24 de enero de 2012
Ao comezo do verán do 2011, os medios fixéronse
eco das andanzas dun oso viaxeiro cuxo percorrido coñecido estivo ao
redor da comarca da Fonsagrada. O primeiro avistamento foi nas saias da
Vacariza e, como testemuña, un sorprendido condutor. A segunda aparición
foi a un asustado pescador, na conca baixa do Rodil, preto dos Baos, e
finalmente nas ladeiras de Silvachá atopáronse os recados do seu doce
banquete. O raro non é que teña ese comportamento, a novidade está en
que fai máis dun século que o oso non estaba entre moradores nin
visitantes deste territorio.
Xa circulan as lendas rurais sobre a súa
presenza, case todas asentadas na súa introdución e solta controlada
nesa «reserva» do bosque de Carballido e Oscos-Eo-Burón. Xa postos en
imaxinacións, ocórreseme outra mais poética. Nun das miñas viaxes á
Fonsagrada, alá polo mes de febreiro, chegando a Vilaframil, a miña
esposa e eu detivémonos na Campa para ver un miradoiro construído
recentemente naquel balcón natural da conca alta do río Rodil, o
Castañeiral de Gayol (incluído no bosque de Carballido), a Coroa de
Castro, etcétera. Ese miradoiro, construído porque Fonsagrada forma
parte da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Burón, ten un cartel que describe
os animais e plantas máis sobresalientes. E si, entre eles figura o oso
pardo. Ao lelo, sorprendémosnos/sorprendémonos sobre a alta capacidade
dos técnicos para imaxinar. O que non podiamos supor é que tivesen a
facultade de adiviñar. E aquí empeza a lenda, que estamos ante un oso
lector e bonachón, e ao coñecer que un letreiro anuncia a súa presenza
quixo ser benévolo co seu mentor e decidiu dar un paseo pola zona para
contradicir a incrédulos como eu, que vimos no letreiro información e
promoción, cando en realidade era información e predición.
Deixando ao carón as lendas, a presenza deste oso
é froito dos brutais cambios de hábitat nos últimos anos e tamén da
biodiversidade. Este último é un valor que a sociedade moderna puxo como
unha das súas referencias, con consecuencias positivas, pero con custos
que ha de asumir. Para que sexa unha potencialidade presente e sobre
todo futura que reverta nos cidadáns, a sociedade non debe deixar todas
estas cargas sobre a xente do rural. Podemos pedir a quen viven na
Fonsagrada comprensións, paciencia e altura de miras con vistas ao oso,
pero non é xusto que carguen eles sos coa súa alimentación, andanzas e
desfeitas.
Os patrocinadores de fondos europeos para o
espléndido miradoiro e outras obras, deben pensar que o principal dun
«espazo protexido» son os seus habitantes, que deben gozar de similares
dereitos e posibilidades de vida que calquera outro cidadán. Son tempos
de escaseza económica nas Administracións, de seca, pero o que expoño
non é solidariedade caritativa, é xustiza, e paréceme proporcionado
pedir compromisos firmes co medio rural, de administracións e cidadáns.
Para pór en valor o medio ambiente. Tempos novos requiren mecanismos e
propostas acordes coas novas necesidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario