Foro (contrato)
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O foro é
un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou,
eventualmente, perpetuo, polo que unha persoa ou institución lle cede a
outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a
cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.
Trátase dunha fórmula de cesión de bens, normalmente de natureza
agraria, que presenta grandes analoxías co censo enfitéutico, pola que
un titular da riqueza (o concedente ou forista) lle cedía a outro (o
concesionario ou foreiro) uns bens determinados, a cambio do pago dun
canon ou renda, ademais doutras obrigas, que mudaron co paso do tempo. A
súa figura xurídica supoñía a existencia dunha pluralidade de dominios,
na que o forista retiña para si o dominio directo, mentres que o
foreiro recibía o dominio útil da riqueza aforada. A duración destes
contratos agrarios, dende o principio moi longa, fixouse por vidas de 3
voces (vidas de foreiros) ou de 3 reis e 29 anos máis. Pero, a diferenza
da enfiteuse, o foro non era unha cesión perpetua e, polo tanto, non se
podía redimir. Os bens aforados debían retornar, co seu correspondente
dominio, ó titular do directo que, en todo caso, debía pagar as melloras
ou perfeitos que o dominio útil ou foreiro fixera.
O territorio
galego foi un dos espazos peninsulares nos que arraigou de forma
máis clara esta práctica, aínda que, con este nome ou con outros
semellantes (prazos, establecementos), se atopan cesións agrarias
análogas en moitas rexións do norte de España e de Portugal, así como en
Europa. Segundo os cálculos de autores do século XIX, a súa
implantación en Galicia chegaría a afectarlles ás catro quintas partes
da área cultivada. Só na antiga provincia de Mondoñedo, amais
dalgunhas comarcas illadas do interior, tiñan relevancia outras formas,
como os arrendos ou as parcerías.
O foro naceu nos tempos medievais, pero mantívose en vigor ata o século
XX, cando un decreto lei de 1926 regulou
de modo definitivo a súa extinción mediante o procedemento da súa
redención por parte do foreiro, a cambio do pago dunha indemnización ao
forista. A desaparición deste sistema foi un proceso relativamente
rápido e fixouse logo na Compilación del Derecho civil especial de
Galicia de 1963
o seu cesamento absoluto en 1973. A vixencia legal do foro rematou daquela,
despois de máis de oito centurias de existencia. Pero a súa historia non
resultou uniforme, senón que viviu xeiras ben diferentes que se poden
agrupar en varias fases. Con todo, as cuestións esenciais redúcense a
dúas: a condición temporal ou perpetua e as obrigas que debían cumprir
os foreiros ou levadores da terra. Ámbalas dúas, especialmente a
primeira, foron obxecto de conflitos en diversos momentos da historia do
foro.
Período de formación
Como forma de cesión agraria, os primeiros foros apareceron a finais
do século XII, sobre todo na documentación de mosteiros
cistercienses. Logo, durante o século
XIII, a adopción desta práctica xeneralizouse no seo dos señoríos
eclesiásticos e tamén nos laicos, fixándose entón algunhas das
características básicas que mantivo ata o final: a cesión a longo prazo,
cando non perpetua, condición frecuente no século XIII, e o pago dun
canon ou renda, que debía ir acompañado do recoñecemento de vasalaxe por
parte do foreiro. Durante os séculos XIV e XV, nos que se produciron as
crises demográficas e o abandono dos campos, os foros perpetuos
deixaron de ser hexemónicos, impoñéndose a tendencia á limitación
temporal (daquela, en forma de voces sucesivas na titularidade das
labranzas, e non de reis). Malia estas mudanzas, non foi substituído por
outras formas de cesión da terra.
O foro xurdiu como expresión dunha madurez da sociedade rural
medieval, na que tanto os grandes dominios monásticos coma as aldeas
gozaban de clara estabilidade. Comportou o abandono progresivo da
explotación directa por parte dos señores da terra, entre eles aqueles
que moitos documentos titulan de frades lavradores. Supuxo tamén a
existencia de mecanismos de coerción capaces de garantir os requisitos
establecidos nos documentos forais. Era común o vencello da condición de
foreiro coa de vasalo, de
modo que en moitos foros medievais se estipulaba o deber de "fazer foro
et vasalía". Regulaba, pois, non só as relacións coa terra, senón tamén
as sociais establecidas entre os señores e os vasalos. Moitas das
obrigas propias do réxime señorial, dende os traballos agrarios
(vendimas, seituras, mallas...) ata as hospedaxes do señor e o pago da loitosa,
debían cumprilas os foreiros na súa condición dupla de vasalos "boos et
obedentes". En realidade, reunía en si mesmo as características propias
dun contrato de natureza romana (temporalidade, renda, reversión da
leira ó dominio directo...) e xermánica ou manifestamente feudal
(vasalaxe, servizos persoais, loitosa, etc.).
Contrato territorial
A natureza do foro medieval experimentou unha dobre muda nos
primeiros séculos da época moderna. Por unha banda, consolidouse como
forma de cesión da terra, nun tempo no que na coroa de Castela se fora impoñendo ó abandono das cesións a
longo prazo, os chamados fetosines. No canto de devalar, o foro
volveuse máis vizoso. Pola outra, cambiaron as condicións do contrato,
sobre todo no referente ás obrigas de carácter vasalático que arrastraba
dende os tempos medievais. As dúas mudanzas poden ser explicadas en
virtude das transformacións sociais que tiveron lugar nos séculos XVI e
XVII. O resultado xeral do proceso foi que o foro se converteu nun
contrato agrario de base territorial e perdeu progresivamente a súa
condición señorial ou xurisdicional.
Dende o século XVI produciuse en Galicia unha
reordenación dos seus grupos sociais, o que lle afectou de forma directa
ó foro, en canto figura xurídica que regulaba as relacións sociais
agrarias.
En primeiro lugar, despois da crise dos anos finais do medievo, a
Igrexa reafirmou a súa fortaleza coa reforma dos mosteiros e coa
recuperación dos patrimonios que os cabaleiros encomendeiros lle
usurparan. As institucións eclesiais, regulares ou seculares,
convertéronse nas principais titulares dos dominios territoriais,
ademais de verse favorecidas pola percepción dos décimos, un dos seus
ingresos anuais máis pingües. Isto explica que, na época do catastro de Ensenada (1753), a distribución das rendas
agrarias censadas en Galicia lle fora notoriamente favorable á Igrexa,
que concentraba preto de dous terzos. A Igrexa, que abandonara a
explotación directa xa en tempos medievais, beneficiou agora a difusión
do foro como forma de cesión da terra.
En segundo lugar, reforzouse a alianza entre a Igrexa e a fidalguía
emerxente e a pequena nobreza provincial. Dende finais do século
XV inzaron os documentos nos que os mosteiros e as mitras lles
concederon cartas forais extensas a escudeiros, escribáns e persoas
poderosas. En moitos casos, estas cesións xa recoñecían que os
recipiendarios poderían aforarlles a labradores as granxas e os lugares a
eles aforados. Sen dicilo de forma expresa, estaba a nacer a
subordinación de dominios ou o que logo se chamará subforo. A
razón pola que a Igrexa tivo que adoptar esta estratexia debeuse, en
moitos casos, a que só deste xeito podía restaurar os seus dominios
territoriais e asegurar a súa labranza. A consolidación do foro
escondeu, pois, unha alianza complexa entre os distintos grupos sociais.
En terceiro lugar, cómpre ter en conta a posición activa dos propios
campesiños na transformación da natureza dos contratos forais. Os
patrimonios aforados a fidalgos e labradores abastados foron, á súa vez,
cedidos en foro e non en forma de arrendo nin de parcería. Os labregos
traballadores da terra consolidaron, aínda que dunha maneira máis
demorada, os seus dereitos sobre ela, grazas á estabilidade que lles
achegou a cesión a longo prazo dos foros ou subforos. Os fidalgos
intermediarios non foron quen de tronzar o elo fundamental da
institución foral, que era a súa estabilidade e longa duración. Como
recoñecía en 1537
o arcebispo de Compostela Pedro Gómez Sarmiento, "se ve por
experiencia ser mas útil y provechoso dar a fuero o arrendamiento por
vidas tales casares y heredamientos", porque deste modo os labradores
traballaban mellor os eidos e non os abandonaban.
Este resultado non foi, con todo, obra de pouco tempo. Durante o século
XVI e boa parte do XVII abundaron os preitos e os apeos de
patrimonios nos que os labregos litigaron de forma sistemática pola
permanencia sobre a terra. A tendencia predominante era que os levadores
de foro aceptaban recoñecer o dominio eminente de mosteiros, igrexas e
señores laicos, a cambio de concederlles foros novos, con rendas sabidas
e xeralmente fixas. En troques, todas as vellas obrigas consistentes no
pago de servizos (prestacións en traballo, loitosas e demais)
reducíronse a cantidades invariables en metálico. Mesmo se deu o caso de
que moitos campesiños perderon a propiedade plena dalgúns dos seus
bens, a cambio de ser foreiros.
Grazas a esta complicada relación existente entre os diversos grupos
sociais con intereses agrarios e á penetración progresiva do dereito
común establecido pola xurisprudencia da Real Audiencia, o foro galego
camiñou directamente cara á súa contractualización. De estar baseado
nunha dependencia persoal foi pasando cara a un dereito real, con
fundamento ou base territorial, cunha duración certa (3 vidas de reis e
29 anos máis) e unha renda sabida e fixa en especie, con algún engadido
en diñeiro. Esta foi a imaxe que foi adquirindo o réxime foral na
Galicia dos séculos modernos. Pero ficaba en pé o problema da súa
temporalidade. Isto abriu un magno conflito a mediados do século XVIII, que marcou a situación do foro ata a súa fase
final.
Temporalidade perpetua
En 1863,
cando se levantou a polémica sobre unha posible lei de redención dos
foros, o xurista Fermín
de Muro cuñou a idea de que o foro galego vivía nunha contradición
evidente. Constituía claramente un contrato agrario de carácter
temporal, con data certa de extinción por moi alongada no tempo que
estivese estipulada. Pero tamén era tradición xurídica asentada o feito
de que non se podía producir a reversión do dominio útil, isto é, que
non era viable o desafiuzamento dos foreiros nin dominios útiles a favor
dos dominios directos e perceptores das rendas forais. Esta situación
foi o resultado dun proceso histórico que comezou coa provisión de 1763 e que
proseguiu en boa parte da lexislación que as reformas liberais
produciron en materia agraria, dende as grandes medidas da abolición dos
señoríos e da desamortización, como nas disposicións concretas sobre os
censos e os foros, ata a codificación civil e o propio Código civil de 1889. Todas
estas medidas tiveron que enfrontarse con esta temporalidade perpetua,
que non se rompeu ata a lexislación redencionista definitiva de 1926. Os pasos
seguidos neste proceso foron varios.
O primeiro e o máis decisivo foi a solución acordada en 1763 polo
monarca Carlos III, con ocasión da chamada
polémica dos desafiuzamentos, que se plasmou nunha famosa provisión. A
mediados do século XVIII, moitos mosteiros galegos e
algunha casa nobiliaria como a de Altamira, coñecidos na literatura
coetánea como dominios directos, trataron de que a Audiencia de Galicia
admitise as demandas de desafiuzamento (despoxo) de foros. O obxectivo
era fixar de modo diáfano a súa temporalidade e, polo tanto, abrir a
posibilidade de que se puidesen transformar en arrendos ou en cesións a
curto prazo. A resposta dos foreiros principais, que se autotitularon
representantes do Reino de Galicia, estivo na defensa da renovación
forzosa dos foros na cabeza dos que viñan sendo os seus titulares ou
dominios útiles. A polémica avivouse tanto que o historiador Manuel Murguía non dubidou en cualificar o problema como o
conflito por antonomasia de toda a historia do foro. Certamente, nos
anos previos a 1763 abríronse numerosos preitos na Audiencia galega a
petición dos dominios directos; nalgún caso, como o do cenobio
de Sobrado, logrouse a anulación dos foros e mailo desarrendamento
dos labregos. Pero a solución, dentro dunha ambigüidade inicial, non se
demorou moito. A provisión de maio de 1763 estableceu o mandato de que a
Audiencia de Galicia suspendera toda a tramitación pendente de demandas
de desafiuzamento por parte dos dominios directos ata que o Consello de
Castela resolvera o expediente xeral de foros, aberto en tal ocasión. A
posición dos foreiros saíu triunfante.
As razóns que explicaron a decisión de Carlos III foron diversas. As
máis importantes tiveron que ver coa propia determinación da monarquía
de combater os privilexios da Igrexa e de favorecer a posición dos
intermediarios. Tamén resultou decisiva a defensa que a fidalguía,
algúns representantes da Igrexa (como o arcebispo compostelán Bartolomé de Raxoi) e, dende logo, algúns
membros do Consello de Castela fixeron das teses
favorables á renovación forzosa dos foros, que xa contaban con
defensores ilustres como o xurista Francisco Salgado de Somoza, autor do Patrocinium pro
patria, publicado a principios do século XVII. A modificación do
réxime foral, para ser substituído polo que Sarmiento chamou puro
arrendo, non foi posible, porque eran moito máis poderosos os intereses
que, dende os séculos anteriores, se teceran entre os fidalgos e nobres
intermediarios e os campesiños. Mediar pola renovación forzosa dos foros
supoñía non só evitar os arrendos, senón asegurar os dereitos sobre a
terra que a territorialidade do foro viña establecendo dende o século
XVI. Certamente, ó ser un contrato agrario sen ganga señorial, o foro
podía ser trocado polo arrendo, pero isto implicaba descabezar boa parte
da estrutura sociolóxica do Reino de Galicia.
O foro mantívose na súa condición de cesión temporal, pero na
práctica fíxose perpetuo. Nesta dirección seguiron avogando as
disposicións legais emitidas despois de 1763, que pasaron de ser unha
medida cautelosa a dispoñer, como aconteceu en 1785, que a
Audiencia non admitise a trámite as demandas de desafiuzamento. Logo, na
lexislación sobre os censos de 1805 volveuse fixar a situación dos
foros como algo excepcional, ao impedir a súa redención, xusto porque
formalmente non se podían considerar como perpetuos e, polo tanto,
redimibles.
Durante o proceso revolucionario aberto en 1808
produciuse un segundo paso na perpetuación de facto do foro. No decreto
abolicionista de 1811 non se mencionaban de forma explícita as rendas
forais, o que permitía entender que se consideraban como expresión de
contratos establecidos entre particulares e, polo tanto, exentos de todo
perigo abolicionista. Aínda que houbo litixios ben ruidosos nesta
época, nos que os veciños de diversas comarcas alegaron que as rendas
forais procedían do exercicio da xurisdición dos señores, as sentenzas
xudiciais foron sistematicamente favorables ós perceptores de rendas.
Logo, na lexislación desamortizadora da época de
Mendizábal, as rendas forais consideráronse como bens nacionais
susceptibles de venda en poxa pública, limitando no posible a súa
eliminación mediante o procedemento da redención. A reforma liberal
reforzou a posición do foro, que mesmo se utilizou para converter as
percepcións evidentemente xurisdicionais (pagos de cuartos e quintos) en
pensións asimiladas a rendas forais, como amosou o coñecido preito da casa de
Alba cos veciños de Iñás, Dexo e Serantes (Oleiros), en 1857. Con
todo, no curso da codificación civil, a lexislación liberal tratou de
darlle unha solución á cuestión foral, resolvendo a vella contradición
da súa temporalidade perpetua. Comezaba así a fase final do foro, que se
alongaría ata o século XX.
