outras obras, deben pensar que o principal dun «espazo protexido» son os seus habitantes, que deben gozar de similares dereitos e posibilidades de vida que calquera outro cidadán. Son tempos de escaseza económica nas Administracións, de seca, pero o que expoño non é solidariedade caritativa, é xustiza, e paréceme proporcionado pedir compromisos firmes co medio rural, de administracións e cidadáns. Para pór en valor o medio ambiente. Tempos novos requiren mecanismos e propostas acordes coas novas necesidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario