jueves, 4 de marzo de 2010

CLASES DE FINCAS

EXTRACTO DO LIBRO DE XAQUIN LORENZO "A TERRA"
CASTES DE FINCAS
Damos a seguir os nomes e as características das fincas en Galicia, máis convén advertir que non só non os damos todos senón que un mesmo nome non ten en toda ela a mesma significación: uns nomes trocaron nalgúns sitios de obxecto; noutros perdeuse a designación, pasando en troques ó toponímico; nalgúns, en fin, é totalmente ignorado na actualidade

Limitarémonos, pois, a da-los máis correntes, sinalando algúns localismos que poidan ter interés especial

  • Herdade ou Eido (Herencia, Herdanza). Dáse en xeral este nome a calquera caste de finca particular anque, de preferencia, designa aquelas que se destinan ó cultivo e non as que se adican a leña e monte
  • Tapada. Anaco de terreo que se rodea con muros ou sebes, polo xeral adicados a monte e leña
  • Leira. Nalgúns sitios é unha herdade destinada a cereais e patacas e que carece de auga, máis serve tamén para sinalar un anaco de finca que se traballa dunha vez; así unha herdade divídese en leiras que se van traballando sucesivamente; claro está que soamente se fai en terras de certa extensión
  • Seara. Anaco pequeno ou grande de terra de cultivo
  • Cabada. Anaco de monte ou herdade preparada para o cultivo
  • Estivada. Anaco de monte rozado, queimado e sachado para sementar nel centeo
  • Cortello. Finca cercada de muro e que ten derredor videiras en forma de latas ou parras, adicándose a centeo o calquera outra caste de cultivo.
  • Ferrada. Herdade situada nunha ladeira e co desnivel correxido por medio de arribadas ou socalcos, sorete de escalóns que achairan a terra
  • Barbeito. Terra de ruín calidade e sen rega na que se alternan os cultivos, de centeo e de patacas polo xeral. Cando os barbeitos son moi pobres deixanse un ano eremos ou de poula, isto é sen cultivo.
  • Veiga. En realidade non designa unha caste de herdades senón un conxunto de fincas adicadas ó millo. Ben se comprende que , na orixe, a veiga é o terreo bo situado nas beiras das valgadas que, por adicarse ó millo, perdeu a designación primitiva que pasou a herdades feitas nel
  • Ribeira ou viña. Herdade destinada ó cultivo das videiras. O nome de ribiera dáse tamén ó conxunto destas terras. Xeográficamente, ribeira é a parte baixa das terras, na beira dos ríos, completándose coas designacións de montaña, que son as partes altas, e bocarribeira, que sinala o tránsito entre as dúas
  • Chousa, horta ou hortelizo. Anaco de terra boa, polo xeral pequeno; sitúase a carón da casa ou polo menos, preto dela, adícase a cultivos que requeren certos coidados, polo que convén telas a man. Nelas colléitanse as hortalizas ou rianzo
  • Touza. Anaco de monte tapado e destinado a leña e estrume
  • Bouza. Nuns lugares designa un terreo cheo de arbres e monte baixo, namentres que noutros é o que ten soamente monte baixo
  • Devesa. Finca destinada a leña, ben sexa de arbres, ben de monte, ben de cues, xestas, etc
  • Cortiña. Terreo cercao de paredes e no que medran arbres destinadas a leña
  • Carballeira. Cortiña na que medran carballos
  • Souto. Anaco de monte adicado ós castiñeiros. Deste nome derívase o verbo asoutar que indica a acción de recolle-las castañas cando é o seu tempo. As máis das veces, os soutos non teñen vedación ningunha anque adoitan ter un muro na parte que linda co camiño. E interesante o feito de que os nosos campesións gardan , ou gardaban polo menos ate hai pouco, co castiñeiro un precepto da Biblia falando das meses: cando un souto está na beira dun camiño as castañas que caen neste non se recollen, deixandoas para os pobres e os peregrinos.
  • Piñeiral. Monte plantado de piñeiros. O piñeiral pode estar en terreo particular ou comunal. No último caso, os piñeiros poden ser de tódolos veciños que aplican o produto da venda ás cargas comúns, aproveitando persoalmente a frouma, piñas, a casca, etc. Outras veces, pártese o monte comunal en meras e o que quere planta nel piñeiros que quedan da súa propiedade anque o monte siga sendo común. O piñeiral non rende máis produto có das arbres xa que os piñeiros non deixan medran outra cousa ó seu carón
  • Pomareira ou pomar. Terreo destinado a mazairas. Deberon ter en Galicia certa importancia mais hoxe desapareceron en gran parte
  • Mimosal. Anaco de monte en que medran as mimosas; estas arbres inzan de tal xeito e medran tan bastas que non se atopa onde elas cousa que valla. Como eles, pola súa parte, non dan maior proveito e se non atopa xeito de os desatascar, o mimosal vén sendo un terreo perdido para o home. Para que o mimosal non se extenda, fánselle derredor unhas zanxas fondas que deteñen as raíces
  • Enxido. Finca de tamaño variable que se destina ó cultivo de arbres de froita de distintas castes. Este nome dáse tamén nalgúns sitios ó terreo que está derredor da casa
  • Nabal ou nabeira. Herdade de boa calidade, con rega, que se destina a cultivar nabos, patacas e millo. Polo xeral, altérnanse nelas co liño, polo que tamén reciben, cando isto sucede, o nome de liñeiras
  • Liñeira. Finda adicada ó liño, idéntica por veces ó nabal. A grande cantidade de toponímicos derivados do liño que se atopan en Galicia demostra a importancia que o liño tivo en tempos pasados
  • Toxeira ou toxal. Terreo destinado a toxos, que unhas veces son empregados coma estrume e outras para lle dar ó gando. Os toxais poden ser particulare ou meras de comunal para o aproveitamento do monte durante un tempo determinado
  • Xesteira ou xestal. Monte no que se crían xestas qeu se bota man como leña para quenta-los fornos de coce-lo pan
  • Coutada. En xeral, é un anaco de monte pechado con muros ou sebes
  • Pastureiro. Non é propiamente unha herdade que o nome é aplciado a calquera anaco de terreo, pechado ou non, comunal ou particular, ó que se pode levar a pastar a facenda
  • Campo ou prado. Finca destinada a producción de herba. Os campos renden herba verde e feno, polol xeral, anque algúns soamente se usan para herba verde e entón chámanse campos de fouciña. Estas herdades precisan moita auga e a calidade e cantidade de herba depende das regas.
  • Corgo. Prado pequeno e de pouca rega que se usa para levar alí a pastar o gando sen lle sega-la herba
  • Lameiro. Campo que ten moita auga, non só por lle vir de fóra senón por nacer tamén nel
  • Lama. Anaco de monte destinado a pasta-la facenda; adoita ser comunal e aproveitano tódolos veciños conxuntamente ou arréndano a algún que o disfroita só. Este arrendamento faise por subasta ou puxa no mes de xaneiro e dura un ano
  • Braña. Dánselle varias acepcións aeste home anque todas indican un terreo para pastos. O máis corrente é designal con el os anacos do monte ós que se sobe a facenda polo vran cando falta o pasto no monte baixo
  • Boedo. Terra de gándara na que medra espontaneamente o pasto, que se aproventa levando alí a facenda a pastar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario