02/02/2012 -
Pilar G. Cheda / El Progreso (Lugo)
O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, anunciou que
o Concello presentará alegacións en contra do proxecto de ampliación da
Rede Natura. Considera que prexudicará a actividade agrogandeira e
forestal do municipio e que, segundo os criterios da Unión Europea, as
zonas afectadas pola ampliación non requiren especial protección.
Argelio Fernández reuniuse o pasado
martes co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García
Borregón, e co subdirector, Rogelio Fernández, quen lle explicaron que a
proposta de ampliación da Xunta é «seria e técnica, baseada en
criterios de protección natural marcados pola Unión Europea».
Os responsables de Conservación da Natureza mostráronse
contrarios a reducir a zona de protección proposta, que na Fonsagrada
abarcaría 17.397 hectáreas, é dicir, o 39,7% do municipio. No entanto,
abriron a posibilidade de estudar «un aumento da Rede Natura para
superar o 40% do territorio se o Concello presenta unha proposta razoada
en base a criterios medioambientais».
Se o municipio ten máis do 40% do seu territorio baixo
protección natural podería beneficiarse dalgunhas excepcións ás
restricións de construción.
O director xeral explicou que esta ampliación das hectáreas
protexidas non require autorización expresa da Xunta, senón que tamén
podería ordenala o Concello facendo uso das competencias urbanísticas
que lle outorga a Lei do Solo.
García Borregón recordou, ademais, que a Xunta está a tramitar
un novo plan director para definir os usos permitidos na Rede Natura.
Afirma que as zonas catalogadas como 2 e 3 non terán máis restricións
que un chan rústico convencional.
O alcalde da Fonsagrada valorou as explicacións do director
xeral, pero insistiu en que «a día de hoxe o plan director non está
aprobado e coa normativa que hai a Rede Natura ten moitas restricións e
deixa hipotecado o 39,7% do territorio da Fonsagrada».
Avanzou que o Concello presentará alegacións ao proxecto de
ampliación «por mala formulación, pois, segundo a última directiva da
UE, na serra de Foncuberta non hai hábitats de protección prioritaria,
polo tanto, a ampliación non se basea en nada real».
Fernández Queipo di que non pon en dúbida «a boa vontade» do
director xeral, «pero os condicionantes non dependen dunha persoa e
mentres non estea demostrado documentalmente que non será prexudicial,
estaremos en contra da ampliación da Rede Natura. Actuamos coa
desconfianza do gato ó que xa lle tiraron auga fervendo outras veces».
Pediu, ademais, compensacións económicas para os residentes nestes
territorios, «para que compense seguir vivindo nestas condicións».
Terra Chá
O Sindicato Labrego Galego (SLG), pola súa banda, presentou
unha alegación ante a Xunta para impedir que sexa ampliada a superficie
da Rede Natura na comarca de Terra Chá, unha das de maior produción
láctea de Galicia, sen «garantir que esa decisión non afectará as
explotacións agropecuarias.
A secretaria xeral do sindicato, Carmen Freire, explicou onte
en Vilalba que non se debe adoptar unha decisión dese calado sen
«negociar antes cos veciños» que basean o seu medio de vida na produción
de alimentos.
Freire subliñou que a protección que xa establece a Rede Natura
en Terra Chá impediu a varias explotacións aumentar os seus pasteiros e
construír naves para aloxar o gando, para protexer as turberas do
Xistral. Con todo, non impediu construír parques eólicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario