viernes, 20 de noviembre de 2009

O LEADER

http://agader.xunta.es/EixoLeader.do
http://www.mapa.es/desarrollo/pags/programacion/programas/Galicia/Galicia.pdf
http://www.libroblancoagricultura.com/libroblanco/jautonomica/galicia/ponencias/crecente/crecente5.asp http://www.territorioscentroamericanos.org/redesar/Sociedades%20Rurales/Plan%20de%20Desarrollo%20Rural%20de%20Galicia.pdf
http://www.xornalgalicia.com/index.php?name=News&file=article&sid=61420
Que é o LEADER?
O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.
En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999 e 2000-2006, ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamento, levaron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de xeito que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.
Quen pode participar?
Todas as entidades públicas ou privadas que desenvolvan a súa actividade nas áreas territoriais definidas do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental, profesional, comunidades de montes etc. non só poden senón que deben implicarse no programa LEADER do seu territorio.
Como se pode participar?
O programa LEADER de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional que desexen implicarse. Estas entidades funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir calquera organización do seu territorio que desexe participar no programa.
Como funcionan os GDR?
O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense cales son as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio do punto de vista produtivo, económico, dotacional, social etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2007-2013 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia.
O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para ese territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.
As subvencións
Calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte do GDR para obter financiamento do programa LEADER. O que se debe ter en conta é que en función do proxecto pode haber restricións adicionais que recolle a normativa de aplicación (ex: para os proxectos de natureza económica exclúense as grandes empresas).
A valoración do GDR determinará a porcentaxe de subvención para cada proxecto. Así e todo, para os proxectos de natureza produtiva – os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado – non han superar nunca o 50% de axuda pública. Pola contra, os proxectos de natureza non produtiva – os que se destinan á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural – poden chegar a acadar o 100% do financiamento, aínda que como norma xeral o promotor sempre deberá facer algunha achega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario