martes, 31 de marzo de 2009

RECEITAS TRADICIONAIS CON CASTAÑAS

Castañas cocidas

- Castañas secas
- Lacón cocido
- Cachola
- Chourizos
As castañas cocidas serven para acompañar calquer carne. Na nosa comarca tradicionalmente tómanse con carne de porco salada e cocida (lacón, cachola), con chourizos cocidos, etc. As castañas secas hai que escaldalas en auga fervida para quitarlle-los restos de peles. logo férvense ata que estean blandas e xa se poden comer ben acompañadas, como xa indicamos anteriormente.


Castañas asadas

Asínanse as castañas, é dicir, fáiselles un pequeno corte por un lado para que non estoupen e despois póñense a fogo lento sobre unha plancha quente, tendo coidado de revolvelas a miudo. Cando se lles quita a casca con facilidade e están blandas por dentro xa se poden comer.
Tamén poden asarse no forno. Neste caso case non necesitan revolverse. Teñen a ventaxa de que así non manchan nada as mans.
Se se fan nas brasas ou dentro dun cilindro metálico sobre o lume, estamos xa a voltas cun magosto.

Castañas con leite

- Leite frio
- Catañas frescas
Quítaselle-la pel grosa de fóra ás castañas e cócense en abundante auga cunha pizca de sal. Cando están xa cocidas, pero aínda quentes, libéranse da segunda pel e vanse botando directamente no prato onde se van comer. Cando o comensal considera que ten unha cantidade suficiente vértelle-lo leite por enriba e xa as pode comer antes de que se vaia todo o calor da castaña.
Cada un debe preocuparse de pelar castañas para sí pois, se se lle deixa a tarefa enteiramente ó cociñeiro ou cociñeira, é probable que todos teñan que comelas frías.


Caldo de castañas (I)

- Castañas secas
- Cebola ou allo porro
- Unha taza de leite
- Unha pouca fariña
- Patacas (opcional)
Bótanse as castañas secas e o allo porro ou a cebola nunha pota con auga fervendo e déixase cocer todo ata que estea pasado. Seguidamente engádese unha taza de leite e unha cullerada de fariña para que espese, sálase e espérase ata que a fariña estea cocida. Se se quere pódense botar patacas a cocer coas castañas, cando un crea oportuno, dependendo do tempo que tarden en pasarse.

Caldo de castañas (II)

- Castañas secas
- Touciño
- Chourizo
- Fabas
- Patacas
Ponse auga ó lume e bótaselle un pouco de touciño picado, un chourizo e un puñado de fabas. Cando ferva todo bótanse as castañas secas e déixase cocer todo un bo anaco ata que xa case estea. Engádense as patacas e deixamos que coza todo xunto ata que estea ó noso gosto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario