29/01/2012 - Pilar G. Cheda / El Progreso
(Lugo)
O Partido Popular presentará unha proposición non de lei no
Parlamento galego para pedir que se axilice a aprobación do Plan
Director da Rede Natura, que suporá a ampliación do territorio protexido
en municipios de montaña como A Fonsagrada, Baleira ou Navia de Suarna.
O alcalde de Baleira, Francisco Acal, e o portavoz do PP da
Fonsagrada, Tobías Martínez, reuníronse o pasado venres co director
xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, para coñecer
os detalles do programa de ampliación da Rede Natura.
Concluíron que o borrador que baralla a Xunta non será
prexudicial para os intereses dos veciños destes municipios e, polo
tanto, manifestaron o seu apoio á súa aprobación inmediata. A deputada
autonómica Emma Álvarez, que acompañou aos portavoces do PP da
Fonsagrada e Baleira, adiantou que o seu grupo intentará axilizar os
trámites parlamentarios para que o borrador cobre consideración de texto
definitivo.
Se o documento se aprobase, 15.523 hectáreas da serra de
Foncuberta consideraranse Lugar de Interese Comunitario e a superficie
da Fonsagrada incluída na Rede Natura pasará do 8 ao 39,7 por cento.
Os portavoces populares din que o plan director garante que na
Rede Natura fomentaranse as actividades e usos tradicionais en
consonancia coas normativas europeas». Indican, neste sentido, que nas
zonas definidas como de usos xerais autorizaranse construcións de
instalacións agrícolas, gandeiras e forestais ou instalacións vinculadas
a estradas ou gasolineiras.
A gradación de zonas protexidas foi un dos aspectos máis
criticados polo PSOE da Fonsagrada, contrario á ampliación da Rede
Natura, pois asegura que a maior parte do territorio considérase zona de
elevada protección e moi poucas hectáreas clasifícanse como de usos
xerais.
Os populares insisten en que o PSOE está a difundir
«informacións irreais» sobre «unha suposta prohibición para construír»,
que eles queren desmentir para «tranquilizar aos veciños».
Subliñan que o plan director que propón a Xunta «equipara os
usos na zona de conservación e na zona de uso xeral cos permitidos nos
sos rurais de protección ordinaria».
CAMBIO DE OPINIÓN Os populares opuxéronse no pleno fonsagradino |
O pleno da Fonsagrada acordou por unanimidade un
posicionamento en contra da ampliación da Rede Natura por considerar que
sería prexudicial para os intereses do municipio. Nesta ocasión, os
edís do PSOE, o PP e o BNG apoiaron a moción, que pedía á Xunta de
Galicia unha revisión do borrador do plan director. Superficie O argumento dos socialistas era que o 39,7 por cento do territorio da Fonsagrada quedaría baixo as restricións da Rede Natura e non podería beneficiarse das excepcións permitidas para os municipios que teñan máis do 40 por cento da superficie protexida. Reunión O alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández Queipo, tamén solicitara un encontro con Ricardo García Borregón para explicarlle os seus reparos ao proxecto. Será, previsiblemente, a próxima semana. As opcións que barallaban os técnicos municipais era reducir a superficie afectada ou, no caso de que esta opción non fose viable, ampliala ata o 40 por cento para poder acollerse ás excepcións dentro dos usos permitidos. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario