12/02/2012 - P. G. Ch. / El Progreso (Lugo)
Gandeiros de Grandas de Salime e Os Oscos, zonas limítrofes coa
Fonsagrada, manifestaron o seu interese por integrarse en Asgafon. Os
estatutos da agrupación impídeno, porque ten carácter provincial, pero
na próxima asemblea de socios estudarase a posibilidade de eliminar este
límite para poder sumar socios.
José Pérez López chancea ao
dicir que «o que máis me presta é que os asturianos busquen os nosos
servizos, porque eles sempre levaron a iniciativa en todo e agora miran o
que facemos nós, iso é un orgullo».
O presidente da asociación di que a relación dos gandeiros
fonsagradinos cos asturianos sempre foi estreita, máis que con calquera
outro colectivo da provincia de Lugo, tanto por proximidade como por
hábitos de crianza.
Calcula que o 60 por cento das vacas da Fonsagrada son de raza
asturiana e o 40 por cento, de loura galega. O predominio da raza veciña
débese a que «sempre houbo moito mercado con Asturias, non era rendible
a recría e era máis fácil ir ás feiras de aló a mercar».
Agora propuxéronse colaborar para mellorar os beneficios das
explotacións. «Cantos máis sexamos, mellores condicións conseguiremos
dos vendedores e máis peso teremos no sector», explica o presidente de
Asgafon.
A concorrencia de socios permitirá, segundo a directiva, ir
ampliando servizos no futuro. Ata o momento, a oferta foise adaptando á
demanda progresiva dos gandeiros. Nunca faltan ideas nin propostas e só
escasea, na súa opinión, o apoio das institucións. «A Xunta recorta as
axudas e do Concello non recibimos nada», lamentan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario