12/02/2012 - P. G. Ch. / El Progreso (Lugo)
Os membros da Asociación de Gandeiros dá Fonsagrada (Asgafon)
comercializan carne sen intermediarios. Saltáronse o chanzo dos
tratantes e venden as súas reses directamente a un matadoiro. Isto
permítelles negociar persoalmente os prezos e aforrar a comisión do
intermediario.
As vendas directas empezaron
en outubro e foron en aumento. Na actualidade, están a enviar uns 15
becerros semanais ao matadoiro de Novafrigsa, en Lugo. O 99 por cento
destas reses están catalogadas como Tenreira Galega Suprema e son de
calidade garantida.
O presidente da asociación, José Pérez López, felicítase de que
«polo menos logramos descontrolar o mercado, que estaba nas mans de moi
poucas persoas». Indica que desde que venden aos matadoiros lograron
manter os seus ingresos «e os tratantes tiveron que subir o que pagan ós
gandeiros, para non perder clientes».
Esta táctica permitiulles manter os prezos nos últimos meses de
2011 e frear a caída xeneralizada que se está rexistrando desde
principios de ano.
Din que o proceso de venda directa é máis transparente.
«Pésanse os xatos na Fonsagrada, en vivo, despois pésanse de novo en
canle no matadoiro e lévase un control do prezo», que oscila entre os
4,40 e os 5 euros.
José Pérez afirma que o obxectivo da asociación é aumentar o
volume de vendas e chegar a coordinalas. Explica que os becerros de
Tenreira Galega teñen que sacrificarse aos dez meses e resultaría fácil
saber cantos haberá dispoñibles con antelación suficiente para negociar a
súa venda. «Saber con cantos xatos contamos para vender directamente
poderiamos garantir o subministro a un matadoiro incluso para exportar e
sería posible negociar mellores prezos».
DIRECTO Á MESA
Manuel López Louxedo apunta tamén a posibilidade de vender
directamente aos consumidores. Afirma que houbo experiencias deste tipo
con resultados satisfactorios. «Esta práctica é habitual a nivel
particular, pero sería interesante aumentar o volume. Poderíase
facilitar carne con garantía de calidade a asociacións de amas de casa
ou calquera colectivo interesado», indica. Ofrecen a posibilidade de
preparala a gusto do consumidor, cortada e envasada por encargo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario