martes, 31 de mayo de 2011

Un pescador avista un oso no límite entre Ribeira de Piquín e A Fonsagrada



Un veciño de Ribeira de Piquín asegura ver un oso pardo nas margenes do río Rodil, no límite do concello coa Fonsagrada. Este avistamento prodúcese só uns días despois de que Medio Rural suspenda a procura doutro plantígrado detectado no Alto da Vacariza.
Aínda co susto no corpo, o pescador revivía onte a súa experiencia sen esquecer ningún detalle. «Era primeira hora da tarde e estaba a pescar no río Rodil cando vin como, pola outra marxe, un animal baixaba cara o río», explicou. Nun principio pensou que se trataba dun can, pero enseguida comprobou que non era así. «Era un oso, sen dúbida algunha. Tíveno a menos de 20 metros. El nunha marxe do río e eu na outra, fronte a fronte», asegurou.
O home, de 67 anos, recoñeceu que se asustou «moitísimo» porque «nunca na miña vida me atopei con algo así». Recordou, nervioso, como o animal quedou inmóbil no lugar durante uns segundos. «Estivo alí ata que peguei un berro e se asustou. Logo xa o perdín de vista porque marchou monte arriba, oculto entre a maleza», di.
O sobresalto foi tal que este pescador decidiu interromper a súa rutina.«ía moi a miúdo pescar nesa zona pero agora teño medo. Sobre todo porque é un lugar apartado, onde non hai xente nin sequera cobertura de móbil para poder pedir axuda», explica.
Fontes de Medio Rural aseguraron onte a este diario que non recibiron aviso algún deste avistamento dun oso entre Ribeira de Piquín e A Fonsagrada polo que, polo momento, non está previsto mobilizar a axentes forestais para buscar indicios na zona.

Segundo aviso

O avistamento deste oso recorda ao producido, a mediados deste mes, a menos de 20 quilómetros do lugar, no Alto da Vacariza, entre os municipios de Baleira e Castroverde.
Nese caso, axentes forestais do Servizo de Conservación da Natureza de Medio Rural buscaron durante días algunha mostra que probase a presenza do plantígrado. O único que acharon foron algúns pelos dos que, como aseguraron onte fontes da Consellería de Medio Rural, aínda non se puido confirmar a orixe.
Desde a Fundación Oso Pardo -que tamén colaborou nos traballos de procura- recordan que os exemplares macho realizan «grandes desprazamentos na procura de alimento ou de femias». E ese comportamento, din, é aínda máis frecuente en épocas de celo, como a actual. A presenza dun oso nas proximidades da Fonsagrada é, polo tanto, pouco habitual pero non imposible.

OUTRO INDICIO. Danos sospeitosos en colmeas de Negueira de Muñiz

Aos dous avistamentos de osos coñecidos este mes na provincia, súmase outro aviso dun veciño de Negueira de Muñiz. O home contactou con Medio Rural para informar de danos nas súas colmeas que podían deberse á acción dun plantígrado. Axentes forestais e membros da Fundación Oso Pardo traballaron o fin de semana na zona, pero non acharon proba algunha da presenza do animal.

Indicios

As pegadas son a mostra máis clara á hora de determinar a presenza dun oso. Pero son moitos os restos que poden dar pistas. É o caso da aparición de pelos, excrementos ou danos en árbores e colmeas.


Información oso na Vaqueriza, clickea

http://elprogreso.galiciae.com/nova/89022.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario