martes, 14 de febrero de 2012

Morre o actor Frank Braña, con raíces na Fonsagrada


14/02/2012 - El Progreso (Lugo / Madrid)
O actor Frank Braña, un histórico do cine de acción con raíces familiares na Fonsagrada, onde pasou a súa infancia, faleceu onte en Madrid, aos 77 anos de idade, vítima dunha insuficiencia pulmonar. Rostro habitual das producións do oeste coñecidas como ‘spaghetti western', Braña chegou a participar en máis de 170 películas.
Na súa carreira actoral, na que o seu papel máis habitual foi o de pistoleiro que, durante a metraxe, caía abatido polas balas dos seus inimigos, inclúense papeis nalgúns dos ‘spaghetti westerns' máis famosos da historia do cine.
Así, chegou a compartir elenco con Clint Eastwood nas producións ‘A morte tiña un prezo' e ‘Por un puñado de dólares', rodadas a mediados dos anos 60 polo máis reputado director do xénero, o italiano Sergio Leone.
Por esta traxectoria profesional, Frank Braña chegou a recibir en Lugo unha homenaxe no marco da edición de 2007 da Semana Internacional de Cine de Autor.
O intérprete e especialista de cine Frank Braña, nunha imaxe tomada en 2006 na Fonsagrada (Foto: AEP)

Inicios difíciles
Braña naceu en 1934 na localidade asturiana de Pola de Allande, onde o seu pai traballaba de barbeiro, aínda que as penurias da época fixeron que os seus proxenitores decidisen envialo de neno a casa da súa familia materna, na parroquia fonsagradina da Allonca. Alí pasou a súa infancia traballando como pastor, ao cargo das ovellas que criaban os seus avós na casa familiar, no lugar da Trousa, ata que, con 12 anos, deixou A Fonsagrada para traballar de mineiro.
Tras un intento errado -por problemas respiratorios derivados do seu paso pola mina - de ingresar na Garda Civil, corpo no que traballou o seu pai tras deixar a barbería, na zona de Negueira de Muñiz, Frank Braña mudouse a Madrid.
Aínda que se foi para traballar de chofer, á súa chegada decatouse dunhas probas para especialista no cine, probou sorte e deulle un xiro á súa vida profesional.
Extensa Filmografía
Braña estreouse cun pequeno papel en 'Café de Chinitas', de Gonzalo Delgrás, con 26 anos de idade, e pronto comezou a formar parte de forma habitual das cintas do oeste da época.
Ademais de aparecer na gran pantalla xunto a Clint Eastwood, tamén participou en películas con outras estrelas do celuloide como Charlton Heston ou William Holden. En 'Rey de Reyes', unha superproducción de 1961 sobre a vida de Xesucristo, desenvolveu o seu primeiro papel como especialista para escenas de acción.
A finais dos anos sesenta e durante a década seguinte rodou varias películas de Rafael Romeu Marchent, como ‘Garringo', ‘Mans torpes', ‘Un dólar de recompensa' ou ‘O lobo negro', entre outros títulos.
A silicose, herdanza dos seus anos na mina, impediulle desenvolver o seu traballo con normalidade e afastouse definitivamente das longametraxes en 2004, logo de participar en 'Carrusel c.1950', de José Luís Garci.
Profeta na súa terra
Aínda que recibiu varias homenaxes pola súa carreira como actor, o último o pasado mes de decembro no Festival de Western de Almería, para el foi especialmente emotivo ser profeta na súa terra ao converterse no protagonista da edición de 2007 da Semana Internacional de Cine de Autor en Lugo, na que se repasou a súa filmografía.
Segundo recordaba onte a alma máter do certame, Manuel Curiel, Braña presentou por entón en Lugo a súa autobiografía ‘Morrer con dignidade no cine', titulada así en alusión ás moitas veces que tivo que facerse o morto na gran pantalla, un rol que lle valeu o recoñecemento dos seus colegas do gremio actoral.
Esa non foi a única vez que foi profeta na súa terra xa que un ano antes, en 2006, foi elixido para pronunciar na Fonsagrada o pregón da feira do butelo. Aínda que Braña residía na localidade madrileña de Collado Villalba, ata hai dous anos, cando empeorou a súa saúde, foron frecuentes as súas visitas ao concello no que pasou a súa infancia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario