jueves, 12 de enero de 2012

A espectacular Rúa dos Mouros do castro de Castañoso

12 / Decembro/ 2011Un comentario


Onte focalizamos a atención na sauna castrexa do castro de Castañoso, pero non quería deixar o tema sen chamar a atención sobre un dos elementos máis espectaculares do castro para os amantes non só da arqueoloxía, senón da natureza. O castro é como a espina dorsal dun dragón, que se retorce como un bicho entre ríos e bosques profundísimos. Para acceder a el desde a cara sur (acceso que recomendo se non coñeces a zona, aínda que gáñase tempo baixando desde a banda norte, desde a ladeira do Corno do Cervo), hai que atravesar unha das pasaxes naturais máis espectaculares que coñezo no acceso a un castro.

Os vellos coñecíana como a Rúa dos Mouros. É nin máis que menos que un angosto sendeiro que discurre, cun ancho de entre medio metro e 1 metro, polo cumio dunha dorsal pétrea durante case douscentos metros. A unha banda e a outra, a dorsal cae practicamente a pico. Para os que padecemos de vertixe, é para poñerse branco. Con bo criterio, as partidas do concello e da Xunta desbrozaron un pouco a ladeira para que non teñas que ir exactamente por alá arriba, facendo equilibrios entre pedras; camiñas tres metros por embaixo, pero o acceso tradicional era por aí, pola espina cresteada do dragón. As pedras están gastadas, con literalmente formas de pés que deberon chegar ata alí cargando de todo (sospeito que iso era un castro mineiro). Os valentes que se arriscaran a atacar o lugar debían superar despois tres foxos. No último tramo entre foxos, aínda se poden ver -parcialmente destruídas por unha antiga cortiza- os cimentos dun bastión-torre de varios corpos. Desde o aire, a dorsal, a Rúa dos Mouros, é espectacular.

publicado en:

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/12/12/a-espectacular-rua-dos-mouros-do-castro-de-castanoso/

No hay comentarios:

Publicar un comentario