domingo, 12 de junio de 2011

A Fonsagrada estrea a súa primeira maioría socialista



A concelleira de máis idade entrega ao alcalde o bastón de mando. Sebas Senande


Argelio Fernández Queipo converteuse no primeiro alcalde socialista da Fonsagrada que gobernará con maioría absoluta. Na historia da democracia nunca se deu esta situación, polo que o pleno de investidura xerou gran expectación e o consistorio quedou pequeno para acoller ao público.

O primeiro edil socialista recibiu o bastón de mando da concelleira popular Rosario Arias Mon, que presidía a mesa de idade, quen lle pediu «que goberne co corazón na man» e ofreceulle o apoio de toda a corporación para «traballar xuntos» en beneficio da Fonsagrada.

No mesmo sentido manifestouse a cabeza de lista do PP, Tobías Martínez, quen indicou que o seu grupo intentará buscar consenso para sacar adiante os proxectos do seu programa.

A cabeza de lista nacionalista, María Xosefa Ortiz de Galisteo, agradeceu o apoio dos 290 votantes que lle permiten seguir na corporación «e que non cederon ás presións, con mención especial ós cinco votantes do BNG de Lamas de Moreira e de Freixo».

Argelio Fernández recolleu a «luva do consenso» que lle tiraron os seus compañeiros e comprometeuse a buscar o acordo de todos os partidos para gobernar, aínda que a maioría absoluta que lle deron as urnas non o fai necesario. Incidiu en que «unha oposición construtiva axuda a gobernar» e confiou na vontade de consenso para «loitar xuntos por sacar adiante vos proxectos importantes para A Fonsagrada».

Visiblemente emocionado, manifestou que «é unha honra estar aquí falando» e deu as grazas a quen acudiron a votar o pasado 22 de maio. Reiterou o seu «compromiso de traballar por todos» e insistiu en que a súa porta está «aberta para calquera veciño».

Argelio Fernández non se esqueceu o día do seu nomeamento como alcalde dos proxectos pendentes no municipio. Tras constatarse de novo a necesidade dun salón de plenos que poida acoller aos veciños, recordou que as obras da nova casa consistorial xa están adxudicadas e empezarán de inmediato.

Referiuse tamén ao proxecto da residencia de maiores e avanzou que «hai polo menos 15 ofertas para facela», das cales se elixirá unha cando termine o prazo de presentación.

O alcalde apuntou outras dúas grandes obras prioritarias. A primeira, a traída de augas da vila, cuxo proxecto está a exposición pública «e presionaremos ó Goberno central para que se adxudique». E a segunda, o saneamento, obra que cualificou de eterna «» e que seguirá demandando á Xunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario