viernes, 20 de mayo de 2011

HISTORIA DO DIA DAS LETRAS GALEGAS (17 DE MAIO)

Del Riego
Ferro Couselo

Gomez Roman


Peticion (1)



Petición 2




HISTORIA DO DIA DAS LETRAS GALEGAS


A historia do Día das Letras Galegas comeza formalmente en marzo de 1963, cando tres membros numerarios da Real Academia Galega, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, envían unha carta ao presidente da institución, Sebastián Martínez Risco, coa seguinte proposta:
Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:


1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.


2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.



3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.

4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.

5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.

6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.
-->

Pouco tempo despois, o 28 de abril dese mesmo ano ten lugar unha Xunta ordinaria da Institución nos salóns municipais, sede da RAG ata o seu traslado á rúa Tabernas, na que se presenta a proposta anterior e se acorda declarar como Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal e como se recolle na acta da sesión:

[...] O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición que subscriben os numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, en relación coa publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, que se cumpre o 17 de maio vindeiro. Na súa vista, a asemblea acordou declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano, a partir do presente que esta Corporación celebrará coa máxima solemnidade, recabando, como se solicita, a colaboración das institucións culturais do país e a de todos os Centros Galegos do mundo para o maior realce de tan sinalada efemérede. [...]

Dous días despois, o presidente da RAG, Sebastián Martínez Risco, comunicou este acordo ao Ministerio de Información e Turismo e solicitou a súa autorización para levar a cabo esta iniciativa.

O 14 de maio, o delegado provincial do Ministerio de Información e turismo, Francisco Serrano Castillo, en nome do Excmo. Sr. Ministro contestaba de maneira favorable esta iniciativa.

Aquel primeiro ano de 1963 honrouse a figura de Rosalía con numerosos actos promovidos pola institución académica, que tiveron como sede principal a cidade herculina. Desde outras cidades e institucións tamén se promoveron homenaxes e actos destinados a honrar a autora galega e a súa obra.

Desde esta data e sen interrupción veuse dedicando anualmente o Día das Letras Galegas a unha figura senlleira da nosa cultura, elixida en Xunta Ordinaria pola RAG tal e como se recolle nos seus Estatutos:
(Capítulo 1, Artigo 2):

Son finalidades da Real Academia Galega

Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas.

(Capítulo 2, Artigo 7)

Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.



ESCRITORES HOMENAXEADOS


2011 - Lois Pereiro
2010 - Uxío Novoneyra
2009 - Ramón Piñeiro
2008 - Xosé María Álvarez Blázquez
2007 - María Mariño
2006 - Manuel Lugrís Freire
2005 - Lorenzo Varela
2004 - Xaquín Lorenzo Fernández
2003 - Avilés de Taramancos (Antón Avilés Vinagre)
2002 - Frei Martín Sarmiento
2001 - Eladio Rodríguez
2000 - Manuel Murguía
1999 - Roberto Blanco Torres
1998 - Poetas Medievais da ría de Vigo (Martín Códax, Mendinho e Johan de Cangas)
1997 - Ánxel Fole
1996 - Xesús Ferro Couselo
1995 - Rafael Dieste
1994 - Luís Seoane
1993 - Eduardo Blanco Amor
1992 - Fermín Bouza Brey
1991 - Álvaro Cunqueiro Mora
1990 - Luís Pimentel
1989 - Celso Emilio Ferreiro
1988 - Ramón Otero Pedrayo
1987 - Francisca Herrera Garrido
1986 - Aquilino Iglesia Alvariño
1985 - Antón Losada Diéguez
1984 - Armando Cotarelo Valledor
1983 - Manuel Leiras Pulpeiro
1982 - Luís Amado Carballo
1981 - Vicente Martínez Risco
1980 - Alfonso X o Sabio
1979 - Manuel Antonio
1978 - Antonio López Ferreiro
1977 - Antón Villar Ponte
1976 - Ramón Cabanillas Enríquez
1975 - Xoán Manuel Pintos Villar
1974 - Xoán Vicente Viqueira
1973 - Manuel Lago González
1972 - Valentín Lamas Carvajal
1971 - Gonzalo López Abente
1970 - Marcial Valladares Núñez
1969 - Antonio Noriega Varela
1968 - Florentino López Cuevillas
1967 - Manuel Curros Enríquez
1966 - Francisco Añón
1965 - Eduardo Pondal
1964 - Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
1963 - Rosalía de Castro



LOIS PEREIRO HOMENAXEADO NO 2011

Vida e obra


O Incio

As dúas liñas familiares que confluíron en Lois son do Incio, sen máis antecedentes exóticos que un cura francés, exiliado pola Revolución francesa, e cuxo apelido Pierrerie aínda levaba o bisavó paterno. Esa póla, orixinaria de Reádigos, era de orixe máis que humilde. O avó Manuel Sánchez Fernández foi criado dunha casa rica desde os 7 anos, e un irmán maior seu, José, emigrou a Portugal. Alí foi sindicalista no sector da hostalería e no de vendedores de prensa, e tívose que exiliar en Casablanca, onde acabou tendo un hotel. Desde alí reclamou a Manuel, que non aceptou. Acabou indo a Marrocos a outra cousa: á guerra colonial. De volta, foi o que agora se chama un emprendedor: labrador, caleiro e finalmente madeireiro, actividade que o deu sacado de pobre. Casou con Pura Vila Vila, unha señorita da Cruz do Incio, xuntáronse un carácter forte e un ser delicado, e tiveron un único fillo, Manuel Sánchez Vila. O pai e o padriño, secretario do Concello do Incio, decidiron que o rapaz fose estudar Dereito a Madrid. O mozo aldeán, que necesitaba tirar de dicionario para entender moitas palabras xa co título, foi vivir a Monforte, a unha casa que fixera na cidade o pai. Entrou de pasante en Ferreira de Pantón e logo co pai de Emilia Casas Baamonde, a presidenta do Tribunal Constitucional. Porén, deseguida chegou á conclusión de que non servía para avogado. Así que seu pai colleu o taller de cristalería que estaba arrendado no baixo da súa casa e púxoo á fronte do negocio. A familia materna eran os da casa Castelo de Santa Cristina do Viso, que como indica o nome, era casa grande. Nela había xardín con cipreses, buxos e palmeiras, libros antigos, algún prato do vello Sargadelos e dous reloxos de parede que daban as horas para toda a aldea. E dous tíos curas, un deles párroco en Cervantes durante 50 anos e dunha bonhomía que ata respectaban os guerrilleiros que houbo na montaña cando a guerra civil. Desde a aldea de Bermún foi casar con Hermenegildo Pereiro Díaz, da Casa de Castelo, Balbina Pontón López, unha muller cun tempero como para participar na conquista do Oeste. Todo o contrario do avó Hermenegildo, un home apracible que de cando en vez ía tomar os baños á Coruña e que soamente saíu de Galicia cando foi atender a seu irmán maior a Cuba, e volveu cando lle dixeron que acababa de morrer. Tiveron tres fillos, Carmen, Inés e José. Inés foi daquelas mestras da posguerra que, con 18 anos, daban clases polas aldeas a rapaces que, en moitos casos, poucos anos menos tiñan ca elas. Deunas en Santa Cristina, en Guntín, en Cospeito, na Fonsagrada e en Sober, ata que tivo que criar os fillos (volvería exercer en 1982, no Incio, en Quiroga e finalmente en Monforte, nun centro de Educación Especial). As dúas familias tiñan trato e coincidían nas romarías da contorna. Manuel Sánchez Vila e Inés Pereiro Pontón casaron en xaneiro de 1955 e tiveron axiña dous fillos, Xosé Manuel e Lois, e anos máis tarde a Inés.

Monforte

Lois Pereiro naceu, baixo o pseudónimo oficial de Luis Ángel Sánchez Pereiro, o 16 de febreiro de 1958, domingo de Entroido aquel ano, no primeiro piso da casa de dúas plantas que o avó Manuel construíra a comezos dos anos 50 no soar da estrada a Ourense onde estivera o Stadium do Lemos F.C. Levabámonos 17 meses, así que faciamos un lote ao coidado de Emilia Expósito, a muller que entrara na casa cando meu pai aínda estaba solteiro, e que sempre consideramos a nosa outra avoa. Ao coidado dela e de dúas das súas irmás, Enriqueta e Lola, unha familia de vella raizame monfortina como comprobabamos nos paseos, que se facían interminables de tanta xente coa que se paraban a falar. Os invernos, os outonos e as primaveras transcorrían en Monforte, a maior parte do día nos Escolapios e o que quedaba del xogando cos amigos no faiado da casa, na horta, na propia rúa, nos soares (o máis apetecible, un no que se amoreaban milleiros de pneumáticos) e nas obras que se ían erguendo neles. Pero os veráns pasaban nas aldeas do Incio, primeiro en Reádigos e logo en Santa Cristina, cando aínda estaban cheas de xente e de nenos. Monforte, o Monforte de Lois, aquela cidade agredida pola reconversión ferroviaria, non era aquel burato negro da cultura que era España toda dez anos antes, pero case. Máis que sempre, daquela as inquedanzas había que buscalas. Afortunadamente, estaban os libros, os das librerías monfortinas (Xistral, Balado ou Mapa) e os que caían nas de Lugo (había un pacto familiar: cada visita médica, un libro). Afortunadamente, estaba a música, que chegaba por camiños case clandestinos. E o cine, aínda que había máis referencias lidas que películas que ver, quitados os clásicos que poñían na televisión. Aos 17 anos, quen fora un neno máis ben tímido e calado era un rapaz que recitaba os simbolistas en francés nas discotecas, compartía a Velvet, Bowie ou King Crimson con aquel novo invento, a casete, e participaba nos debates dos lectores nas revistas de cine. Posiblemente a eterna néboa que cobre no inverno o Val de Lemos, a ferruxe colonizando os raís e a herba invadindo as travesas de madeira norueguesa foi o que uniu a Lois desde o comezo e para sempre ao que chamaba "a xeada estética centroeuropea" e aos movementos contraculturais. Abríase ao mundo coma quen sobe a coller aire, pero tamén redescubría quen era e de onde viña. Comezou a escribir no idioma que escoitara coma quen oe o río das orixes, e que aínda non falaba, os seus primeiros poemas. "Nunca escribirei en castelán", díxolle un día á que empezaba a ser a súa moza, Piedad Cabo. "Quero ser como Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo".


Fonte: Real Academia Galega


Para saber máis de Lois Pereiro clickea:











No hay comentarios:

Publicar un comentario