O segundo día de estancia na Fonsagrada,
domingo 19, e despois de dar conta dun bo almorzo no Hotel Fonte Sacra, fixemos
a ruta de tipo circular da Pena Guímara, adentrándonos na zona de Rede
Natura 2000 Fraga de Carballido que é unha enorme extensión de
bosque autóctono que se atopa nun excepcional estado de conservación e
cunha gran diversidade florística.
- Lonxitude: 10,5 km aprox.
- Desnivel: medio.
- Dificultade: media.
Desplazámonos á parroquia de Santa María da Veiga de Logares, ao
norte do concello, comezando o itinerario na escola de Vilardíaz.
Comezamos subindo pola estrada en dirección a Fonsagrada chegando
enseguida a un pequeno núcleo de casas, onde destaca a casa de turismo
rural Villa
Severina, co seu hórreo de teito. Unha vez deixado o asfalto,
comezamos unha baixada por unha estreita “calella” con paredes en ambas
marxes formando coma un túnel, que nos introduce nun souto. Tras pasar
baixo as polas dun fermoso teixo (do que non teño foto), o camiño baixa ata
unhas escaleiras de pedra que nos levan de novo ao asfalto, polo que
teremos que pasar para introducirnos novamente no bosque.
Tras baixar un bo treito en espectacular zigzag ata chegar ao río
Veiga de Logares comezamos a remontalo. Este movemento zigzagueante vai
predominar en boa parte da ruta, tanto de subida coma de baixada. De
destacar son as foces da Pinguela, moi curioso de ver, pois nun
percorrido de 1500 m. nos que a forza da auga encaixada entre as rochas
laterais a través do tempo crea unha especie de canles paralelas nas
fendas da pizarra. Pagaba a pena contemplalo e fixemos unha pequena
parada, pois xa tiñamos unhas horiñas enriba.
Continuamos o roteiro pola beira do río ata atoparnos de fronte co
camiño que nos leva á aldea de Romeán, na que poidemos disfrutar de
exemplos de arquitectura tradicional en bo estado de conservación.
Comezamos a subida, deixando atrás o río, ata chegar á aldea de San
Martiño de Robledo, na que destaca a reitoral e a súa igrexa co seu
rústico patio cuberto. Foi neste espazo onde decidimos a xantar e
descansar, e disfrutar dun fermoso día.
Xa de camiño e moi preto do final, atravesamos un pequeno souto e,
sempre en ascenso, atopámonos con varias covas excavadas pola auga na
rocha caliza e, despois dunhas cinco horas aproximadamente, chegamos
así ao punto de partida na escola de Vilardíaz onde hai unha fonte cunha
auga fresquísima e reparadora que soubo a gloria despois deste último
esforzo. Aquí xa nos agardaba o autobús, para emprender o camiño de
regreso a Santiago por Ribeira de Piquín (Pekín, grazas Carlos!), Meira…
No hay comentarios:
Publicar un comentario