martes, 12 de julio de 2011

Que é a prima de risco?


As turbulencias nos mercados de débeda levaron a este indicador aos titulares pero... como afecta á economía real?


É o sobreprezo que paga o noso país para financiarse nos mercados comparado con Alemaña, á que se utiliza como referencia porque se lle considera o país máis seguro; ou, dito doutra maneira, é a rendibilidade que esixen os investidores para comprar a nosa débeda fronte á alemá


Chámaselle prima de risco, risco país ou diferencial de débeda. En definitiva, mide a confianza dos investidores na solidez da economía española.
Como se calcula?
Calcúlase establecendo a diferenza entre a rendibilidade do bono español a 10 anos e o alemán, considerado o máis seguro de Europa. Por exemplo, se o interese do bono español a 10 anos é do 6,21% e a do bono alemán do 2,60%. A diferenza é de 3,61 puntos porcentuais ou, o que é o mesmo, de 361 puntos básicos.
Posto que é a diferenza entre dous valores, a prima de risco pode aumentar por dúas razóns: porque sobe o interese dos nosos bonos ou porque baixa a rendibilidade dos títulos alemáns.
A prima de risco fíxase no mercado secundario de débeda, é dicir, onde se negocian os títulos unha vez emitidos polo Estado. O Estado finánciase no mercado primario, que é onde o Tesouro público realiza as súas emisións de débeda para captar capital.
Con todo, as tensións no mercado secundario afectan as emisións do Tesouro no mercado primario, porque a prima de risco funciona como unha especie de termómetro sobre a confianza dos mercados na solvencia de España. A menos confianza, maior prima de risco.
Como afecta á economía española que se dispare a prima de risco?
Encarece o financiamento do Estado, é dicir, o Estado ten que pagar máis diñeiro para financiarse, para colocar a súa débeda. Segundo os cálculos do presidente de BBVA, Francisco González, por cada 100 puntos básicos que sobe a prima de risco, supón un custo extra para España de 12.400 millóns de euros anuais.
Esta cantidade, segundo o banqueiro, equivale a un 1,2% do PIB español e permitiría financiar con fartura os investimentos en infraestruturas de 8.400 millóns de euros, previstas para 2011.
Ademais, impídese a creación de 160.000 empregos no noso país. O aumento da prima de risco non só encarece o financiamento do Estado, tamén a das empresas e os bancos, que teñen que pagar máis interese para colocar a súa débeda, xa que se lles asocia coa solvencia do país ao que pertencen, sen que se teña moitas veces en conta a súa situación obxectiva.
De rebote, afecta os consumidores que teñen que acudir ás entidades financeiras a pedir crédito e tamén terán que pagar máis por el.


FONTE: CADENA SER

No hay comentarios:

Publicar un comentario