viernes, 5 de marzo de 2010

O ARADO




Extracto do libro de Xaquin Lorenzo "A terra"








O arado está aínda por estudiar en Galicia a pesar de ser un dos instrumentos máis interesantes do noso campo e merecente dun coidadoso inquérito.


Na Galicia celta xa se empregaba o arado. Xustino e Silio Itálico fan referencia a el, especialmente o ultimo, cando di que os homes soamente se adicaban a loita e non a leva-lo arado, que era cousa de mulleres.


Coa romanización, debeu desenrolarse o cultivo do chan e con el o emprego do arado que, nos distintos tipos que se coñecen aquí, perdurou ó longo dos tempos até hoxe


O arado actual que responde sensiblemente ó tipo chamado "romano", presenta, dentro da forma xeral, certas variantes de interés.


Faise case totalmente de madeira de carballo e consta dunha peza angular que se colle coa man por un dos lados, a rabiza, namentres noutro, rostro, vai paralelo ó chan e leva na punta o dente ou rella de ferro, de forma cónica, anque non sempre, como veremos.


Desras da rella atópanse dúas pezas diverxentes, no mesmo plano có rostro, chamadas abeacas, sostidas por unha travesa, o amexelo


Da base da rabiza ou traseira do rostro, pois danse só dous caos, sae o tamón, o tamón é un pau longo que leva na dianteira un, dous ou tres buratos nos que entra a chavella que serve para xunguilo a parella de tiro. Os buratos do támon teñen por obxecto acurtar ou alonga-lo tiro pasando a chavella ó que conveña. O tamón asegúrase a rabiza ou o rostro por medio de tillas que o cinguen á encarna que entra.


Entre o tamón e o rostro atópase unha travesa de madeira que encaixa nos dous e serve para reforza-lo conxunto; esta travesa chámase teeiro.


Nos terreos da veiga, o arado adoita ter, máis adiante do teeiro, unha coitela vertical de ferro, seita, que pasa por unha fenda do tamón e sobe ou baixa mudándolle un espigo nos buratos que leva na parte superior


Dixemos que a rella é, polo xeral, de forma cónica, máis tamén se atopa plana, de forma triangular ou case semicircular, cravada á extremidade do dente. Vense rellas deste tipo por parte da terra de Pontevedra, por Celanova, polos Ancares, etc.


Polo S.L da provincia de Lugo atópase un interesante tipo de arado dunha peza soa. Non ten abeacas e o tamón e o rostro están feitos aproveitando o arrinque dunah pola de arbre, de tal xeito que un anaco de toro forma o rostro e a ponla o tamón. Outras veces faise de dúas pezas que se xuntan formando unha unidade e asegurándoas con cinchos de fero ou con tornos e corres de madeira axeitadas para confeccionalo dunha peza só.


A este arado chaman alí cambela e nel quere ver Ebeling, que estudiou, aquela zona, o representante do "aratrum simplex" dos romanos. Chámalle el "Hakempflug" ou arado-aixada, e vén se -lo instrumento que serve para pasar da aixada movida pola man do home ó arado puxaod por animais.


A cambela emprégana para rompe-lo monte despois de rozado e preparado para a sementeira. Do nome deste aradao chaman alí cambelar ó traballo feito con él.


Un curioso aradol, con trazas de moi vello, atópase nas terras de Mondariz. Este arado ten unha peza o encano, que leva no seu extremo o ferro rella semicircular, namentres o outro extremo empalma co rabicán ou rabiza; un pouco máis arriba da xunta do encano co rabicán sae o tamón ou tomón, que se suxeita cunha tilla, pespunto, permite arma-lo tamón ó resto do arado no momento de comenza-lo traballo. Ente o tamón e o encano vai un teeiro, o manxil, e máis adiante a rega, como a seita de que xa falamos, e que, coma nos outros arados, pode torcer a un lado ou a outro por medio dunha tilla para segui-lo senso do surco


O elemento máis persoal deste tipo de arado son as abeacas, que en Mondariz chaman abecas. As deste arado son moi grandes, domeadas cara a atrás, prolongándose astra acada-la mesma lonxitude que o extremo do rabicán até o punto de que se empregan para dirixi-lo arado coa man; podemos, case considerar este instrumento como un arado de tres rabizas. Entre as abeacas e o manxil leva dúas pezas triangulares chamadas sobreabecas. As abeacas amárranse ó encano por medio de dúas travesas.


Atópanse tamén arados con dúas rabizas, independentes neste ncaso do rostro que se xuntan por medio duns tornos de madeira ou pasadores de ferro. Nestes arados ponse o home entre as rabizas e cunha man en cada unha para conducir mellor.


O mesmo obxecto de facilita-lo manexo ten un torno que algúns arados levan na parte superior da rabiza e que permite collelo doas dúas mans nun momento determinado.


A falta de facenda e a facilidade para o traballo que presentan algúns terreos fixeron nacer un tipo de arado que se atopa en lugares chairos. Trátase de arados para xunguir soamente un animal eu que teñen, por tanto, a súa estructura axeitada a este obxecto.


Contan con dous tamóns, entre os que se pon o animal. O seu xugo, feito tamén especialmente, xungue os seus extremos ós cabos dos tamóns; estes, por detrás, levan entre sí dúas travesas que, a súa vez, articulan cun tamón curto que sae da rabiza.


Este sistema de tiro por un só animal atópase empregado tamén nos carros, e non sería extrano que este arado fose o inspirador do carro co mesmo sistema de tracción


Tanto no conxunto como nas pezas é fácil atopar variantes, unhas que compren un fin determinado e outras que non responden máis co capricho do seu autor.


As diferentes finalidades do arado nas terras fan que este instrumento precise dalgúns aditamentos para un mellor funcionamento.


Entre estas engádegas convén citar algunhas: o fouciño do arado, a seita, e as escobas e pasoeiras.


O fouciño é unha peza de ferro, semicircular, afiada pola parte de fóra, que se pon ó arado sobre do rostro, enre a rella e o teeiro; o obxecto do fuciño é ir cortando a vexetanción consonte se vai arando cando se está a rompe-lo monte para facer "estivadas". Vimos moi empregado este aparello nas terras de Zobra, prego de Lalín.


Un fito parecido ten a seita que, por medio dunha cuña, se inclina cara ó lado que conveña. O seu uso é máis xeral có do fouciño anque non acada a eficacia deste.


As escobas e as pasoeiras son semellantes e teñen o mesmo obxecto: facer que o surco sexa máis ancho. As escobas son dúas táboas que se poñen verticais na cara anterior da rabiza; teñen forma triangular e van xunguidas por riba cunha travesa chamada sumadoiro. As escobas usánse en arados sen abeacas e o seu obxecto é soumar ou sexa face-los sucos moi abertos para deitar neles o gran. O mismo fin téñeno as pasoeiras, que noutros sitios chaman bascullos, e que se lle poñen ó arado no ángulo que forman rabiza e o rostro.


O sistema de tiro do arado é omesmo có do carro; por esta razón o tamón remata do mesmo xeito cá cabezalla do carro, tendo a chavella vertical ou cruzada.


O xugo é tamén o mesmo, anque o do arado ten maior longura có do carro; por isto, úsanse uns xugos especiais para arar, que son tamén máis lixeiros,, anque non faltan xugos cun dispositivo que permite axeitalos ós dous traballos.


Nestes útlimos tempos, e anque con certas dificultades, foi entrando no noso campo o arado de ferro.


Os nosos campesiños, de espíritu tradicional, vían con receo o novo artiluxio e tardaron en valer del. Logo, pouco a ouco, encomenzarona a ve-las súas vantaxes e a lle dar cabida entre as ferramentas do campo.


Os primeiros arados de ferro eran de fabricación industrial, mercados na tenda, mais non tardoron os artífices campesiños en facer vale-la súa personalidade creando modelos propios,sendo case tódalas pezas obra súa, descontadas a rella e a roda que mandan facer nas fundicións urbanas.


Axiña se popularizou este arado, de vertedeira reversible e dúas rabidas, con roda de altura variable na punta do tamón; abunda hoxe en moitos sitios, especialmente no SO da provincia de Ourense onde se seguen facendo a un costo máis accesible cós que fornece a industria e son de tanta eficacia coma eles.


Cando se vai arar, xúnguese o gado ó xugo na casa e o arado ponse con rostro por riba do xugo de xeito que a punta do tamón vai esbarando polo chan


Ó chegar á herdade, aponse a xugada e coménzase a arar. Diante da facenda vai, polo xeral, un rapaz ca aguillada tanguendo o gado; na rabiza vai un home, que conduce o arado e guía o gando berrándolle: "Ei, vaca, ei..¡ Oooo...¡ Ei, vaca ó rego...¡


Se o rego torce, carga na rabiza cara ó outro lado para o endereitar.


Atrás do arador vai unha muller botando no su coa man os grans de millo que leva nunha carabela. A seguir, mulleres, nenos e homes, van picando, é dicir, botando terra o suco con aixadas


No hay comentarios:

Publicar un comentario