Demorada desaparición
Aínda que o proxecto do Código civil de 1851 non
chegou a aprobarse, a lexislación sucesiva en materia de propiedade
territorial (principalmente, a Lei hipotecaria de 1861) foi modificando a
natureza do foro. Dende os anos 60 do século
XIX apareceu unha tendencia doutrinal e política que pretendía
darlles unha solución definitiva ós daquela denominados foros de Galicia
e Asturias. Isto abriu un debate en torno ó foro que tivo como primeira
expresión o proxecto de lei de redención dos foros elaborado polo
deputado galego Justo
Pelayo Cuesta en 1864. Tratouse dunha aposta a favor dunha solución
redentora que, non obstante, se topou cunha forte resistencia da
sociedade galega, como amosaron os debates que tiveron lugar no Congreso
Agrícola Gallego, desenvolvido en Santiago de Compostela no verán
daquel ano. O resultado máis rechamante das discusións do congreso foi
xustamente o de manter o statu quo na cuestión foral. Dado que non era
posible unha solución de carácter reversionista (favorable ós dominios
directos), evitouse a saída do redencionismo.
Durante a I República aprobouse, e púxose
en práctica, unha lei de redención de foros, defendida polo republicano
Juan Manuel Paz Novoa. Estivo en vigor
apenas seis meses (de agosto de 1873 a febreiro de 1874), de modo que
foron poucos os foreiros que puideron acceder á redención das súas
rendas forais. Pero tivo o mérito de abrir a primeira fenda no vello
edificio do foro galego. A solución á súa indefinición legal (temporal e
perpetua á vez) era a súa eliminación, mediante a indemnización ó
perceptor de rendas por parte do pagador. O redencionismo, que tamén se
fora abrindo paso na política desamortizadora dende a época de Madoz,
era a posición claramente triunfante fronte a un posible reversionismo
que carecía de lexitimidade.
Dende 1874 en adiante, ata 1926, sucedéronse varios proxectos de
redención foral, que non lograron traducirse en leis (entre os máis
coñecidos, o de Montero Ríos, en 1886, e o de Eduardo Vincenti, en 1907). O
definitivo Código civil de 1889 estableceu a necesidade de que, por unha lei
especial, se regulara a redención de foros. Publicáronse daquela textos
xurídicos e históricos importantes sobre a cuestión foral (Murguía, Gil
Villanueva, López de Lago, Pérez Porto, Lezón...), pero a decisión
política de resolvela non chegou ata un decreto lei de 1926, froito da
política agraria de Primo de Rivera, atenta á promoción do mercado
interior e á posición dos produtores agrarios. O decreto de Primo de
Rivera regulou definitivamente o termo dos contratos de foro mediante
unha capitalización elevada das rendas, pero soportable pola inflación
que se producira despois da I Guerra Mundial.
Nos anos posteriores a este decreto, incluídos os da II República que aliviaron
algunhas partes do proceso de redención, tivo lugar a derradeira fase de
eliminación do réxime foral, que legalmente culminou durante o franquismo.
Despois de séculos de conflitos en torno ao sistema foral, a
liquidación deste vello contrato agrario efectuouse sen moitas
dificultades. Este final non sería comprensible sen ter en conta as
décadas previas, nas que a cuestión foral se situou no epicentro da vida
social e política da Galicia tanto rural coma urbana.
Dende finais do século XIX, diversos feitos concorreron no
debilitamento do foro. Os efectos da crise agraria de fins do século XIX
foron demoledores para os rendeiros, que se viron desprotexidos ante o
avance dos produtores directos. A mobilización dos campesiños galegos,
organizados en sociedades e sindicatos agrarios, colocou a redención dos
foros na dianteira das súas reivindicacións, logrando en moitos casos
acordos particulares entre as comunidades de foreiros e rendeiros.
E por se todo isto fora pouco, a masiva emigración
americana achegou os recursos monetarios necesarios para sufragar os
gastos da redención foral, así como unha modernización notable das
labranzas campesiñas.
A suma de todas estas tendencias favoreceu unha onda histórica de
propietarización campesiña, que tivo na eliminación do foro unha das
súas expresións máis acaídas. Finalmente os labregos lograron facerse
donos de seu grazas a redención.
PARA SABER MAIS
No hay comentarios:
Publicar un comentario