A terceira fin de semana de xuño fomos
camiñar ata o concello da Fonsagrada, situado en pleno corazón das
serras orientais de Galicia e enmarcado nunhas inmellorables paraxes de
montaña que constitúen unha fronteira natural con Asturias, onde fixemos
un par de rutas verdadeiramente recomendables. Que pouco coñecemos o
interior do noso país!
Estivemos aloxados en réxime de media pensión no Hotel Fonte Sacra, á entrada da vila, un catro estrelas moi asequible para grupos. Altamente recomendable.
Camiño da República.
- Sábado, 18/06/2011
- Lonxitude: 11 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo.
- Dificultade: media-baixa.
O Camiño da República foi unha obra verdadeiramente faraónica que
comezou aló polo ano 1928, pedra a pedra, coa intención de unir San
Antolín de Ibias de Asturias coa Fonsagrada de Lugo, sendo parada pola
guerra civil do ano 1936. Como veredes polas fotos, ten un alto interese
paisaxístico, histórico e natural. Case que non ten dificultades e as
vistas son excelentes.
Anque comezamos un ou dous quilómetros antes, esta ruta comeza na
ponte de Vilabol, no val do río Suarna, no concello de A Fonsagrada. O
descenso pola pequena estrada que leva a Vilabol permite ir admirando a
paixase, a cada paso máis sorprendente. Na Pena do Inferno, en Naraxa,
parte a ruta que no seu primeiro tramo será un paseo á beira dos ríos
Lamas e Navia. A cada paso, o camiño faise máis fermoso e imos gozando
da incomparable beleza da cunca do río Lamas. Dende o Camiño, cando a
espesura nolo permite, pode apreciando a ladeira por onde discurre o
sendeiro e cunha paisaxe espectacular!
Desviámonos un pouco para visitar tamén a Ferrería de Vilar de Cuíña,
que tivo actividade ata finais do s. XIX. Despois de deixar este lugar,
hoxe convertido en área recreativa, regresamos ao camiño da República
acompañados da beleza paisaxística, que para min culmina na confluencia
dos ríos Navia e Suarna. Continuamos camiño á beira da canle do río
Navia, disfrutando dunha paisaxe fluvial de gran beleza e valor
ecolóxico e, polo que parece, non se modificaron substancialmente as
condicións iniciais do camiño, acondicionándose unha vía dun enorme
valor histórico.
Hai que destacar a calidade da obra realizada fai 80 anos por centos
de traballadores, xa que se poden contemplar muros de máis de tres
metros de alto en varios puntos do trazado. Xa no tramo final, o camiño
discorre pegado á cola do encoro de Grandas de Salime, onde apreciamos
escombreiras de vellas minas (creo que da época romana), ata que
chegamos á ponte colgante de Ríodeporcos onde rematamos a ruta. Esta
aldea, en Asturias, ten as súas comunicacións a través desta ponte. Os
veciños deixan os coches deste lado do río e cruzan a ponte para ir ás
súas casas.
Bueno, rematamos facendo estiramentos (grazas Rocío!), no Miradoiro
de Arexo dende onde se ten unha extraordinaria vista da cola do encoro
de Grandas de Salime, e o serpenteo do río Navia aos pés das empinadas
ladeiras das montañas que o rodean. Menudo lugar para facer
estiramentos!
Xa de regreso á Fonsagrada e unha vez aseados, demos un pequeno paseo
pola vila, antes de cear. A sorpresa tivémola despois da cea, pois o
Carlos, xunto con Virtu e Manolo, deleitáronos coa gaita, pandeireta e
baile! e uns, máis ca outros, fómonos animando coa festa. Isto ten que
repetirse na primeira que haxa de fin de semana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario