Termos como recesión ou prima de risco son vitais para entender a crise e saber como lle afecta ao consumidor
Moitas persoas amosaron ata hai ben pouco unha patente alerxia aos termos económicos e a todo o que ten que ver cos números. Nestes intres a esta alerxia cómpre sumar outra patoloxía: o medo. A situación xeral de inestabilidade que se está a vivir fai que cumpra familiarizarse con algúns conceptos, como crise, paro, déficit ou prima de risco. Almorzar todas as mañás con novas relacionadas con estes asuntos é hoxe algo habitual. Pero, cal é a implicación de cada unha destas palabras ou expresións na crise?, que significan? E o que pode resultar máis interesante: como afectan ao pequeno consumidor? Deseguido detállanse as 10 palabras clave desta crise, un breve manual económico de "supervivencia" para inexpertos.
- Recesión. É o termo que fai referencia a que unha economía no canto de medrar e xerar máis riqueza para un país decreza, unha situación prexudicial para os seus cidadáns. Estar en recesión implica que un país é incapaz de xerar emprego e de ampliar o Estado do benestar. Para saír dela, impóñense algunhas medidas necesarias como subas de impostos, recorte de salarios e doutros beneficios de carácter social, como axudas, bolsas... En España xa se fixeron efectivas algunhas medidas que afectan ao cidadán, como a baixada de soldos para os funcionarios ou a suba da idade de xubilación. Para saír da recesión é importante que os países poidan reducir os seus déficits, outro termo vital para entender a crise.
- Déficit. O concepto de déficit fai referencia á escaseza de recursos. Se a este termo lle unimos a palabra orzamentario (déficit orzamentario), moi comentada nesta crise, o termo alude á situación na que os gastos realizados por un país superan os seus ingresos. Para tratar de compensar e de reverter esta situación, os gobernos vense obrigados a emitir títulos de débeda de modo esaxerado (Letras, Bonos e Obrigas) que mercan os investidores (particulares e institucionais). Agora ben, o custo que ten que pagar o estado é moi alto. Ao aforrador aféctalle porque a percepción que se ten de España no estranxeiro é cada vez peor. Cada vez hai menos investidores internacionais que queren investir en activos do noso país. Isto derivou na famosa crise de débeda.
- Crise de débeda. A alta rendibilidade que teñen que pagar algúns estados (sobre todo os denominados periféricos: Italia, Irlanda, Grecia, Portugal e España) para colocaren a súa débeda e acadaren cartos para se financiaren está a ser, en moitos casos, insostible. Ao aforrador aféctalle de xeito positivo, xa que as Letras e os Bonos están mellor remunerados. Pode obter, por exemplo, un 5% de rendibilidade en Letras a un ano ou case un 7% en bonos a 10 anos. Agora ben, o risco de sufrir non pagamentos (é dicir, de que non lle devolvan todo o investido) é cada vez máis alto. Xa non se descarta a posibilidade de que España teña que recorrer ao Fondo de rescate europeo (organismo creado cos cartos de todos os estados para facerlles fronte a situacións extremas) ou solicitarlle unha axuda ao Fondo Monetario Internacional.
- Prima de risco. Esta expresión cobrou sentido, sobre todo tras o rescate de Grecia. As similitudes entre esa economía e a española dispararon a diferenza entre o que paga o bono alemán (de referencia en Europa) e o bono español. Canto máis sobe a prima de risco, máis aumenta a probabilidade de que España precise unha intervención económica. Iso podería inducir a máis desemprego, máis recortes sociais, en educación, sanidade, demora en investimentos de infraestruturas...
- Eurobonos. É un dos termos que soan como solución para a crise de débeda. Trátase de emisións conxuntas de débeda europea que substituirían a nacional de cada país. Unha proposta do cumio europeo para acabar coa crise é que os eurobonos substitúan de xeito total ou parcial a débeda nacional ata o 60% do PIB. O obxectivo en calquera caso é lograr unha rebaixa dos tipos de xuro (o que lles permite aos estados financiarse de xeito máis barato) e un mercado cunha gran liquidez.
- Axencias de cualificación. Miden o risco de que un país ou unha empresa efectúe non pagamentos. Nos últimos anos realizan continuas revisións á baixa. Considéranse un bo termómetro do risco económico. Ao aforrador aféctanlle, xa que lles poñen nota ou cualificación a todo tipo de activos económicos. Teñen moito poder sobre o mercado e xeran tendencias de investimento. Se ditan veredictos positivos, os activos tenden a subir. Se é ao contrario ( o habitual nesta crise), xeran fortes caídas de prezos na Bolsa, o mercado de débeda...
- Banco Central Europeo. É unha institución clave na actual crise do euro. Para tratar de diminuír a percepción de desconfianza dos investidores cara a países como España ou Italia, fai fortes investimentos en activos de débeda destes países. O seu labor é tamén inxectarlle liquidez ao mercado, facer que o diñeiro flúa e que a economía se reactive. En xeral, unha economía funciona se a xente consume. Para saír da crise é, polo tanto, moi importante que o consumo creza (por exemplo que se merquen máis coches, máis casas, que se viaxe máis...).
- Cumio europeo. É o nome que tamén se utiliza para referirse ao Consello Europeo que reúne aos 27 xefes de estado ou de goberno da Unión Europea. É o máximo órgano político da UE. Na crise cobrou importancia porque del depende a resolución dos problemas de débeda soberana dalgúns países membros, como Grecia, Italia ou España. Non en van multiplicou o número das súas reunións, aínda que algunhas delas resultaron falidas. As discrepancias entre os seus membros afectan aos aforradores, xa que no canto de atopar unha solución pacífica e ordenada ao problema da débeda agrávano. Algúns países antepoñen os seus intereses particulares aos do ben xeral da eurozona.
- Pacto de Estabilidade. Regula os límites máximos de déficit (3% sobre PIB) e débeda (60% sobre o PIB) que poden rexistrar os estados. Entre o 2000 e o 2007 foi vulnerado máis de 100 veces. Así e todo, nunca se fixeron efectivas as sancións. España incumpriu co Pacto en catro ocasións. Agora quérense endurecer moito máis as penas e conseguir que se cumpra este Pacto de Estabilidade é o obxectivo número un de todos os Estados. Cando se logre, poderemos dicir que a crise foi superada.
- "Corralito". A palabra acuñouse en Arxentina para facer referencia ao peche dos bancos e á prohibición de retirar os cartos en efectivo das contas. Impúxoo o goberno de Fernando de la Rúa en decembro do 2001. Con esta iniciativa, o goberno quería evitar a saída de diñeiro do sistema bancario e en xeral do país. Produciuse nun intre de pánico e xurdiu co obxectivo de frear o colapso do sistema. Trátase dunha situación límite. É improbable que se dea en España nin en calquera outro país desenvolvido. O cidadán español non debe temer polos aforros que ten no banco. Están protexidos polo Fondo de Garantía de Depósitos ata 100.000 euros. Ademais, en caso de insolvencia, España demostrou a súa capacidade e disposición para intervir calquera entidade que o necesite (fíxoo xa con Caja Castilla La Mancha, Unnim, Catalunya Caixa, Banco de Valencia, Caja de Ahorros del Mediterráneo, Cajasur e Novacaixagalicia).
No hay comentarios:
Publicar un comentario