lunes, 13 de febrero de 2012

A Fonsagrada sabe a butelo


 2/02/2012 - Javier Rivera / El Progreso (A Fonsagrada)
o butelo, emblema da gastronomía da Fonsagrada, volve conquistar os padais de veciños e visitantes este fin de semana con motivo da décimo quinta feira dedicada a exaltar as súas excelencias. Os amantes deste produto estaban onte de parabén, porque co frío invernal é cando máis se goza este manxar que enalteceu os cocidos servidos nos restaurantes da localidade, sen que o tempo fose un elemento disuasorio para acudir á convocatoria. A carpa que albergou os postos gastronómicos e artesáns rexistrou un continuo ir e vir de xente, desexosa de comprar este e outros derivados do porco. Para hoxe espérase un abarrote aínda maior.
«É máis que unha festa que atrae visitantes e xera vendas. Serve de punto de encontro para os fonsagradinos que están fóra, trátase dunha xornada de reunión familiar». Así definía o espírito da Feira do Butelo Rubén Fernández, xerente da industria cárnica local Casa Castelao. Trátase dun certame consolidado «que resiste a desconfianza provocada pola crise e responde ás espectativas». Non ía desencamiñado na súa apreciación á vista da multitude que visitou o recinto, sobre todo nas horas punta, entre a unha e as catro da tarde.
Un dos aspectos máis curiosos é a fidelidade de moitos compradores particulares, que regresan á cita tras adquirir un butelo en edicións anteriores. «Algúns traen a etiqueta na man para pedir o produto no mesmo posto que o ano anterior», explica o xerente de Casa Castelao. Non faltaron tampouco hostaleiros de Lugo e a súa comarca, que ven no butelo da Fonsagrada un elemento de prestixio para os seus negocios. «Ao longo do ano temos moitos pedidos de produtos porcinos de comercios, restaurantes e bares da provincia e de Galicia», resalta Fernández.
Este prestixio, que transcende fronteiras autonómicas, aséntase na calidade que lle agrega á boa materia prima o especial microclima fonsagradino, xunto á experiencia transmitida de pais a fillos na elaboración de anacos de costela e touciño, embolsados no estómago do porco ou en tripa grosa, e sometidos a un proceso de afumado durante varios días, seguido do secado durante dous ou tres semanas.
PREZOS
O prezo de cada butelo, que pesa entre un quilo e quilo e medio, oscila entre os 8,50 e os 13 euros, segundo sexa de porco branco ou de porco celta, indica Fernández. O butelo normal adóitase vender a 9 euros o quilogramo «se está feito en tripa gorda», precisa Manuel Pérez González, de Embutidos Buenavista. Se vai envolvido en estómago de porco, como se facía tradicionalmente, véndese a doce euros o quilo. Cada peza pode alimentar a catro persoas.
Aínda que no seu posto están bastante apurados atendendo á clientela, Manuel detense mostrar un butelo feito con estómago, «cosido a man e cun pequeno pau de uz que serve de suxeción» e que sobresae nun extremo.
Manuel Pérez sostén que a Feira do Butelo «vai a máis en cada edición», con independencia da negativa conxuntura económica, ao que «axudou moito o tempo desta volta». Ademais de butelo, o seu posto rexistrou boas vendas de chourizos para cru. «É moi demandado», confirma.
INNOVACIÓN
Na carpa hai un posto dedicado exclusivamente ao porco celta fonsagradino, o da firma Porco Landrán, que non enfoca só a súa presenza no certame á venda. O seu responsable, Pablo Valledor, insiste na posibilidade de que visitantes e clientes poidan degustar novos produtos para coñecer a súa reacción de primeira man. «Quero que o consumidor final coñeza as nosas innovacións», asegura.
Este ano a súa principal aposta é a ‘mestura de cocido', un fiambre elaborado cos produtos do porco celta que integran este prato tradicional e que pretende «converter o cocido en algo intemporal, que se pode tomar en calquera época do ano como entrante ou aperitivo». O seu sabor está moi logrado.
Valledor pon especial énfase na elaboración de roxos e chanfainas de porco celta. «Son manxares cada vez máis esquecidos na gastronomía. É unha aposta case arqueolóxica que pretende recuperar aquelas chanfainas feitas co pulmón e o corazón do porco que teñen un sabor contundente. Son ideais para tomar con fabas de Lourenzá, fritidas ou á grella».
Porco Landrán desenvolve un proxecto de I+D+i para a curación de xamóns de porco celta durante un período de tres anos para alcanzar a máxima calidade. Ademais, comercializa patés de castañas ao mencía, un produto otoñal moi apropiado para a sobremesa logo de saborear un butelo.
Non só de butelo aliméntase o home, polo que na carpa, que volverá abrir hoxe, instaláronse 60 expositores. Venden produtos tradicionais como queixos, mel, pans e repostería, así como artesanía en madeira e coiro.

Rosa Quintana: «Hai que valorizar os nosos produtos de calidade»
A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, resaltou a importancia de apostar «pola valoración de produtos de calidade como o butelo, nos que Galicia é moi competitiva». O desenvolvemento deste tipo de industrias, como a cárnica na Fonsagrada, «son un elemento vital para evitar a despoboación rural», recalcou.
Quintana destacou o proxecto de I+D que se desenvolve no municipio para a curación de xamón de porco celta. «Os ensaios sobre efectos de fermentos nos acedos graxos do xamón van na boa dirección. Os seus impulsores confían en lograr un produto que compita co xamón ibérico».

No hay comentarios:

Publicar un comentario