miércoles, 25 de marzo de 2009

O lobo na cultura popular galega

O lobo é abondoso nas serras de Galicia, sendo considerado a besta máis temible do país (trala extinción do oso pardo Ursus arctos); malia o medo que vulgarmente infunde xamáis víuselle atacar ao home, senón ao verse moi acosado e famento. O lobo galego soporta moi ben as fatigas e pode permanecer varios días sen tomar alimento; aproveita a noite pra adicarse á caza, retirándose antes do amencer pra gañares as dificultades do lugar onde ten a súa lobeira; ataca toda clase de gando, empregando a sagacidade necesaria pra non errar o golpe, e con moita cautela lánzase sobre a presa, arrástraa cara sí e fuxe con ela sen soltala, aínda que o persigan os cans, ou os pastores. Afirman os labradores galegos que adoita elixir unha ovella fraca pra escapar mellor, botándoa ás costas co obxecto de correr máis libremente. Cando acomete a unha egua todas as bestias forman círculo coas ancas, deixando as cativas no centro, e en esta disposición recíbeno a couces, co cal mátano ou fanno fuxir. Se logra botarse ás ancas dalgunha, as demais foxen espantadas dando relinchos mentres o lobo come á que caeu nas súas poutas. Nos invernos rigorosos non é raro velo pola aldea levándose en pleno día pitas, cordeiros e ata algún neno abandoado, como sucedeu xa, sen que o balbordo das xentes fixéranlle soltar a presa. Aseguran algúns dos nosos aldeáns que se se atopa de noite un lobo e sácanse faíscas co eslabón lógrase espantalo. Tamén hai quen afirman que deixando a faixa solta pra que arrastre, o lobo vai detrás desta unha ou máis leguas sen atreverse a embestir e dar o golpe, xa que a teme; isto mesmo acontece indo a persoa a pé ou da cabalo. Algúns lobos chegaron a tomar tanto afecto ao home coma o can máis agarimoso. Pra exterminarlo empleáronse ao longo do tempos varios medios; as trampas ou garamelos, as batidas, as estacadas, as monteirías, ou os velenos entre outros.[1]
O lobishome
O lobishome na cultura popular galega é unha figura recorrente tanto na literatura oral coma na escrita. En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos varóns sen que nacera femia ningunha polo medio, o derradeiro quedará marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, fuxindo para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.
Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.
Na literatura galega o tema aparece recollido en O lobo da xente, obra do escritor ourensán Vicente Risco. A obra de Risco está baseada na lenda popular galega do lobishome. Esta obra publicouse no ano 1923, trátase dunha narración breve, con certos trazos de carácter etnográfico e ambiéntase na comarca ourensá de Trives.
O lobo na toponimia galega
Esta figura mítica deixou unha fonda pegada na toponimia ao longo do territorio galego. Existen no país nomes que vencellan o animal a un lugar, coma Castiñeiro do Lobo (Ames), Fonte do Lobo (Becerreá), Forca do Lobo (Ponteceso), Covas de Lobos (Cambados); topónimos que directamente fan referencia ao corpo do animal, coma Pouta do Lobo e Rabo de Lobo, outros que se centran no seu hábitat, coma o topónimo Lobeira; e aínda existen os que fan referencia directa á súa morte ou caza: Lobomorto, Matalobos ou Foxo do Lobo. Para alén dos múltiples e máis obvios, débese pensar que tamén fan referencia a este animal, empregando o termo xermánico, os nomes de lugar rematados en ulfe: Gondulfes (Verín), Trasulfe (Rodeiro) ou Randulfe (Antas de Ulla e Paradela) lembran tamén estes espazos.
Outros nomes que quedaron na lingua galega, desta volta empregados para se referir ao animal sen o mentar directamente (para evitar chamalo) son algúns coma “o aquel”, “o outro”, “o becho”, “ o da boca rachada”, “o fillo do demo”, “o compadre” ou “o tío Pedro” entre moitos outros.[2]
Refraneiro
O lobo non come da carne que quer, senón da que houber
Avisade ó lobo e deixade o gando soilo.
Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe.
Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.
Da conta que saca o pegureiro, o lobo / monte sábelle sabe o erro.[3]
Non soilo o lobo come carne crúa.
Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.
Vaca de moitos, cómena os lobos.
En terra de lobos ouvear coma todos.
Locucións
Ter unha loba: Ter preguiza
Alá irás, lobos que te coman: ameaza ó que nesta vida non procede ben e se lle desexa que na outra vida atope o seu merecido.
Atanazar coma un lobo.
Aula-lo vento coma un lobo.
Coma a ovella na boca do lobo: plenamente derrotado, vencido de vez. Tamén significa que dura pouco.
Comer coma un lobo: devorar, tragar con ansia, comer con voracidade.
Como a cabra que paríu para o lobo: dise de aquela persoa que ampara ó que lle fai dano.
Como lobo no inverno e como cobra no verán: irritado e agresivo. Nesas épocas é cando máis irritados e agresivos están estes animais.
Entre can e lobo: entre lusco e fusco.
Cantigas
Miña nai habilidosa/ mandoume d'ir coas ovellas/ o lobo levoume catro/ eiquí lle traio as orellas.
Miña sogra morreu onte/ Diola leva ó ceo dos lobos/ deixoume unha manta vella/ toda chea de piollos.
Nesta terra de Lubeira/ andan os lobos por ela;/ vámonos de eiquí, meus ollos/ meus ollos, vámonos dela.
O que tes de bravo/ é de pretendiente/ homes non son lobos/ que coman a xente.
Traballo che ha de custar/ pra me atrapares a min:/ quíxome comer o lobo/ i-eu máis ca ile corrín.
Adiviñas
A miña comadriña largona/ ten os dentes como os dunha loba.
Campo grande,/ semente miúda,/ mociña bonita/ loba guedelluda.
É tan largo como unha soga/ e ten os dentes como unha loba.
En abril/ cátanos no cubil/ en maio/ xa son bo gallo/ en san Xoán/ xalle dou a carreira ó can/ en santa Mariña/ xa vou pola cabritiña/ en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro/ en Santos/ xa mato os bois noscampos/ e en xaneiro/ xa podo co carneiro.
Era pinguín que pingaba/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba.
Estaba funguín que fungaba/ debaixo de pinguín que pingaba/ vén rapín que rapaba/ e levou a funguín que fungaba.
Longa, longa como a corda/ e ten dentes como a loba.
Longa, longa como unha corda/ e ten dentes coma unha loba.
Que é unha cousiña, cousa/ longa, longa como unha soga/ e ten dentes coma unha loba.
Tamaña como unha soga/ e ten dentes como unha loba.
Ten dentes como unha loba/ e pasa o río e non se molla.
Ti que estás en alto coche/ ¿viche pasar por aquí/ a pés miúdos e andaroche?/ Tarde vas; o que vés buscar/ na vila che vai entrar.
Referencias
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo tomo II (1960)
A pegada cultural do lobo
O lobo e mailas escabrosidades do chan galego fan difícil a custodia do gando.
Véxase tamén
Bibliografía
BENAVENTE JAREÑO, Pedro, e FERRO RUIBAL, Xesús (1994): Refraneiro galego da vaca, Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela.
Enciclopedia Galega Universal (2002), Ir Indo, Vigo.
GÁRFER, José Luis, e FERNÁNDEZ, Concha (1984): Adivinancero popular gallego. Taurus, Madrid.
LIS QUIBÉN, Víctor (1949): La Medicina Popular en Galicia. Madrid (reed. Akal, Madrid 1980).
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón (1985): Cultura popular. Manuais do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela.
RISCO, Vicente (1947): “Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales” en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares III, 1947, 163-188.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego

No hay comentarios:

Publicar un comentario