10/02/2012 - Ramón González / El Progreso (Lugo)
No cartel deste ano da Feira do Butelo, que se celebra o
domingo, o debuxante madrileño Forges invita a pensar: «A Fonsagrada:
onde o sol queda máis próximo». Visitando as terras do municipio
fonsagradino, cunha capital situada a 952 metros de altitude, un non
pode evitar sentirse pequeno e cuestionarse o seu concepto de lonxanía,
diante dunha xente que vive presuntamente illada, pero rodeada a cada
metro do tremendo espectáculo da natureza.



Se os ríos e regos son abundantes, non son menos as seimeiras,
palabra empregada polos habitantes da zona para designar as fervenzas.
A tres kilómetros da capital do municipio e na parroquia de San
Martín de Suarna, a Seimeira de Vilagocende é un deleite para os
sentidos. O río Porteliña, que envorca no Lamas, flúe nunha caída
vertical duns 50 metros -unha das maiores da comunidade- entre unha
catedral de lousa. O espectáculo visual completa o sonoro, xa que a
forza da auga xera un torrente que se pode definir, sen medo ao erro,
como musical. E incluso hai un goce táctil, o de sentir a cara mollarse
co vento. Para os máis valientes queda darse un baño na auga conxelada.
![]() |
Na aldea de Queixoiro, na ruta de senderismo de Forno do Bolo,
duns cinco kilómetros de lonxitude, atopamos outras dúas seimeiras case
consecutivas.
A praia fluvial Pena do Inferno, en Naraxa (a uns once
kilómetros da Fonsagrada, e a 380 metros de altitude), situada nunha
fraga de grande variedade vexetal e animal, é unha boa opción para
quenes visiten a zona en verán e queiran darse un chapuzón. Os máis
lambóns poden degustar un churrasco no restaurante do cámping para
redondear o día.
E se o verán non é unha mala elección para achegarse á A
Fonsagrada, o outono parece un envite seguro. O monte énchese dunha
incontable variedade de cores, como as especies vexetais e animais a
atopar. Os veciños destacan a fraga de Carballido, así como as de San
Xes e a Marronda, como visitas obrigadas para os amantes do medio.
Para os afeccionados á caza, A Fonsagrada garda o couto máis
grande de España, con 43.323 hectáreas e unha grande abundancia de
especies: corzo, xabaril, perdiz, codorniz, raposo ou lebre.
E logo do estímulo do oído, da vista e do tacto, o olfato e o
gusto atopan o seu momento na mesa. O butelo, nacido da necesidade de
conservar a carne logo da matanza do porco, é o indiscutible rei na
Fonsagrada, pero a gastronomía local garda moitos máis atractivos, como
as castañas, os cogumelos, a mel, as troitas, ou -de sobremesa- o pastel
típico, feito con améndoas e dezaoito ovos, nada menos.
Por se isto fora pouco, outro dos grandes valores da zona é o
carácter afable dos seus habitantes. O alcalde, Argelio Fernández,
explica o motivo. «A xente da Fonsagrada está acostumada a compartir.
Antes, as condicións da vida na zona non eran doadas, dende logo non
como agora. E a xente tiña que xuntarse para saír adiante», expón.
«Quizáis polo medio no que vivimos, somos xente aberta, que abre o
corazón a quen chega. Dende logo, é un orgullo vivir entre esta xente»,
remata.
No extremo centrooriental da provincia, o concello forma un
conxunto montañoso que constitúe unha barreira natural con Asturias. No
miradoiro de Arexo, a 19 kilómetros da capital e na parroquia de Vilar
de Cuíña, pódese contemplar esta barreira de montañas sobre o río Navia,
cunha estampa que non desmerece ningunha postal. Ao fondo, á beira do
río, vese a antiga estrada da República, vial non rematado que hoxe
configura un atractivo roteiro a pé.

A casa de Pasarín é un dos edificios máis interesantes do casco
vello, cun grande valor arquitectónico e que conserva un escudo na súa
fachada. A finais de 2008 aprobouse a súa rehabilitación e utilización
como albergue do Camiño, pero o inmoble non recibiu modificacións ate o
de agora.
Pero as festas e feiras son, sen dúbida, un dos principais
valores de A Fonsagrada. Ás exaltacións do butelo ou o porco celta, que
serán este domingo, cabe salientar tamén as patronais, celebradas en
setembro, a do Emigrante (en agosto) e a dos pescadores (entre xuño e
xullo), na ferrería de Cuíña. Cada primeiro e terceiro sábado de mes,
hai unha feira-mercado.
«Vivir aquí é unha aposta pola terra», conclúe Fernández. Logo
da visita, calquera lle discute que non é acertada. En todo caso, A
Fonsagrada revélase como un paraíso a descubrir. E só está a unha hora
en coche de Lugo capital.
UNHA ZONA DE GRANDE RIQUEZA HISTÓRICA |
A Fonsagrada é un lugar cuxo potencial económico
(esencialmente mineiro) e de abrigo non pasou desapercibido, e que puido
existir xa antes do século IV (Fonte Albei), como estación dun
itinerario que ía de Lucus Asturum (Lugo de Llanera) a Lucus Augusti. En 1187 hai evidencias xa da chamada Fonte Sacra, que foi medrando como lugar de paso nas peregrinacións a Santiago polo camiño do interior. Prehistoria O concello gozou na Prehistoria recente e nos primeiros séculos dunha ocupación de grande vitalidade. Proba delo é a existencia de mámoas (das cales algunhas investigacións arqueolóxicas contan ata 144), varios dólmenes megalíticos, preto de 80 asentamentos castrexos e xacementos mineiros. O castro de Castañoso, un dos mellor conservados do municipio, alberga unha sauna castrexa, a única descuberta na provincia polo de agora, da cal queda a metade da teitume, aínda que o seu estado de conservación foi froito de polémica. Fortaleza medieval Un dos vestixios históricos máis coñecidos do municipio é a torre da fortaleza da Pobra do Burón (antiga capital municipal ata o ano 1835), datada no século XV, que dá conta da súa importancia. Outro lugar de importancia é a ferrería de Cuíña, a maior da zona, da que hai evidencias da súa existencia xa en 1784, e que foi un verdadeiro centro de produción do mineral para o país, pechando definitivamente en 1884. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario